Sete mapas para visualizar a Galicia municipal que se renova o 24 de maio

Alcaldías nos concellos galegos CC-BY-SA Praza Pública

As enquisas acumúlanse na información sobre as eleccións do 24 de maio. Ese día elixiremos aos nosos concelleiros e concelleiras. O dos rexedores ou os gobernos municipais, aínda que ocupe os titulares, xa é outra cousa. Os datos que nos ofrecen as sondaxes son de volatilidade, de movemento constante no voto e dun número tan importante de indecisos que é como dicir que poderían significar unha cousa e a contraria. Observando os datos electorais de hai catro anos pódese ver a Galicia que deixamos atrás e comparala, en menos de quince días, coa que sae das urnas. Estes sete mapas permiten, a vista de paxaro, fixar a foto para, a partir de aí, detectar os movementos electorais nestes catro anos.

1. "Aínda que chova, vota"

Galicia arrastra unha fama de abstencionista que non se corresponde coa realidade. A orixe dese sambenito vén dunha serie de participacións baixas nas primeiras eleccións democráticas, cando na Galicia interior roldaba o 54% (máis de 24 puntos por debaixo da media de todo o Estado) naqueles anos setenta. Pero a tendencia foi cambiando, e dunha alta abstención, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense ao longo dos anos 80 e primeiros 90, pouco a pouco se pasou a converxer coas medias estatais e mesmo a superalas. Non obstante, e durante todo ese proceso, as causas desa alta participación non teñen tanto que ver coa asimilación dos rituais democráticos polos veciños galegos coma coa vinculación directa entre voto e política clientelar, e unha transmisión directa das elites cara aos votantes para que estes lexitimen ao poder. 

Galicia arrastra unha fama de abstencionista que non se corresponde coa realidade

O que nos mostra este mapa é como os concellos de interior (fundamentalmente Lugo e Ourense) marcan os puntos máis altos de voto, mentres os núcleos de poboación urbanos resaltan como illotes onde a abstención é máis elevada que as dos seus veciños. Os concellos de Lugo (66,81%) e Ourense (66,31%) foron os de menor porcentaxe de voto nas súas respectivas provincias, só superado este último por Avión (55,76). Folgoso do Courel é o concello que máis participou en 2011 (92,35%), onde só 89 dos seus 1.164 veciños inscritos no censo non foron votar. No outro extremo está Narón; só o 53,94% do censo (32.047 inscritos) acudiron ás urnas, e na provincia de Pontevedra, Marín é o que ten menor participación (61,49%). Galicia estivo por enriba da media estatal (69,48% fronte a 66,16%) nunhas eleccións marcadas polo declive do PSdeG-PSOE, a desmembración do BNG e o impulso dende Madrid e dende San Caetano dun PPdeG que aspiraba a recuperar cidades e deputacións.

2. Esquerdas e dereitas

O eixe dereitas/esquerdas é o máis común e o que permite identificar máis rapidamente a ideoloxía dos partidos e dos votantes. Pero os marcos móvense ao longo das fronteiras, da historia e das culturas políticas. Máis aínda na política local, onde a ideoloxía se esvae e, moitas veces, non se distinguen as actitudes e as políticas máis alá das siglas do partido ao que pertence o alcalde. Zapatero dixo unha vez que baixar impostos era de esquerdas, e os dous partidos en crecemento (Podemos e Ciudadanos) envían mensaxes contraditorias sobre cal é a súa ubicación ideolóxica. Ao cidadán esquéceselle que a esquerda e a dereita non son posicións absolutas, senón unha situación respecto aos outros, e fundamentalmente ten dúas formas de identificarse: dependendo de quen mira, e dunha análise dos seus actos, é dicir, das súas políticas, non dos seus programas ni do que din ser. Por iso adóitase preguntar aos cidadáns onde se situarían eles e onde situarían os diferentes partidos. Recomendo botar unha ollada a esta gráfica de Carlos Neira sobre o espazo ideolóxico galego.

