A carretaxe, mancha eterna das eleccións en Galicia

Imaxes da suposta carretaxe en Rairo CC-BY-SA AGE

Dise da carretaxe dese repentino e voluntarioso labor de transportistas de vontades que moitos cargos políticos deciden exercer nas xornadas electorais en Galicia. E fíxose tan habitual que o uso da palabra estendeuse tamén para todas aquelas prácticas que non só supoñen ese traslado gratuíto -normalmente de persoas anciás e en moitos casos enfermas-, senón tamén á manipulación do voto, ás presións para envialo por correo previamente supervisado polo partido actuante ou directamente o intento de compra. 

As últimas denuncias de carretaxe e compra de vontades e Amoeiro e Sandiás reaviva a polémica sobre estas vergoñentas prácticas

Non hai precampaña, campaña ou xornada electoral na que as xuntas electorais non reciban denuncias de posibles delitos electorais. E non hai ano que o PP non sexa a formación máis sinalada. A última demanda chegou desde Amoeiro, por parte do seu alcalde e candidato socialista, Rafael Rodríguez Villarino, que achegou vídeos nos que a directora dunha residencia de anciáns relata as presións de tres traballadoras do Concello -que se presentan nas listas populares- para que os pacientes lles cedesen o votou por correo ou nos que dous vellos enfermos contan como estas mesmas empregadas visitan a súa casa fóra do horario laboral para insistir en que voten o Partido Popular. 

Na mesma provincia ourensá, pero en Sandiás, a Agrupación de Electores que se presenta aos vindeiros comicios locais tamén denunciou no xulgado a alcaldesa por outro presunto delito electoral. Tería, xunto a empregados do Concello, presionado varios veciños, obrigándoos a solicitar o voto por correo para logo introducir eles mesmos a papeleta no sobre. 

O alcalde de Amoeiro pide aos galegos que "esperten e empecen a falar e denunciar" estas prácticas

Pero hai centos de casos e centos de testemuños de persoas que saben de situacións parecidas en Galicia. De ofrecementos, de compra de vontades, de transporte a cambio de papeletas, de cambio a última hora de votos, de traslado de enfermos, de reparto de sobres coa candidatura xa elixida... "O que supón  un escándalo en calquera lugar do Estado é tomado como algo natural en Galicia. E non é natural, é algo aberrante, ilegal e eticamente noxento", di Rodríguez Villarino, alcalde de Amoeiro que presentou os vídeos, e que pide que a xente "esperte e empece a falar e denunciar"

Iravedra, cargo do PP lucense imputado por presunta carretaxe de anciáns, segue a ser conselleiro da RTVG

Tan só nos últimos anos, as denuncias de presións, manipulación do voto ou carretaxe son múltiples. No día das eleccións autonómicas de 2012, un dirixente do PP local, José Luis Iravedra e varios militantes máis empurraron cadeiras de rodas de anciáns coas súas facultades mermadas ata un céntrico colexio electoral. Foi denunciado ante a xustiza e conseguiu rachar -algo- o silencio sobre estas prácticas. A xuíza que instrúe o caso, iniciado a raíz dunha denuncia de AGE, ten claro que as persoas carrexadas, residentes do asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" por padecer doenzas como o alzhéimer ou demencia, entre outras, segundo acreditan informes forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia. O implicado segue como conselleiro da RTVG. 

Nesas mesmas eleccións, denunciáronse outros casos semellantes. Como o das monxas dun asilo de Cambados que levaban os anciáns a votar mentres elas mesmas cargaban coas papeletas. Igual tería ocorrido nunha residencia de Rairo, en Ourense, cando segundo denunciou AGE se carretaba "xente con alzheimer avanzado". Ou trinta persoas trasladadas dunha residencia do Carballiño, tal e como denunciara o PSdeG. O "viño e empanada" que repartían os populares xunto a un local electoral en Teo foi outro dos casos denunciados, un clásico habitual en numerosas localidades. 

A tanto chegaron as sospeitas e as denuncias de carretaxe, que as mesmas caeron sobre as primarias de plataformas cidadás como Ourense en Común. Mesmo un alcalde do PP da provincia recoñeceu que acudira a votar por un dos candidatos para unha candidatura da capital. 

Nas últimas eleccións autonómicas houbo varias denuncias -con gravacións incluídas- sobre o traslado de enfermos ás votacións

Nas eleccións europeas de hai un ano, o PSdeG tamén denunciou a "carretaxe de votos" en varios colexios electorais da provincia de Lugo, así como a aparición de sobres coas papeletas do PP xa dentro noutros. Moitos anos antes, en varias localidades descubriuse como, de súpeto e poucas semanas antes das eleccións, empadroábase xente masivamente co enderezo en casas baleiras ou en ruínas. E en 2006, un vídeo do colectivo Hai que botalos! demostraba con evidencias a tan denunciada carretaxe en varias aldeas do interior do país. Nin que falar teñen as continuas sospeitas sobre o voto emigrante, onde mesmo persoas xa falecidas exercían o seu dereito. Obviamente, sempre a favor dun mesmo partido. 

Imaxes da suposta carretaxe en Rairo CC-BY-SA AGE
Imaxes da carretaxe con Iravedra (esquerda), publicadas por La Voz de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.