0 Gardados para despois

Rajoy, Fraga e o financiamento ilegal do PP en Galicia

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, dirixía o PP galego na campaña que se financiou ilegalmente para que Fraga chegase á Xunta. Aquela contenda electoral estivo marcada polo exceso de gasto dos conservadores que, segundo a documentación que vén de publicar en exclusiva eldiario.es, superou con moito o límite legal permitido para gastos electorais. 

Rajoy dirixía o PP galego na campaña na que Fraga se financiou ilegalmente

Rajoy era o número dous do PP galego durante eses meses nos que a súa formación recibiu unha partida de 500 millóns de pesetas enviada por Génova para gastos electorais. O límite legal para aquela campaña eran 235 millóns. Só coa achega de Madrid, Rajoy e Fraga dobraban a fronteira de gasto que marcaba o límite da legalidade. Rajoy mantívose no posto até xuño de 1990.

"Había moito diñeiro en mans do PP", lembra, en declaracións a esta redacción, o daquela candidato socialista Fernando González Laxe. Segundo o relato do adversario de Fraga, "os xornais daquela época estaban cheos de páxinas enteiras de publicidade do PP". Naqueles anos, a Fraga non lle faltaba financiamento e Rajoy estaba á fronte do aparello que organizaba a desmedida campaña que dirixiu Dositeo Rodríguez.

O actual presidente do Goberno central estaba á fronte do aparello que organizaba a desmedida campaña do PP en 1989

O PP declarou ante o Tribunal de Contas un gasto electoral de 199 millóns de pesetas naquelas eleccións, pero os papeis que gardou Rosendo Naseiro demostran que a formación mentiu ao órgano fiscalizador e que gastou arreo para garantirse o Goberno galego.

Esta actuación ilegal queda ao descuberto nun dos múltiples documentos que Rosendo Naseiro conservou durante os últimos 25 anos e que eldiario.es desvela en exclusiva. O documento titúlase Comentario al cierre del ejercicio económico de 1989. Nel explícase que en 1989 o partido encaixou "172 millóns de déficit". "O devandito déficit -asegura o documento- estivo motivado polas achegas que por valor de 500 millóns de pesetas enviou a Tesouraría Nacional do partido a Galicia para atender os gastos da Precampaña e Campaña Galega".

Fraga estivo a piques de fracasar no seu intento de maioría absoluta e o voto emigrante acabou por decidir a vitoria

Naqueles anos, Fraga decidira deixar a Aznar ao mando de Génova 13 e volver a Galicia para acabar a súa carreira política. O PP estivo a piques de fracasar no seu intento de obter maioría absoluta. O escano 38 marcaba a fronteira do éxito ou o fracaso e nese punto quedou Fraga: 38 escanos, suficientes para gobernar en solitario e apoiados fundamentalmente no voto emigrante, que acabou por decidir a vitoria para o veterano político.

Manuel Fraga viaxou nove días a Arxentina e Brasil poucos meses antes de se iniciar a campaña electoral

Como se demostrou na noite electoral, a campaña galega tiña un carácter internacional e o candidato do PP viaxou sen descanso a Latinoamérica para garantirse o voto dos emigrantes, cun censo de 60.000 votantes. Poucos meses antes de se iniciar a contenda, Fraga protagonizou unha viaxe de nove días a Arxentina e Brasil para visitar os Centros Galegos no Exterior, convertidos xa nun santuario para a captación do voto para as eleccións galegas. Uruguai, Arxentina e Venezuela eran a finais dos 80 os territorios dourados na procura do voto ausente. O PP tiña fondos e aplicouse en cambiar a deriva tradicional que puña, daquela, aos socialistas lixeiramente por riba en apoios no estranxeiro.

 

Rajoy e o contrabando 

Os papeis de Naseiro demostran que o PP contaba xa naquela época con posibilidades de gasto moi por riba do que marcaba a lei. Ao diñeiro enviado por Génova, o PP galego sumaba as achegas recollidas en Galicia e as doazóns que, naqueles anos, estaban intimamente ligadas ao mundo do contrabando. As vinculacións entre o PP e o contrabando están claramente explicadas no artigo Política de contrabando que a edición galega de El País elaborou en 2013.

Rajoy coñeceu de primeira man o desembarco no PP de personaxes relacionadas co narcotráfico

Mariano Rajoy, como presidente da Deputación de Pontevedra (1983-1986), coñeceu de primeira man o desembarco no PP de personaxes relacionados co tráfico de tabaco e posteriormente co narcotráfico. Nos 80, a complicidade entre os tabaqueiros e a dereita política galega era aceptada socialmente na costa sur de Galicia. Nas contornas do PP empezaron a instalarse figuras como Nené Barral, alcalde do PP en Ribadumia desde 1983 e que acabaría detido por contrabando de tabaco, ou Pablo Vioque, home forte do partido en Vilagarcía e que acabaría no cárcere por narcotráfico.

A última polémica relacionada co PP e o narcotráico golpeou a Feijóo polas fotografías xunto ao narco Marcial Dorado

Segundo fontes do Partido Popular galego daqueles anos, Rajoy nunca aprobou aquelas relacións coas que tivo que cohabitar durante anos e cuxa sombra se estende até os nosos días, pero foi testemuña de excepción. A última polémica relacionada co PP e o narcotráfico golpeou de pleno ao actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por unhas fotografías antigas xunto ao narcotraficante Marcial Dorado.

A publicación das imaxes obrigou a Feijóo a comparecer para dar explicacións sobre a súa relación pasada co narcotraficante, agora ingresado en prisión. Daquela rolda de prensa quedará para os arquivos os titubeos do presidente galego cando tentou explicar o seu desmemoria sobre unha viaxe con Dourado aos Picos de Europa do que dixo "recordo que había neve".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.