Pero aquí atopámonos con moitas máis variables. Os datos cruzados para debuxar este mapa necesitarían demasiados matices. Onde situar aos Independientes por Cee (Ixcee) cando o seu alcalde foi desbancado por unha coalición entre PPdeG e BNG? Case todas as agrupacións veciñais ou partidos de independentes non definen a súa ideoloxía nin nos seus programas, nin moitas veces nas súas políticas, pero si no seu pasado ou nos seus actos nos plenos. Líderes que se escinden de partidos grandes, apoios explícitos en investiduras, ou votacións en grupo a lexislacións locais determinantes son actitudes que permiten identificar de onde veñen realmente e a onde se dirixen. Que intereses defenden e onde habería que situalos.

O que se pode extraer deste mapa é onde é máis doado que haxa cambios de goberno, que concellos están menos polarizados, e en que zonas a entrada de novos partidos ou o recolocamento doutros poden decidir alcaldía

Pero o que si se pode extraer deste mapa é onde é máis doado que haxa cambios de goberno, que concellos están menos polarizados, e en que zonas a entrada de novos partidos ou o recolocamento doutros poden decidir alcaldías. Os partidos clasifican aos electores dependendo da proximidade ás súas ideas. Despois disto, desbotan aqueles que nunca lles votarían e aos que lles votarán sempre. Eses do medio son os que máis lle interesan convencer e aí dirixen as campañas. E se algo demostraron estes últimos anos é que as campañas importan moito.

Ás Pontes de García Rodríguez marca o tope pola esquerda (78 puntos de diferenza entre a suma de votos PSdeG-BNG fronte ao PPdeG, onde non chega ao 10%). En oito concellos non hai apenas diferenzas: O Carballiño, Vimianzo, Cotobade, Mondariz, e A Coruña (cunha leve inclinación cara á dereita); Dodro e Fisterra (cara á esquerda). Na Veiga a suma dos 365 votos do PSdeG-PSOE e os 5 do BNG igualan aos 370 do PPdeG; maioría absoluta para os populares.

O concello ourensano dos Blancos é o lugar de Galicia onde a dereita ten máis diferenza respecto á esquerda, pero aínda así non goberna o PPdeG. Son os independentes de ApGA, que despois dun empate nas eleccións, un sorteo no que gañaron os populares e unha impugnación posterior, conseguiron o mando dun municipio de menos de 1.000 habitantes pero con moita historia política interna. O último capítulo escribiuse o ano pasado, cando o Partido Popular de Baltar fichaba, ás costas do líder popular local, o alcalde d'Os blancos. Pertencía ou non pertencía á dereita?

3. Agora ou nunca

O outro eixe que funciona como ruptura ou cleavage na ideoloxía dos galegos e das galegas é o identitario. Na Galicia de 2011, o BNG canalizaba practicamente todo o voto nacionalista. Empezábanse a manifestar as rupturas e disensións que se fixeron máis evidentes nos meses sucesivos, pero aínda non tiña os rivais electorais que xurdiron máis tarde no seu propio espazo ideolóxico. O triángulo entre Vilar de Santos, Allariz e A Bola segue sendo o de maior fidelidade nacionalista. A escasos quilómetros, en Pontedeva (Ourense), un único votante depositou a papeleta do BNG fronte ás 504 restantes (0,2%).

De todos os xeitos é un mapa enganoso nalgunhas zonas. Aí está Pontevedra e a súa área de influencia, que calquera que se fíe só do voto municipal crería que é unha bisbarra de forte implantación electoral nacionalista. Outros casos sintomáticos son o de Salceda de Caselas e Teo. Ambos os dous tiveron estes anos alcaldes e corporación que abandonaron a organización nacionalista pouco tempo despois de formar goberno. Nas próximas eleccións do 24 de maio, o ex alcalde de Teo, Martiño Noriega, opta ao bastón de mando da capital de Galicia con Compostela Aberta. En Salceda de Caselas, o alcalde e toda a corporación pretenden revalidar o goberno baixo o nome de Movemento Salceda.

