Os votos brancos e nulos descenderon un 40% nas cidades galegas o 24-M

Sobres de votación das municipais do 24-M CC-BY-SA Merixo

Menos voto orfo na Galicia urbana. A vaga de cambios que ditaminaron as urnas o pasado domingo deixaron nun segundo plano un dos indicadores que máis se viña observando en anteriores convocatorias electorais, a cantidade de votos brancos e nulos. Aínda que, obviamente, a opción de emitir o sufraxio pero non outorgarllo a ningunha candidatura pode ter tantas motivacións como votantes o certo é que nos últimas convocatorias electorais adoitou ligarse á indignación cidadá, á súa desconexión coas forzas políticas ou á ansia de parte da poboación por expresar que ningunha candidatura a representaba. Sexa como for, o certo é que nestas eleccións municipais catro de cada dez votos brancos ou nulos de hai catro anos foron parar ás forzas políticas.

Emitíronse 16.300 votos brancos ou nulos nas sete cidades

Segundo o reconto provisional do 24-M as sete principais cidades do país sumaron algo máis de 16.300 votos brancos ou nulos, un 39% menos que hai catro anos, cando se achegaron aos 27.000. A cidade na que máis descendeu este tipo de voto foi unha das que este luns foi noticia polo cambio político que se aveciña: A Coruña. Alí os votos nulos e brancos foron practicamente a metade que hai catro anos, 3.900 sufraxios que supoñen un 48% menos que en 2011 e que devolve este indicador a finais dos anos 90, cando Francisco Vázquez aínda contaba as municipais por maiorías absolutas.

A Coruña reduciu practicamente á metade os votos brancos e nulos e ficou nunhas cifras que non rexistraba dende finais dos 90

O descenso do voto branco e nulo do electorado coruñés produciuse despois de rexistrar un máximo histórico en 2011, o mesmo que en Vigo, onde nas anteriores municipais se emitiron 7.200 destes votos e o pasado domingo, poucos máis de 4.000, un descenso do 43% que é o segundo maior das sete cidades. Tamén houbo un notable retroceso do voto branco e nulo en Ferrol e Santiago, urbes que tamén viron alterada notablemente a composición da súa corporación municipal e nas que os votos que non sumaron o rexistro de ningunha candidatura caeron un 40% e un 39%, respectivamente.

Nas restantes tres cidades do país tamén se contabilizaron menos votos brancos ou nulos, pero o descenso estivo, en todo caso, por baixo do 30%. No convulso panorama electoral ourensán estes votos minguaron un 26% e ficaron en 1.900 e en Lugo descenderon un 23% ata quedar en 2.000. O menor descenso de voto nulo e branco produciuse na cidade na que historicamente menos votos brancos e nulos se viñeron emitindo en eleccións municipais, Pontevedra. Nesta ocasión foron 4.000, un 19,6% menos que hai catro anos.

A Coruña, única urbe na que aumentou a participación

O retroceso dos votos brancos e nulos prodúcense nun contexto no que o comportamento do electorado urbano de Galicia foi dispar en canto a participación, se ben un dato sobresae por riba dos demais: A Coruña foi a única cidade do país na que acudiu maior porcentaxe do censo que nas anteriores eleccións municipais. Segundo o reconto provisional a nova corporación coruñesa foi elixida polo 60,07% do censo, case un punto máis que en 2011.

Santiago recolleu o testemuño de Pontevedra como cidade que máis participou nos comicios

Mentres que A Coruña foi a única cidade na que aumentou, Santiago recolleu o testemuño de Pontevedra como cidade con máis participación ao acadar un 62,21%, apenas dúas décimas menos que nas anteriores municipais. No resto de contornas urbanas o retroceso da participación foi máis acusado; en Ourense, segunda cidade máis participativa cun 62%, a mingua foi de case catro puntos e en Lugo, a terceira con máis participación, caeu practicamente seis.

En Pontevedra, que hai catro anos foi a cidade con máis afluencia ás urnas, a participación pasou do 67% ao 60%, a maior caída. Mentres, en Vigo o retroceso foi uns dous puntos, ata o 60% e en Ferrol, a cidade con menor participación electoral do país, pasou do 57% de 2011 ao 56,66% en 2015.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.