O mestre de Conde Roa

José Manuel Traba, alcalde de Fisterra cando foi detido © El País/Óscar Corral

Foi moi soada a traxectoria do consistorio de Santiago de Compostela polas aventuras do primeiro alcalde desta lexislatura, Gerardo Conde Roa. Na primavera de 2012 o xuíz Vázquez Taín imputábao por fraude fiscal. En outubro de 2013 foi condenado a dous anos de cárcere pero non ingresou en prisión. Foi unha historia bizarra pero, se me apuran, superada polo concello costeiro de Fisterra. Esta última foi menos mediática, se cadra por non ser a capital de Galicia.

En xaneiro de 2011, axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais detiñan aos alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos por tráfico de influencias, prevaricación e suborno. No marco desta operación, a Orquesta, está tamén imputado o alcalde socialista de Corcubión.

José Manuel Traba é alcalde de Fisterra desde 2002 e chegou ao poder tras tres anos como edil de cultura. O motivo foi que o seu antecesor, Valentín Castrege, faleceu e houbo que escoller sucesor. Traba tiña, daquela, 36 anos, pouca experiencia política e era o quinto da lista. Pero foi el o designado. Por certo, as eleccións do 2003 foron un tanto misteriosas porque a súa victoria dependeu, directamente, da anulación duns votos da emigración.

A victoria no 2003 do alcalde de Fisterra dependeu da anulación duns poucos votos da emigración

Collido polos xenitais

Canda o alcalde de Fisterra, foron detidos tamén os dous concelleiros Santiago Ínsua Esmorís e Ramón Redonda González. Este último era o responsable de Obras e Urbanismo. Un par de anos antes da súa imputación unha veciña increpouno mentres o edil visitaba uns traballos de alcantarillado. A muller afirmaba estar desgustada porque a obra era cerca da súa propiedade. Nun momento dado, empurrouno e Redonda caeu no borde dunha zanxa, intre no que a muller aproveitou para darlle dúas bofetadas, agarralo polos xenitais e cuestionar a súa valía política.

Un dos edís detidos de Fisterra protagonizou un episodio curioso cunha veciña que o abofeteou e o agarrou dos xenitais

O Ministerio Fiscal pedía catro anos de cárcere para ela pero, tras a celebración do xuízo, convertéronse en dous e 690 euros de multa.

Operación Orquesta

A detención destes tres membros do concello de Fisterra enmarcábase na famosa operación Orquesta. Cando o xuíz decretou o levantamento do segredo de sumario en abril de 2011, foise coñecendo o contido dos 10 tomos que conformaban o caso. 

Do sumario desprendíase que a empresa Ogando tiña as cousas atadas e ben atadas para construír sen competencia en Fisterra e tamén en Cee e Mazaricos.

As conversas intervidas en Fisterra eran entre técnicos municipais e da empresa e non deixaban lugar a moitas dúbidas. Así, Ogando sempre chegaba ás mesas de contratación coas mellores ofertas porque lle filtraban cales ían ser os puntos máis valorados

Nas conversas de Fisterra, Ogando conseguiu a adxudicación do campo de fútbol de herba artificial sen contar con informes técnicos do concello, segundo se desprendía da documentación (ou da súa inexistencia). Tamén hai conversas do arquitecto de Fisterra con representantes da empresa na mesma dirección que nos casos anteriores. 

En maio de 2011, os alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos presentábanse con toda normalidade ás eleccións tras ser detidos poucas semanas antes

Un mes despois do levantamento de sumario, en maio de 2011, os alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos presentábanse, con toda a normalidade do mundo, ás eleccións. Ninguén diría que un par de meses antes estiveran detidos por tráfico de influenzas, prevaricación e suborno.

Quen dixo medo?

En todo caso, en Fisterra non parecen estar moi preocupados por todo isto. A 106.542 euros ascendía en total o importe dos dous contratos que concedeu a xunta de goberno en 2013 a Ogando. E foi polo mesmo procedemento negociado e sen publicidade, o mesmo polo que xa daquela, levaban dous anos imputados políticos, funcionarios e construtores.

En Fisterra non parecen estar moi preocupados por todo isto. A 106.542 euros ascendía en total o importe dos dous contratos que concedeu a xunta de goberno en 2013 a Ogando

Total, que no concello de Fisterra, as contratacións a dedo seguen sendo igual de escuras. A quen tampouco parece preocuparlle moito é ao comité electoral do PP da Coruña que para estas eleccións volveu designar a Traba como candidato. A imputación segue en pé, as contratacións igual de fraudulentas e os do PP, igual de convencidos en que o alcalde é unha boa aposta.

Conde Roa, polo menos, dimitiu e puxo Alemaña como destino final. Por iso, era un pobre aprendiz en comparación con José Manuel Traba.

O alcalde de Fisterra, José Manuel Traba © La Voz de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.