Sete mapas para ler Galicia despois do 24M

Mapas para ler Galicia despois do 24M CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións do pasado 24M abriron un escenario inédito nalgúns concellos. Os chamados partidos de confluencia, xunto con agrupacións independentes e plataformas veciñais, modificaron a paisaxe electoral de Galicia e dalgunhas cidades do Estado. De feito, pode facerse un paralelismo entre o que aconteceu en Madrid e Barcelona con A Coruña e Santiago. A atención sobre esas cidades focalizaron unha interpretación de cambio que non se corresponde coa totalidade. Cambiou o país ou só determinadas zonas? Influíu máis un impulso de cambio ou unhas candidaturas concretas?

Tradicionalmente, as cidades máis poboadas de Galicia marcan a tendencia que, posteriormente, afectarán ao resto. O sorpasso do BNG ao PSOE en 1997, o éxito electoral de AGE nas eleccións de 2012, a eclosión de Podemos nas Eleccións Europeas, e agora as vitorias nas urnas da Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta en Santiago, e o posible goberno en minoría de Ferrol En Común, son movementos electorais que sempre teñen o seu epicentro nas cidades atlánticas e, en menor medida, nas capitais interiores.

Cambiou o país ou só determinadas zonas? Influíu máis un impulso de cambio ou unhas candidaturas concretas?

De aí esténdese a súa influencia ao resto de Galicia, ás veces nas eleccións seguintes, ás veces con máis atraso. Esta vez, Vigo non participou no terremoto, desactivado polo efecto Abel Caballero, e Ourense fíxoo cun resultado que descolocou máis dun. Aos ourensáns, menos. Nesta análise ofreceranse sete mapas que en realidade son catorce. Cada un deles consta de dúas capas: nunha apreciaranse os datos do 24M, e na outra unha comparativa coas eleccións anteriores. Esta é a Galicia municipal dos próximos catro anos.

1. Participación

Poucas novidades respecto a eleccións anteriores. Cunha participación do 66%, Galicia está pouco máis dun punto por enriba do voto no Estado (64,93%) e tres puntos e medio por debaixo das últimas eleccións municipais. O debuxo é parecido ao dos últimos procesos electorais, cunha participación máis baixa na cara atlántica -A Coruña (64,26%) e Pontevedra (64,9%)- e máis alta no interior das provincias de Lugo (70,92%) e Ourense (69,92%). O concello ourensán de Avión é o que marca o mínimo de participación (47,57%), seguido de Narón (52,33%) e a veciña Ferrol (52,33%). Estes tres foron tamén os menos participativos de Galicia en 2011, aínda que coas posicións cambiadas. A explicación de Avión é moi sinxela, e resúmese no título do documental que fixo María Hervera sobre o éxodo masivo do concello ourensano: "O pobo ausente". O de Narón e Ferrol ten outros condicionantes. Dentro dos concellos con abstención máis alta, na provincia de Pontevedra repite Marín (58% de voto), e na de Lugo, a súa capital (60,87%), cunha caída na participación respecto a 2011 de seis puntos.

Avión foi o concello con menos participación e Triacastela, o que rexistrou maior afluencia ás urnas

No lado oposto está Triacastela (91,21%), Calvos de Randín (90,80% ) e Vilardevós (90,65%). Os dous primeiros, unhas décimas por debaixo dos datos de 2011. Nas cidades, A Coruña sube case un punto (60,07%) e en Santiago baixa unhas décimas (62,21%), que é como dicir que é similar. En Ourense baixa máis de catro (62,12%), en Pontevedra sete (60,27%) e en Vigo dous e medio (60,06%).
O mapa de 2015 é unha repetición case idéntica ao das últimas eleccións municipais, tendo en conta a baixada xeral da participación en todo o país.

2. Bipartidismo

Nas eleccións nas que se proclama a fin do bipartidismo, ata 37 concellos rexistraron só votos e candidaturas dos dous grandes. Quintela de Leirado é o único que fixo un pleno absoluto: nin un voto en branco. Deses 37, o máis poboado é Valga (6.000 habitantes), o resto non sobe dos 3.000. Isto só foi posible porque o BNG non conseguiu formar candidatura en 54 concellos.

