0 Gardados para despois

O alcalde ao que lle medraron os ananos

Sara TorreiroSara Torreiro | @sara_te


Alejandro Rodríguez Lema foi alcalde de Vimianzo desde 1987 ata 2009 polo PSdeG. No 2011 colleu o relevo no goberno o BNG con Manuel Antelo á cabeza. Dous anos antes Lema fora expulsado da formación socialista e, como un amante doído, decidiu montar outro partido, Independentes por Vimianzo, coa que conseguiu tres edís nos anteriores comicios. Deste xeito relegaba aos seus antigos compañeiros de partido á última posición, cun 29.69% o BNG, un 25,52% o PPdeG, un 24,26% Independentes por Vimianzo e un 19,52% os socialistas.

En agosto de 2011 socialistas e nacionalistas asinaban o pacto de goberno. Fixábanse dúas dedicacións parciais para os socialistas e unha terceira, para o alcalde

En agosto de 2011 socialistas e nacionalistas asinaban o pacto de goberno. Fixábanse dúas dedicacións parciais para os socialistas e unha terceira, para o alcalde. Por aquel entón Antelo aseveraba que a unión das dúas forzas se fai sobre un acordo estable con obxectivos concretos, un programa e uns principios, «bases para o verdadeiro cambio político en Vimianzo» que se percibirá en que «os intereses xerais dos veciños irán sempre por diante». Non sabía que aquela sinatura era (case) a crónica dunha morte anunciada.

De moción en moción

En marzo de 2013 unha moción ameazou a estabilidade do alcalde. Impulsábana sete edís -dous do PP, dous (tránsfugas) do PSdeG e tres independentes- pero a cuestión frustrárase debido a que os promotores da iniciativa non a tramitaran conforme á legalidade vixente. Así o sinalaba o informe do secretario do Concello porque non fora validado por el mesmo, senón a través do rexistro.

Ese foi o primeiro susto. O segundo chegou no verán, contra agosto, cando dita moción, que parecía totalmente desactivada, reviviu grazas a unha sentenza do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña. O tribunal aceptaba os argumentos dos edís censores e así abríase a posibilidade de botar a Antelo. O argumento era que a secretaría municipal debería estar de garda 24 horas todos os días da semana e que os empregados do rexistro tiñan o deber de valorar os documentos e localizar á secretaria.

O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión determinou a principios de 2015 o sobresemento provisional das dilixencias por posibles delitos de prevaricación e vulneración de dereitos que pesaban contra o alcalde, Manuel Antelo

Non foi ata comezos de 2015 cando a historia tivo o seu punto final. O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión determinou o sobresemento provisional das dilixencias por posibles delitos de prevaricación e vulneración de dereitos que pesaban contra o alcalde, Manuel Antelo (BNG), e que derivaban dos recursos presentados polos concelleiros tránsfugas que impulsaran a moción xa no 2013.

Sen argumentos

O auto botou por terra todo o argumentario sostido nos últimos dous anos polos concelleiros opositores. Xa saben: unha mentira por moito que se repite non se converte en verdade. Cando o fiscal, Carlos García Pelayo coñeceu a decisión do xuíz afirmou que o proceso revelara "cuestións que son máis froito da rivalidade ou do enfrontamento político, pero que de ningún modo cabe residencialas no ámbito da xurisdición penal". Criticaba tamén o uso da vía penal polos operadores políticos "como instrumento para dilucidar as súas contendas partidarias, movidos moitas veces por intereses electoralistas ou por conseguir maiores cotas de poder".

O auto botou por terra todo o argumentario sostido nos últimos dous anos polos concelleiros opositores

No auto o xuíz tamén sinalaba que non constaba “debidamente xustificada a existencia dunha actuación planificada” por parte do alcalde para “adiar deliberadamente e non tramitar a moción de censura”. Tamén engadía que “non se entende xustificada a existencia dunha confabulación para frustrar a tramitación da moción”.

Manuel Antelo declaraba que “esta denuncia unicamente supuxo máis tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello de Vimianzo”.

En ocasións a xudicialización da vida política convértese no único xeito de facerlle fronte ao adversario. Pero é sintomática daqueles que non entenden a democracia como o xogo do confronto e o diálogo. Finalmente Antelo resistiu no seu posto e a xustiza deulle a razón. Aínda cos sete ananos que lle medraron decidius seguir adiante. Queda ver se os cidadáns lle dan a razón tamén porque despois destes anos aínda lle quedaron anos para presentarse de novo no seu concello.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.