Este mapa é xa histórico, tanto para o BNG coma para o sistema político galego

Este mapa é xa histórico, tanto para o BNG coma para o sistema político galego. O recolocamiento da esquerda en xeral, e da esquerda nacionalista en particular vai esnaquizar este debuxo de norte a sur e de leste a oeste. O BNG que sairá destas eleccións non se vai parecer ao de 2011. Por outro lado, vai facer máis complicado debuxar o perfil de apoio político nacionalista en Galicia. A ambigüidade (ou a inhibición nalgúns casos) de Podemos (que apoiou persoalmente á Marea Atlántica coruñesa facendo constantes acenos ao nacionalismo galego) neste cleavage, e a convivencia de nacionalistas e non nacionalistas en agrupacións de confluencia, van dificultar a identificación do apoio electoral que ten o nacionalismo hoxe en día.

4. Os pequenos

É precisa unha primeira aclaración. Aquí están incluídos todos os partidos que non son PPdeG, PSdeG-PSOE, BNG, EU e UPyD. Outros non estritamente locais si aparecen. Aínda que tiñan aspiracións de implantarse pouco a pouco no máximo espazo nacional posible, os resultados electorais demostraron que eran claramente proxectos locais, comarcais e/ou persoais. É o caso de TEGA en Ferrolterra, ou o PGD en Padrón. Tamén Converxencia Galega en Narón; escisión de TEGA e aventura persoal do ex alcalde Xoán Gato. Outro caso é o de Converxencia XXI, que se presentou a eleccións xerais e galegas, pero só ten apoios salientables en Tui, onde é concelleiro o seu fundador e presidente Carlos Vázquez Padín.

Os partidos pequenos xa non nacen de líderes comarcais que queren demostrar a súa forza e a súa influencia na política provincial

Este tamén vai ser un dos mapas polos que haberá un antes e un despois. A fotografía de 2011 ten dúas frontes. Por un lado a concentración na zona máis atlántica de formacións locais que deron batalla fronte aos partidos tradicionais. Polo outro, as rupturas internas no PPdeG ourensán, que provocaron o xurdimento de agrupacións e partidos persoais que pretendían influír no poder da deputación de Baltar. En 2015, a irrupción de forzas pequenas ten outra orixe e outra función. Os partidos pequenos xa non nacen de líderes comarcais que queren demostrar a súa forza e a súa influencia na política provincial. Son, en moitos casos, veciños e cidadáns de ámbitos asociativos que parece que queren participar nas políticas das súas cidades, pobos ou vilas. Outros aproveitaron os ventos que sopran para sacar adiante proxectos persoais vestidos de demandas comunitarias. Veremos se o electorado está atento a estes matices.

5. Barça, Madrid, xa estamos aquí

O bipartidismo é un dos grandes asuntos onde se vai poñer a lupa nestas eleccións. Uns dano por morto e outros por ferido momentáneo, pero os dous grandes partidos saben que a sangría de votos á que se enfrontan vai ser demoledora. En 2011 Galicia era bipartidista en liñas xerais. O 70,84% de todos os votos galegos foron a PPdeG e PSdeG-PSOE. O 99,68% márcao Triacastela (Lugo), onde dous veciños que votaron ao BNG evitaron o único pleno do bipartidismo en todo o país. O outro extremo está en Vilar de Santos (Ourense) con só un 13,02% dos votos a populares e socialistas, e onde os sete concelleiros electos son do BNG (604 votos, 86,41%).

En Triacastela dous veciños evitaron o único pleno do bipartidismo en todo o país

Os dous partidos maioritarios veñen acusando un descenso pronunciado. En moitos concellos, redúcese o logo do partido en favor dos candidatos locais, aínda que Miguel Tellado, voceiro do PPdeG, o negue. Son malos tempos para os dous grandes, pero non se debería desprezar o poder e os recursos das súas estruturas electorais. 

