A participación aumenta máis dun punto en Galicia a media tarde

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Aumenta a participación en Galicia. Despois de que o avance das 14 horas amosase que votara o 33,24% do censo, menos que o 34,89% de 2011, o dato da media tarde indica que xa se achegara ás urnas un 50,95% do censo, un avance de máis dun punto a respecto do 49,62% rexistrado ás seis da tarde nas anteriores eleccións municipais.

Por provincias, o comportamento é desigual. Así, Lugo e Ourense experimentaban aś seis da tarde senllas subas a respecto de hai catro anos; un incremento de case trece puntos no caso lucense, ata chegar ao 54,48%. En Ourense a suba era duns cinco puntos, ata acadar o 53,87%. As provincias atlánticas, pola contra, experimentan lixeiríximos retrocesos, unhas catro décimas no caso coruñés (49,55%) e uns dous puntos no pontevedrés (50,36%).

Máis participación na Coruña, Santiago e Ferrol

A participación retrocede en Lugo, Pontevedra e Vigo

No que atinxe ás sete cidades a participación medra na Coruña (45,34% fronte ao 44,65% de 2011), Ferrol (44,93% e 44,73% en 2011), Santiago (45,81% en 2015 e 45,80% en 2011) e Ourense (53,89% fronte a 48,37% de 2011). Mentres, en Lugo ás seis da tarde participara o 45,22% do electorado (47,55% en 2011), en Pontevedra 46,16% (hai catro anos era do 51,46%) e en Vigo chegou a 46,34%, mentres que en 2011 era de 47,57%. 

Por comunidades autónomas, Galicia é unha das sete autonomías nas que se incrementa a participación. Tamén o fai en Euskadi, Navarra, Aragón, Catalunya, a Comunitat Valenciana e Madrid, mentres retrocede nas demais. 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.