En Vilar de Santos, Vimianzo e A Pobra de Trives é onde menos suman PP e PSdeG; onde máis subiu o bipartidismo foi nos Blancos, A Bola e Porqueira

En Vilar de Santos (12,48%), Vimianzo (16,88%) e A Pobra de Trives (25%) é onde menos suman PPdeG e PSdeG-PSOE. E as maiores caídas do bipartidismo respecto de 2011 foron en Monterroso (-49,21%), Montederramo (-37,68%) e Sandiás (-36,99%). En Montederramo aínda así mantén a maioría absoluta o PPdeG. En Santiago e Ourense capital as baixadas dos dous grandes estiveron en torno ao 25%, en Lugo e A Coruña un pouco máis do 21%, en Pontevedra un 15% e en Ferrol un 13,46%. En Vigo só caeron un 4,55% grazas á suba do PSdeG-PSOE.

Onde máis subiu o bipartidismo é nos concellos ourensáns dos Blancos (+50,93%), A Bola (+43,23) e Porqueira (+33,88). Os tres con maiorías absolutas populares. En Galicia, o bipartidismo baixa nove puntos, quedando nun 61,61%. No mapa apréciase unha caída xeral, máis forte nos concellos máis poboados.

3. Esquerda/Dereita

No eixe esquerda/dereita hai dous fenómenos salientables. Dende a esquerda, as distintas plataformas de confluencia e agrupacións, onde as alianzas eran distintas en cada concello. Houbo varios artigos escritos na campaña electoral que explicaban quen ía con quen en cada sitio para explicar as distintas parellas de baile. Pola dereita, a entrada de Ciudadanos foi menos representativa do que indicaban as enquisas, e houbo un incremento tamén de agrupacións de electores que intentaron influír nas políticas locais dende escisións do PPdeG e grupos alternativos. Outro caso que fai difusa a identificación no eixe esquerda/dereita é a entrada de Compromiso nos concellos. Partido que vén do BNG, móvese nun centro amplo que abrangue os dous lados da fronteira. Os exemplo máis representativos son as próximas alcaldías de Vilar de Santos e Lalín, onde Rafa Cuíña vai ser o próximo rexedor. Compromiso compaxina a socialdemocracia no seu discurso programático con coalicións electorais con PNV, CiU e Coalición Canaria, e na súa fundación participaron desde Máis Galiza ata Coalición Galega e o PNG-PG.

Os concellos con máis voto cara á esquerda son As Pontes (78,58%), Vilar de Santos (76,76%) e Dumbría (73,68%); As Pontes e Dumbría serán gobernados polo PSdeG-PSOE con maioría absoluta. Á dereita, As Somozas (74,76%), A Pobra de Trives (73,97%) e Beariz (72,63%). As Somozas e Beariz con maioría absoluta dos populares, e A Pobra de Trives coa Agrupación Trivesa Independiente en minoría. Os cambios máis fortes foron, cara á esquerda, Vilamartín de Valdeorras (75,05%) Mazaricos (72,51%) e Toques (72,07%). En Mazaricos, o BNG gobernará en solitario. En Vilamartín, o PSdeG-PSOE en minoría, e en Toques seguirá o Partido Popular en minoría. Cara á dereita, A Bola (85,05%), Rábade (80,17%) e Cortegada (74,74%). Todos con gobernos do Partido Popular, en Rábade en minoría. A única candidatura de Falange foi en Ortigueira, onde obtivo 25 votos (0,59%).

Este é o eixe esquerda/dereita representado en porcentaxe de voto desde 1977 ata 2015.

4. BNG

Xa non se poden analizar os resultados electorais do BNG en clave de voto exclusivo nacionalista. As escisións de ANOVA, que nalgúns concellos estaban integradas en plataformas de confluencia e noutros ían en solitario, Compromiso por Galicia e mareas representan un voto nacionalista atomizado e matizado nas diferentes opcións do mercado electoral. Pero o BNG segue sendo un actor importante no sistema político galego. É probable que tocasen chan, e agora quédalles un espazo moi definido cun electorado fiel. Malia á entrada de partidos novos, con moitos participantes nas escisións de Amio nas súas filas, o BNG mantén o seu lugar en algúns concellos inportantes -moito máis discreto que noutros tempos- e mesmo é chave para as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra.

