Os concellos galegos rebélanse contra as fusións

Xuntanza da Comisión Executiva da Fegamp © Fegamp

A proposta saíu da cociña gobernamental pouco antes do debate de política xeral, comezou a arrefriar apenas vinte e catro horas despois e este mércores os alcaldes e alcaldesas véñeno de enviar ao conxelador. As fusións municipais, presentadas polo presidente da Xunta como proposta estrela no derradeiro debate do estado da autonomía desta lexislatura, non gustan nada na Federación Galega de Municipios e Provincias, a asociación que agrupa os gobernos municipais de Galicia. Mentres seguen sen chegar novidades dos concellos elixidos como banco de probas da idea, Oza dos Ríos e Cesuras, ás dúbidas e críticas iniciais, xurdidas esencialmente dende PSdeG e BNG, súmase agora o foro de representación dos entes municipais, gobernados na súa amplísima maioría polo PP, a través dun manifesto en defensa da súa "autonomía".

A Fegamp amosa preocupación polo "debate equívoco" que presenta as fusións como "única saída"

Por iniciativa do presidente da entidade, o tamén alcalde popular de Ferrol, José Manuel Rey, o texto, "consensuado polos tres grupos con representación na Executiva", debulla a complexa situación económica e financeira que atravesan os concellos e amosan a súa preocupación polo "debate equívoco" suscitado "nos últimos meses" sobre "a solución aos problemas do mundo municipal, establecendo como única saída a fusión forzosa de concellos". É precisamente esa adxectivación, "forzosa", o que lle permite á Fegamp fuxir dunha confrontación directa coa Xunta e o seu presidente -que mantén que as fusións polas que el aposta son "voluntarias"-, se ben as críticas ás integracións transcenden a maneira en que sexan iniciadas. A Fegamp está "en desacordo con esta fórmula", dado que a súa "aposta" pasa por "modelos de cooperación e colaboración entre entidades locais que permitan soster os servizos públicos" e, ao tempo, "respectar a identidade política dos municipios á vez que se comparten responsabilidades administrativas". Isto é, colaboración si, fusión non.

A Fegamp abonda no arrefriamento do énfase das fusións lembrando de onde "emana" a autonomía dos concellos. Esta xorde da Constitución, subliñan, que lle outorga aos "alcaldes e alcaldesas" o "dereito para decidir, xunto cos seus veciños, o futuro dos municipios". "Calquera modificación do mapa municipal haberá de pasar por un proceso de diálogo cos representantes lexítimos das entidades locais", din. Antes de calquera mudanza, advirten, "urxe delimitar os espazos competenciais de cada Administración e garantir o financiamento necesario para a súa aplicación".

Dificultades financeiras e rexeitamento de Baltar

Baltar rexeitou a proposta de Feijóo, "dende o respecto" ao presidente, poucos días despois de ser lanzada

Porque o problema é, esencialmente, de cartos. "Os concellos de Galicia atravesamos momentos de enorme dificultade económica", alerta a Fegamp, que se laia dun sistema de financiamento "obsoleto e insuficiente" ao que se engadiu "unha capacidade recadatoria centrada no sector da construción" que "condicionou as arcas dos concellos na actual conxuntura", de caída da actividade inmobiliaria. "A persar diso, as entidades locais temos actuado con responsabilidade e lealdade", salientan, mesmo reducindo o volume total da débeda o pasado ano, sendo as que "menos contribuímos á desviación do déficit público, con apenas oito centésimas sobre o 2,51% total". "Unha vez máis quedou de manifesto que os concellos non somos os culpables do endebedamento", advirten.

Este rexeitamento ás fusións é, probablemente, o máis enérxico dos pronunciados dende que Feijóo lanzar a súa proposta de fusións, pero non é o primeiro. Non en van, poucos días despois do debate de política xeral do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen, "dende o respecto" ao presidente, se preguntaba "para que" servían as unións de concellos. O obxectivo das posibles fusións, dicía, debía ser "dar mellores servizos aos cidadáns" e, no caso ourensán, "iso veno facendo a Deputación dende hai anos" sen menoscabar a "identidade política" de ninguén. "A Deputación de ourense é o maior fusionador de concellos, de facto, que existe en Galicia", afirmaba.

Xuntanza da Comisión Executiva da Fegamp © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.