O BNG afianza os seus gobernos e sae das corporacións de Vigo e Ourense

Vence e o resto da Executiva, comparecendo na noite electoral CC-BY-NC-SA BNG

"Luces importantes e sombras moi escuras". O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, definía deste xeito ante a prensa o balance electoral da súa formación tras coñecer o escrutinio deste 24-M. Como se viña agardando durante a campaña o Bloque non só retivo, senón que fortaleceu boa parte dos seus gobernos municipais, mentres que se resentiu en diversas localidades nas que formaba parte da oposición a comezar polas corporacións de Vigo e Ourense, nas que fica sen representación.

A banda máis doce da noite electoral do BNG estivo, sen dúbida, en Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores recupera a condición de forza máis votada na urbe emblema dos nacionalistas e encabezará a nova corporación con case catro puntos máis de porcentaxe de votos, que lle achegan un edil máis ata sumar 12 e lle aseguran a investidura o vindeiro 13 de xuño. O Bloque pontevedrés terá diante de si un PP máis feble, que perde catro edís e case 7.000 votos, e poderá buscar pactos nunha oposición máis plural á que se incorpora a Marea Pontevedra e tamén Ciudadanos.

A resistencia en Ferrol en Lugo e, en menor medida, Santiago, e o aguante da acta de Xosé Manuel Carril na Coruña son tamén trazos relativamente positivos para un BNG ten os seus puntos máis amargos na desaparición dos concellos de Vigo e Ourense. Neses dous municipios, admite Vence, a formación frontista ficou "moi lonxe das expectativas".

A cara oposta ás malas novas das eleccións viguesa e ourensá está en varias vilas nas que o Bloque reforza os seus gobernos, "case duplica o número de maiorías absolutas e incrementa nun 50% o número de concellos nos que aspira a gobernar en solitario ou con pactos", destacan. Así, feudos históricos dos nacionalistas como Allariz continúan con alcaldía do BNG, que ademais logra maiorías absolutas en cabeceiras de comarca como Carballo ou Ribadeo.

O Bloque aumenta o seu apoio en Pontevedra e alarga as súas maiorías en vilas como Ribadeo ou Tomiño

Por provincias, na Coruña a maioría absoluta do carballés Evencio Ferrero simboliza unha posición de fortaleza que o BNG estende a outros municipios da Costa da Morte como Carnota, Mazaricos, Zas ou Vimianzo. En Lugo destaca o resultado de Ribadeo, onde Fernando Suárez queda con 3 dos 4 edís que gañou a corporación e gobernará agora cunha maioría absoluta de 10 concelleiros. O Bloque ten tamén maioría absoluta na Pobra do Brollón e podería reter a alcaldía de Mondoñedo, onde perdeu unha acta e ficou igualado a 3 co PSdeG, aínda que con máis votos. No entanto, a marcha de Severino Rodríguez déixao sen o bastón de mando en Monforte, que pasaría ao PSdeG. En Ourense á devandita hexemonía de Allariz únese o mantemento da maioría absoluta en Castrelo de Miño e en Pontevedra salienta o alargamento da absoluta de Sandra González.

Vence: "Analizaremos os fallos para adoptar os cambios necesarios"

Neste contexto Xavier Vence destaca que a dirección do BNG é consciente de que os "cambios" que "fixemos nos últimos tempos" foron "insuficientes". "Temos que sacar consecuencias de alcance da mensaxe que o electorado, sobre todo urbano, nos lanzou". Por este motivo, asegura, "non estamos pechados, temos os oídos ben abertos e temos vontade de ser unha ferramenta útil para a maioría social". "Analizaremos os nosos fallos para adoptar os cambios necesarios", asegura.

Lores e membros da súa candidatura, tras coñecer os resultados CC-BY-NC-SA BNG Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.