Paula Prado pide apoio para o PP nas municipais fronte ás "corruptelas" da oposición

De esquerda a dereita, Manuel González, Ana Pontón, Paula Prado, Tino Santiago, Aitor Bouza, Xan Duro e Alfonso Rodríguez CC-BY-SA Praza Pública

A facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela acolleu un debate entre as principais forzas que se presentan a estas municipais: PP coa deputada Paula Prado, PSOE co membro da Executiva Aitor Bouza, BNG coa deputada Ana Pontón, CxG co responsable de Finanzas, Manuel González, Compostela Aberta co membro da lista Xan Duro e Ciudadanos, co representante pontevedrés, Alfonso Rodríguez. O xornalista Tino Santiago foi o encargado de moderar o encontro.

Na súa presentación, a representante do BNG, Ana Pontón, quixo agradecer a convocatoria na Facultade do debate por "fomentar a participación, algo que non fan os medios públicos nin privados" e pediu un aplauso en recordo a "Isabel, que foi asasinada nun hospital onde fallaron todos os medios e recursos". A popular Paula Prado afirmou que estas son as "eleccións da recuperación porque se reduciu moito o desemprego en Galicia e, ao final, o emprego é a mellor política social". O representante de Ciudadanos, Alonso Rodríguez aclarou que queren unha redistribución da riqueza dos concellos e que son liberal-progresistas "ou iso pon nos estatutos". Xan Duro, de Compostela Aberta explicou que o seu é un programa "para o ben común, non para uns poucos e por iso é preciso sumar forzas". Pola súa banda, Manuel González, de Compromiso por Galicia afirmou que a súa é unha "socialdemocracia renovada porque no século XXI non pode aplicarse medidas dos anos 60". González resumiu os piares básicos do programa municipal de CxG en "rexeneración democrática e transparencia, mellora do benestar e a igualdade, a xestión eficiente dos recursos e un desenvolvemento local sustentable". Por parte do PSdeG o membro da Executiva, Aitor Bouza, sumouse á repulsa da deputada nacionalista polo asasinato da muller ourensana e explicou que a pretensión do PSOE é crear concellos "coas necesidades básicas cubertas, como os desafiuzados en Vigo ou o gasto en política social de Lugo".

"Estas son as eleccións da recuperación porque se reduciu moito o desemprego en Galicia e, ao final, o emprego é a mellor política social"

Demonización dos pactos

Durante o primeiro bloque a deputada nacionalista aproveitou para botarlle en cara á deputada popular que o PP "demoniza os pactos". "Queren gobernar con maioría pero sen tela socialmente", sentenciou Pontón, que tamén quixo subliñar a importancia da "participación directa dos cidadáns mediante consellos sociais e veciñais". Á aseveración de Pontón sumouse Bouza que resaltou que "agora, como ven que perden as maiorías, os pactos xa lle van gustando maís porque teñen unha marca branca coa que pactar". A estes ataques respostou con contundencia Prado que aseverou que "o PP nas últimas autonómicas tivo 41 deputados fronte a 34 da oposición" e, aínda así, "tivemos que escoitar da oposición que estamos deslexitimados". "Eu creo que a mellor participación vai ser a do día 24 e hai que respectar eses resultados", proseguiu a popular porque son precisos "os pactos para velar polo ben común, como se fixo desde a Constitución de 1978". Pontón retrucou no seu turno que "unha revolución para este país será cando se vote en liberdade e sen presións caciquís".

"O PP demoniza os pactos, queren gobernar con maioría pero sen tela socialmente"

Pola súa banda, González non quixo desaproveitar a ocasión para contestar ao capote que deitou Pontón ao afirmar que, por "código ético", as actas deben ser dos partidos. González afirmou que "as actas non son dos partidos e hai que mudar ese tipo de visións para levantar o control férreo que os partidos teñen sobre as institucións"

"Hai que crear concellos coas necesidades básicas cubertas, como os desafiuzados en Vigo ou o gasto en política social de Lugo"

Bouza botoulle en cara a Prado que falara da "Xunta e non de Santiago", segundo el porque "en Santiago debeu ter unha mala experiencia". Prado reiterou que é fundamental "respectar e prestixiar as institucións" porque "non se pode chamar ao Parlamento cámara de gas, non se pode ir unha vez ao Parlamento e cobrar 5.000 euros, porque iso tamén é unha corruptela, cobrar un salario público para ir montar un espectáculo". "Non quero pensar o que se diría se iso o fixera alguén do PP", sentenciou.

Sobre a cuestión da participación cidadá todas as forzas concordaron na súa importancia e expuxeron propostas nese sentido, como unha oficina para queixas por parte de Ciudadanos ou participación directa en consellos sociais e veciñais pola banda do BNG.

Impostos ou non?

No apartado de fiscalidade, Duro afirmou que non ía "entrar na partida de pinpon do PP e o PSOE" e que ía "falar do importante". O representante de CA afirmou que non hai que "levar a cabo unha subida senón unha redistribución, cunha política fiscal progresiva, desde o máis enriquecidos e para os máis empobrecidos". Pontón sostivo que os "concellos galegos están moi discriminados porque no reparto do Fondo Local non se ten en conta nin a dispersión nin o envellecemento". Por parte do PSOE, Bouza reclamou que os recursos dos concellos se invirtan en "políticas sociais sen repercutir nos petos dos veciños" e incidiu na necesidade de "gravar máis os pisos baleiros". 

