Cando o PP vía nas impugnacións de votos "aferramento patolóxico ao poder"

Feijóo, con Conde Roa na súa toma de posesión en xullo de 2011 © Ana Varela

Tras vencer nas eleccións municipais de 2011 Gerardo Conde Roa non tomou posesión como alcalde de Santiago o 11 de xuño, como a práctica totalidade dos rexedores e rexedoras elixidos neses comicios. Non o fixo ata o 1 de xulo por mor das impugnacións e recursos formulados por PSdeG e BNG, formacións ás que a maioría absoluta conservadora desbancaba do goberno da capital de Galicia, que sustentaban en coalición. Tanto a Xunta Electoral como o TSXG desestimaron os argumentos de socialistas e nacionalistas e Conde Roa asumiu a alcaldía. Pero polo medio houbo toda unha riada de argumentos dos populares cargando contra os demais partidos por dubidaren dos recontos ou promoveren impugnacións que interpretaban como un intento de "aferrarse ao poder". Catro anos máis tarde, xa non son tan mal vistas na formación conservadora.

Na Coruña, provincia na que hai catro anos os populares triunfaran co 41% dos votos e maiorías absolutas nas tres cidades, é onde se concentran agora as impugnacións. Así, por exemplo, o PP de Santiago admitía este mércores, no marco da celebración do reconto definitivo dos votos, que a dirección provincial do partido adoptara a "decisión" de pedir un novo reconto de votos nulos na Coruña, Ferrol e Santiago. A petición, subliñan, "faise no marco da lexilación vixente" e responde á "máis absoluta normalidade democrática". Mentres, na cidade da Coruña, o PP pedirá que se lle sumen 56 votos anulados nun contexto no que a Marea Atlántica é a forza máis votada do Concello por 5 votos de diferenza.

O PP pide que se lle adxudiquen 56 votos anulados na Coruña, onde a Marea Atlántica é a máis votada por 5 sufraxios

Efectivamente, este tipo de reclamacións non só responden á legalidade, senón que son habituais tras os comicios, especialmente en resultados axustados. Pero, que dicían os populares hai catro anos? Un dos máis belixerantes contra as impugnacións foi o presidente da Xunta e do partido, Alberto Núñez Feijóo. Mentres se resolvían as impugnacións e recursos formulados por PSdeG en Santiago Feijóo consideraba que a veciñanza compostelá "non merecía" dirixentes políticos que mentres se "despedían" dos seus cargos públicos, "recorrían" o resultado electoral, que indicaba unha "vitoria nidia e limpa". Para Feijóo este xeito de proceder era "moi pouco responsable" e, dicía, só servía para "ampliar o período do goberno en funcións".

Feijóo consideraba en 2011 "moi pouco responsable" impugnar ou recorrer os resultados en Santiago, xa que só servía para "ampliar o período do goberno en funcións", algo que a veciñanza non "merecía"

Aínda máis duro se amosaba quen finalmente foi alcalde. En rolda de prensa con Carlos Negreira na capital de Galicia Gerardo Conde Roa atribuía as reclamacións ao "aferramento patolóxico ao poder" que, ao seu xuízo, padecían PSdeG e BNG, formacións que, auguraba, ían "rematar afogando e desaparecendo". "Rematarán os dous afundindo no seu resultado electoral", aseguraba, mentres consieraba que a única vontade dos recursos e impugnacións era "entorpecer o acceso" ao poder do novo goberno.

Para o que despois sería primeiro dos tres rexedores populares do mandato aquelas actuacións dos socios do goberno saínte servían para "anunciar o que van ser os próximos catro anos de lexislatura". Os grupos que ían pasar á oposición, reprochaba, só estaban amosando "afán de prolongar unha situación que está a prexudicar ao Concello de Santiago". Nesta liña, non ocultaba as súas "sospeitas" sobre a posibilidade que os recursos estivesen ligados a un intento de PSdeG e BNG por condicionar adxudicacións pendentes como as da ORA e o guindastre e por "espremer ao máximo" as contas do Concello para "deixar endebedado" o novo gabinete.

Feijóo, con Conde Roa na súa toma de posesión en xullo de 2011 © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.