O BNG cae catro puntos a respecto de 2011, pero ten 13 maiorías absolutas e catro relativas

Perde máis de 72.000 votos e catro puntos respecto a 2011, pero ten 13 maiorías absolutas e catro relativas. Crece na Costa da Morte e no sureste da provincia de Ourense, e mantén os apoios xa tradicionais de Allariz (65,53%), Pontevedra (43,08%), Tomiño (52,30%) e Bueu (64,05%). O municipio onde máis porcentaxe de voto ten é en Zas (69,53%). Non presentou candidatura en 54 concellos, e en 39 dos que se presentou tivo menos do 5% dos votos. O BNG tende a concentrar os apoios tamén no territorio. Na cidade de Lugo aguanta, entre outras cousas, porque Lugonovo non foi quen de concentrar o voto de esquerdas como noutras cidades. En Ourense e Vigo baixa do 5% e queda sen representación, e na Coruña e Santiago retrocede seis puntos, quedando en torno ao 6%. En Ferrol apenas cae un punto ata o 7,48%.

O eixe identitario quedaría así ao longo dos procesos electorais municipais en Galicia.

5. PP

Perdeu máis de 183.000 votos, 243 concelleiros e cae nove puntos dende 2011. Os números do PPdeG representan un descenso que nin o propio partido esperaba. Os populares galegos son expertos en amortecer malas expectativas e frear desastres da súa central en Madrid. Este ano non foi o caso, aínda que Feijóo se compare cos seus xefes e diga que tampouco estivo tan mal. O presidente da Xunta tamén apuntou algo que é certo, aínda que se lle criticou moito por iso: os seus votantes simplemente morren.

A Deputación de Pontevedra, histórico feudo popular, únese ás caídas de A Coruña e Lugo. Volve perder as cidades e núcleos urbanos, coa excepción de Ourense, que gobernará en minoría e cunha oposición das que non lle gustan. Nesa provincia, Baltar saca peito e ensina un mapa cos concellos tinguidos de azul popular. Pero non son eleccións maioritarias e, en realidade, perde ata dez alcaldías. O mapa que deberían ver os catro líderes provinciais, e todo o aparato do PPdeG, é o da comparativa respecto a 2011, onde se ve que os concellos que máis soben en apoio popular son A Bola (+41,94%), Cortegada (+37,13%) e Os Blancos (+32,77), este último tras a fichaxe do alcalde independente por parte de Baltar un par de meses antes das eleccións

Onde se rexistrou menos apoio ao PP foi en Vimianzo, Monterroso e As Pontes

Na súa provincia tamén está Manzaneda, onde o PPdeG cae un 35,4% e se afianza un goberno con maioría absoluta de ANOVA. O concello onde máis porcentaxe de voto popular hai en Galicia é o coruñés das Somozas (86,59%, cunha suba do 7,16%) seguido dos ourensáns Beariz (85,96%), Quintela (85,78%) e Esgos (81,91%). Onde hai menos apoio aos conservadores é en Vimianzo (8,60%), Monterroso (9,24%) e As Pontes (9,58%). En Vigo perde un 21,92% e en Ames un 26,66%. Nas cidades de Lugo e Coruña cae un 12%, en Santiago e Narón preto do 10%, en Ferrol máis de sete puntos e en Ourense 6,91%. Ao PPdeG xa non lle serve pintar os mapas provinciais coas maiorías de votos. O sistema representativo obrígao a cambiar de estratexia e a gañar a confianza da Galicia urbana, que tamén morre, pero non se sabe que papeleta leva ao outro barrio.