Paula Prado quixo recordar que, malia o discurso de Bouza, no caso do Concello de Compostela, tanto PP como o PSOE votaron en contra da proposta do BNG de que a Igrexa pagara o IBI dos edificios que non teñen fins eclesiásticos ou culturais. Sobre o dito por Pontón, afirmou que "hai que mudar a lei de Facendas Locais e por iso xa se reclamou a Madrid desde o Parlamento galego, que se teña en conta a dispersión e o envellecemento no financiamento". Sobre as vivendas baleiras que mencionou Bouza recriminoulle que son esas "10.000 vivendas baleiras que deixaron o PSOE e o BNG". 

Paula Prado recriminou a BNG e PSOE as 10.000 "vivendas baleiras que deixaron en Compostela"

Rodríguez explicou que unha das propostas de Cidadáns é que o 15% do recadado no IRPF e o 2% do IVE se destinen ao financiamento dos concellos. Quen se mostrou cauto nesta cuestión foi González que afirmou que á pregunta de se subir impostos ou baixalos había que "responder á galega cun depende". Ao fío disto sostivo que hai concellos cunha imposición moi baixa porque os alcaldes non queren "aprobar medidas impopulares" pero que "os cidadáns, unha vez vexan as cotas de benestar nas que verten os seus importos non terían maior problema".

No seu turno de réplica, Prado espetoulle a Duro que eles eran a "cidadanía interpelada" pero que o seu "candidato segue a exercer de alcalde de Teo cobrando mentres outro é o que leva a cabo as súas tarefas".

"Non se pode chamar ao Parlamento cámara de gas, non se pode ir unha vez ao Parlamento e cobrar 5.000 euros, porque iso tamén é unha corruptela, cobrar un salario público para ir montar un espectáculo".

Externalización de servizos VS remunicipalización

No apartado da prestación dos servizos por parte dos concellos, Pontón defendeu o necesario dun "proceso de remunicipalización dos servizos públicos". "Sabemos que hai corsés lexislativos importantes", engadiu a nacionalista pero "así é todo, debe iniciarse como, por exemplo, coa auga". "Hai ámbitos nos que a institución ten que ter a responsabilidade e non delegalos noutras entidades, coa remunicipalización afórranse cartos e garántense dereitos dos traballadores", sentenciou Pontón.

Bouza subliñou que os concellos socialistas están "totalmente a favor da xestión pública que é máis eficaz e directa fronte aos tópicos de que funciona mellor a privada". 

Paula Prado lamentou que os seus opoñentes venderan un "discurso demagogo porque goberne quen goberne onde sexa, tamén en Teo, que ten o servizo de axuda ao fogar externalizado, hai xestión directa e indirecta convivindo". Duro aproveitou para retrucarlle que o concello veciño é dos "poucos de Galicia que recuperou o control sobre un ben básico como é a auga".

González explicou que a prioridade de Compromiso é a prestación pública pero que sempre avaliada polo "informe dun técnico". Sobre as afirmacións de Duro de que aí é onde se xera "corrupción municipal" matizou que "cos procedementos correctos non ten por que ser así".

Organización territorial

Outro dos puntos que se tocou foi o da fusión dos concellos. Prado sostivo que a fusión é necesaria pero sempre debe ser "voluntaria". Rodríguez concordou nesa necesidade aínda que afirmou que as fusións son un "tema duro porque España é un país antigo". "En todo caso", engadiu, "un municipio ten que ser a cabeza de comarca e os demais subsidiarios. O que si que hai que eliminar son as deputacións porque crean un nivel innecesario de administración". Para CxG o das fusións é un "debate ficticio" porque o que "hai que facer é un baleirado das competencias das deputacións, que é o verdadeiramente importante". 

"O das deputacións é un debate ficticio porque o que hai que facer é baleirar de competencias as deputacións"

Duro reflexionou que "Compostela xa viña funcionando como un gran concello polos vínculos con Teo e Bertamiráns". O BNG tamén afirmou que o da fusión non era o debate senón "como se prestan os servizos" porque "non está demostrado que a concellos máis grandes mellores servizos" e que o "realmente importante é camiñar cara á comarcalización". Pontón recolleu o pano de González que afirmou que Compromiso non entrará nas deputacións "aínda que teña oportunidade" e explicou que "mentres estas estruturas existan tamén hai que intentar mudalas desde dentro, como é o caso da de Lugo".

Bouza recriminoulle a Prado que non sabía de que voluntarismo falaba cando a fusión de Oza Cesures "de voluntaria non tivo nada, e non vexo eu que lles vaia moito mellor".

Cultura galega folclórica

No eido do deporte todos os membros da mesa coincidiron na importancia de potenciar o "deporte de base", aínda que Cidadáns só no caso de "clubs que están empezando". BNG, CxG e CA concordaron en que é un "elemento estruturador da sociedade".

"Hai que potenciar a cultura local e tamén a de masas, non é excluínte"

Canto á cultura, Duro afirmou que "o concello só debe xogar o papel de facilitador". Para ilustralo puxo de exemplo a Festa da Primavera que "organizan os veciños e o concello, en vez de apoialo, pon trabas coa luz". Pontón e González subliñaron a importancia de apoiar a cultura propia. Prado respostou a isto con que nas festas da Ascensión xa vai haber oferta cultural de masas e tamén música folclórica tradicional. A isto retrucou González con que se debe "deixar atrás o prexuízo de que o galego non é moderno, de feito hai que fuxir del e eliminalo da nosa maneira de ver o país". Pontón foi máis aló e afirmou que no "franquismo o folclore tamén estaba permitido". Prado respondeu que o "argumento do franquismo era arcaico", pero que xa estaba "acostumada". A popular sentenciou, en referencia aos 300.000 euros que a Xunta concedeu a Enrique Iglesias para o seu videoclip que "hai que potenciar a cultura local e tamén a de masas, non é excluínte".

A nacionalista, Ana Pontón e a popular Paula Prado nun momento do debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.