6. Galego coma ti

O PPdeG poderíase definir, seguindo a clasificación que fixo Giovanni Sartori, como dominante no sistema político galego. Isto en termos técnicos, porque se o definimos en termos coloquiais é a máquina electoral máis potente que nunca tivo e terá Galicia. O único que, nestas próximas eleccións, foi quen de formar candidatura nos 315 concellos e o único que opta ás catro deputacións en plenitude de condicións. Ademais, cando o PPdeG di que aspira a gañar en todos os concellos de Galicia, é que o pensa de verdade. Pero xa tivo mellores tempos. O número de concellos en Lugo e Ourense nos que alcanzaba o 80% dos votos era asoballante. Hoxe seguen sendo o partido máis votado, o que máis alcaldes ten e terá neste país (190 con maioría absoluta e 29 máis con maioría simple), e goberna en tres deputacións de catro. A de Lugo perdeuna porque aos populares se lles segue resistindo A Fonsagrada, praza fundamental na institución provincial lucense.

O que máis debe preocuparlle aos conservadores é o envellecemento da poboación rural e, como consecuencia directa, a súa diminución e a súa concentración nas cidades

En Cerdedo (Pontevedra) obtivo o 86,28% dos votos (1.201) e dez concelleiros de once, e a trinta quilómetros, en Avión, o 83,95% (968). Ao norte, en Monfero (A Coruña) só convenceu ao 8,5% (129) e na veciña As Pontes de García Rodríguez o 9,69% (660). O Partido Popular de Galicia sabe que non pode repetir nin estes nin ningún resultado anterior. É unha maquinaria que estaba perfectamente engraxada no vello sistema galego e agora ten demasiadas frontes abertas: casos de corrupción, imputacións, e novas sobre o financiamento irregular do partido, tanto en Galicia como en Madrid. A chegada de Ciudadanos ás cidades -aínda unha incógnita das súas posibilidades no país- é vista por algúns como os seus aliados naturais e para outros como a primeira vez que hai competición no espazo da dereita. Pero o que máis debe preocuparlle aos conservadores é o envellecemento da poboación rural e, como consecuencia directa, a súa diminución e a súa concentración nas cidades. Un exemplo: na bisbarra de Lugo, a porcentaxe de votos emitidos en 1993 era do 30% de toda a provincia. Nas eleccións galegas de 2012 foi do 35%. Outro é, poñamos por caso, o concello de Samos, na bisbarra de Sarria:

7.Alcalde, todos somos continxentes pero ti es necesario

Este é o único mapa que non se poderá comparar o día 24 de maio. Os pactos e os arranxos posteriores son os que conforman este debuxo e que, visto o visto, haberá que esperar en moitos sitios a que se pechen os gobernos municipais. A petición de que goberne a lista máis votada, pese a ser unha vella teima do PPdeG coa boca pequena e sempre en período electoral, non é máis que un recordo aos seus votantes de que, en moitos concellos, ou sacan maioría absoluta ou van á oposición. 

O PPdeG domina o panorama cos seus 219 alcaldes (190 con maioría absoluta). O 69,5% dos concellos de Galicia teñen un rexedor popular, fronte aos 59 (35 con maioría absoluta) do PSOE (18,7%) e os 26 do BNG (11 con maioría absoluta). Aos 28 saíntes das eleccións hai que restar os dous que causaron baixa na formación nacionalista: Martiño Noriega en Teo, que se pasou a ANOVA, e Marcos Besada en Salceda de Caselas, no grupo dos Non Adscritos.

Ningún destes mapas amosa o xogo das deputacións, centro fundamental de recursos e poder

Pero ningún destes mapas amosa o xogo das deputacións. E as deputacións, non o esquezamos, son centro de poder e de recursos fundamental, tanto fóra coma dentro dos partidos. Habería que trazar liñas que separan os partidos xudiciais e os seus correspondentes deputados, que nalgúns casos pode decidirse por un só voto. É onde as estratexias de recursos e de campaña mellor funcionan para os partidos que aspiran á presidencia. O resto, centrados na carreira polo seu concello, probablemente non pensaron moito nelas, pero poden atoparse con deputados chave nunhas institucións que siguen sendo capitais. Pero iso queda para outro capítulo.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.