6. Os pequenos

A incidencia dos partidos pequenos foi menor, a nivel global, do que se deduce do foco de atención en Coruña e Santiago. O mapa é semellante ao das eleccións municipais de 2011, cun incremento no número de alternativas, pero cunha suba leve de voto a elas. A provincia de Lugo é onde menos listas houbo alleas aos partidos tradicionais. A suba de Democracia Ourensana é o petardo no puro inesperado. Os partidos de confluencia non conseguiron unha candidatura forte na cidade das Burgas, e o descontento canalizouse nun partido que utiliza o chiste como estratexia e o exceso como virtude. Na capital lucense, Lugonovo celebra un trunfo pírrico nun momento no que os impulsos electorais demandaban un xiro maior e un golpe máis duro a un alcalde que leva dezaseis anos no poder. No momento de escribir isto, aínda non se sabe se Orozco cederá o bastón de mando a outro da lista -esixencia básica de Lugonovo- ou permitirá que o PPdeG goberne en minoría.

Se o PPdeG está preocupado porque os seus votantes morren, calquera plataforma electoral con aspiracións a gobernar Galicia debe preocuparse por gañar o interior voto a voto

Onde máis incidencia tiveron os partidos pequenos en porcentaxe de voto foi en Vilar de Santos. Alí Compromiso obtivo un 86,74% dos votos -os sete concelleiros- nun transvasamento directo de papeletas do BNG. A Agrupación Trivesa Independiente sacou o 73,97% dos votos, e no Val do Dubra, SON (43,2%) encabeza un municipio no que o 68,67% dos votos foron a candidaturas alternativas. Pero en case a metade dos concellos galegos (152 de 314) non houbo nin un só voto a partidos que non fosen PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG. Todos eles suman un censo de 335.712 votantes, un 14,84% do total galego. A baixada máis grande está en Os Blancos (-52,42%), A Mezquita (-51,19%) -onde gobernaba o BNG coa oposición de Mezquit.A e agora terá a do PPdeG- e na Pobra do Brollón (-43,89%), onde os independentes, escindidos do PPdeG e grupo de oposición ao goberno de BNG e PSOE, non se presentaron.

Pero sen dúbida as vitorias en Santiago e A Coruña representaron o impulso de plataformas de confluencia que van prender en próximas eleccións, isto sumado a máis que posible alcaldía de Jorge Suarez en Ferrol. Para as Galegas do ano que vén, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro poden abandeirar unha candidatura que, dende as cidades atlánticas, estenda a súa influencia cara ás capitais de interior e, de aí, aos núcleos rurais. Se o PPdeG está preocupado porque os seus votantes morren, calquera plataforma electoral con aspiracións a gobernar Galicia debe preocuparse por gañar o interior voto a voto.

7. Maiorías

En dous de cada tres concellos de Galicia, non haberá cambios de goberno. 207 concellos manteñen o mesmo partido na alcaldía e coa mesma maioría, que afectan a case un millón de votantes do censo, o 41% do total. Haberá cambios seguros en 40 concellos. En 34, o partido que gobernaba con maioría absoluta, pérdea, mentres que en 18 pasaron de maiorías relativas a absolutas. E en 15 todo está pendente de pactos para saber se segue o mesmo goberno ou cambia. Moitos destes datos están no aire.

O PPdeG segue tinguindo o mapa de azul, pero perde alcaldías. Dos 219 alcaldes que tiña antes das eleccións (190 +29), pasa a 149 maiorías absolutas, e en 54 concellos máis foi o partido máis votado. O PSdeG-PSOE ten 46 maiorías absolutas e 32 relativas.

O PPdeG adorna as súa ssedes cun mapa en cartón pluma pintando de azul os concellos onde foi o máis votado; o avance dunha fronte ampla pode estragar estes agasallos

O PPdeG adorna as súas sedes provinciais cun mapa en cartón pluma como o que ensinou Baltar ao día seguinte das eleccións. Despois das Galegas, obsequian ao candidato á presidencia cunha imaxe similar, pintando de azul os concellos onde foi o partido máis votado. O avance dunha fronte ampla pode estragar estes agasallos. Os experimentos anteriores non tiveron, ata de agora, auténtica vocación de alternativa de goberno. Se atendemos aos procesos electorais, a forza desas Mareas estenderase por dous motivos: aínda ten marxe para medrar no resto das cidades, e os tres alcaldes de A Coruña, Santiago e Ferrol vivirán, en 2016, a habitual lúa de mel cos votantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.