Os barrios populares e de xente nova nutren de votos ás mareas en Santiago e A Coruña

Acto de Compostela Aberta nun barrio de Santiago © Compostela Aberta

Os barrios populares e a xente nova foron o principal caladoiro de voto das plataformas cidadás triunfadoras na Coruña e Santiago. O comportamento electoral nestas dúas cidades aseméllase moito de ter en conta a distribución xeográfica e social das papeletas. Compostela Aberta e a Marea Atlántica recuperaron para a esquerda as zonas máis obreiras e vinculadas tradicionalmente á esquerda e foron moi maioritarias nas áreas de nova construción e con veciños máis novos. Ao tempo, deron a sorpresa nalgunha mesa de habituais feudos do PP, que mantén a súa hexemonía neles pero con menor diferenza. 

Compostela Aberta e a Marea Atlántica recuperaron para a esquerda os barrios máis populares e foron maioritarias nos de xente máis nova

Ese sería o resumo, pero os datos dan moito por debullar. Así, no Ensanche centro e na zona histórica de Santiago, o dominio segue a ser do PP, pero nin a diferenza co resto de forzas é tan importante nin todas as mesas son xa populares. Algunhas caeron mesmo do lado de Martiño Noriega e o que antes era unha incontestable vitoria da dereita non o foi tanto desta vez. Na área máis achegada ao Sar, por exemplo, a distancia foi aínda menor entre populares e unha plataforma cidadá que relegou o PSOE a terceira forza. Na zona vella, os conservadores mantiveron o seu dominio pero perderon tamén algunha mesa que habitualmente elixe a dereita. 

O PP mantense vitorioso no Ensanche e no centro das dúas cidades, pero a súa vantaxe xa non é tan grande coma antes

O caso da Coruña é semellante. A vitoria do PP no centro e no Ensanche non é tan grande como hai catro anos pero segue a ser incontestable. As áreas que inclúen a Cidade Vella, Peixería, Orzán, Juan Flórez, Catro Camiños ou A Palloza son feudos tradicionalmente conservadores, pero houbo sorpresas nalgunhas mesas que non apoiaron masivamente a Negreira e que mesmo deron a súa confianza á Marea. Aínda así, nalgún distrito a dereita superou en máis de 2.000 sufraxios á plataforma, pero os máis que positivos resultados que algúns apoderados da plataforma transmitiron nas áreas máis complicadas para a esquerda fixo prever que o apoio nos barrios obreiros e traballadores acabaría podería acabar por dar a vitoria a Ferreiro. 

E así foi. O PP de Negreira conseguira en 2011 ser vencedor en todas as mesas electorais da Coruña. Desta vez, a Marea Atlántica gañou en máis do 55% delas, a maioría nos barrios máis populares e populosos. Monte Alto e Durmideiras son o gran caladoiro para a plataforma cidadá e onde a vantaxe foi de máis dun milleiro de votos con respecto a Negreira, converténdose ademais con moita diferenza na principal referencia da esquerda nunha área non só tradicionalmente rebelde senón cunha importante presenza de xente nova e asociacionismo.  

Monte Alto e Novo Mesoiro, na Coruña, foron dous dos grandes caladoiros de votos para a Marea Atlántica

O do voto maioritario da mocidade á Marea Atlántica reflíctese tamén, e sobre todo, en barrios como Novo Mesoiro. Esta zona de nova construción nútrese de xente moza e matrimonios novos que sofren o paro e a precariedade. A suma de BNG, PSdeG e a Marea supera en case 3.000 votos ao PP e a plataforma cidadá imponse con claridade entre as forzas de esquerda. A área con máis poboación, que inclúe Os Castros, Elviña e O Castrillón, tamén apostou por Xulio Ferreiro, ao igual que outro dos barrios máis obreiros como o que inclúe a Sagrada Familia e Os Mallos. Mesmo na zona de Riazor, Labañou e As Roseiras o que será novo alcalde foi o máis votado. 

En Compostela o comportamento foi semellante. O anel de barrios e en construción vertical que arrodea a zona histórica e o centro da cidade foron maioritariamente para Compostela Aberta, que obtivo unha maior diferenza a favor naqueles de recente construción e que concentran máis xente nova, novos residentes e novos profesionais e autónomos. Pontepedriña, Conxo-Santa Marta e Fontiñas foron claramente para a formación que lidera Martiño Noriega, neste último barrio por unha diferenza de case un milleiro de votos. Almáciga e Vite, das zonas máis obreiras, tamén deron  un impulso ao oespazo de confluencia, no primeiro caso gañando con claridade e no segundo recortando a tradicional vantaxe da dereita, que se mantivo primeira forza por menos de 200 votos. No Castiñeiriño o PP tamén gañou por moi pouco, ao revés que en San Lázaro-Amio, onde a plataforma cidadá se acabou impoñendo. 

O voto a Compostela Aberta foi maioritario no anel de barrios que arrodea o Ensanche e a zona vella

En canto ao rural compostelán e as zonas máis afastadas da zona urbana, o PP mantén o seu voto tradicional e maioritario, pero os resultados desta vez foron máis dispares e apertados. Hai lugares nos que mesmo gaña Compostela Aberta e a sensación global é dun empate. O castigo á dereita -e o voto a favor da plataforma que lidera Martiño Noriega- provería das clases máis populares e con menos recursos que sofren as políticas de recorte e a concentración de gasto do goberno local no centro. Mesmo en parroquias netamente rurais e historicamente afíns ao Partido Popular, a esquerda colleitou un moi bo resultado. 

A disparidade, os resultados axustados e a diferenza do voto mozo e dos barrios populares coas zonas céntricas na Coruña e Compostela contrasta co ocorrido en Vigo, onde a incontestable vitoria de Caballero reflíctese en todos os barrios e en case todas as mesas. O PSOE gañou en 367 das 372 da cidade, mentres que a Marea e o BNG non lograron impoñerse en ningunha delas. 

Acto de peche de campaña da Marea Atlántica en Riazor © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.