Feijóo proclama a súa "lealdade" a Rajoy "dende que me levanto ata que me 'acosto"

Feijóo, con Rajoy e líderes autonómicos do PP, este luns en Madrid © PP

En plena resaca electoral e en plena vaga expansiva no interior do PP polos resultados do 24-M o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo que enfrontarse este mércores á sesión de control no Parlamento. O líder do PP galego, sinalado por moitos como posible recambio para algún dos postos dirixentes da madrileña rúa de Génova, sae das municipais notablemente damnificado: o PPdeG colleitou o peor resultado municipal da súa historia e perdeu cotas de poder moi notables, unha caída que ten o seu símbolo no paso das alcaldías da Coruña e Santiago a representantes das mareas cidadás. Neste contexto Feijóo proclama a súa "lealdade" inquebrantable ao presidente do Goberno de España e do seu partido e combínaa co desdén ao resto de forzas parlamentarias, especialmente cara ao PSdeG.

Os grupos da oposición galega, que viron no 24-M todo un balón de osíxeno, non perderon a ocasión para tentar sacarlle as cores ao líder da dereita. O socialista José Luís Mendez Romeu apunta, con retranca, que "as crónicas" xa "apuntan" a Feijóo como "un dos posibles Brutos que vai apuñalar ao César Rajoy" aínda que en Galicia "perservere nos erros" que provocaron o desastre electoral popular. Dentro do PP, di Romeu, xa voan "as dagas".

Como Rajoy, Feijóo proclama que o seu partido é o que "gañou" as eleccións e desdeña os grupos da oposición que, di, "non escoitaron a mensaxe da xente"

"Fala vostede de apuñalar a quen?", retrucou Feijóo, que entre reproches ao socialista por "como tratou ao seu presidente", Emilio Pérez Touriño, tras a perda da Xunta, sae en defensa de Rajoy. A "lealdade", di Feijóo, é a súa forma de traballo "desde que me levanto ata que me acosto" e nesta ocasión, vén dicir, non será diferente con Rajoy.

Igual que o seu xefe de filas o presidente galego aférrase á condición de lista máis votada para sentenciar que son os demais partidos os que "non escoitaron a mensaxe da xente". "Nós si gañamos as eleccións" e, neste contexto, di, pouco importa "a opinión dun PSOE que xa é terceira forza na maioría das cidades". "Se algunha vez o PSOE gañase as eleccións en Galicia, os galegos deberían preocuparse" porque "confunde entre gañar e gobernar", asegura, obviando que a formación que lidera José Ramón Gómez Besteiro compensará a caída en votos cun notable aumento de poder territorial: "En Galicia seguirán de vitoria en vitoria ata o fracaso final", augura.

O BNG retira a súa pregunta

Tamén o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, enmarcou a súa intervención no contesto postelectoral do 24M. O deputado nacionalista retirou a súa pregunta para protestar pola nova norma que impide que todos os grupos interpelen o presidente en cada pleno, que nesta ocasión afectou a AGE. "Recortando o dereito dos deputados e deputadas estase conculcando o dereito dos seus representados a que nesta Cámara se poidan trasladar as demandas da sociedade con normalidade", di Jorquera. "Por iso hoxe voulle aforrar que fale do bipartito, porque en sinal de protesta, retiramos a pregunta que tiñamos formulada".

Malia á retirada Feijóo aproveitou a quenda de réplica para volver sacar peito polo resultado do 24M. O Bloque, lamenta, apela a "enquisas" que indican que a cidadanía "valora negativamente a xestión da Xunta". Pero "os galegos acaban de valorar a política en xeral o pasado domingo" e esa valoración, na súa opinión, segue a favorecer o PP.

Feijóo, este mércores no Parlamento © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.