Lea no Congreso para rebaixar controis ao voto emigrante

Carmela Silva, deputada galega no Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG

PP e PSOE coinciden no fundamental: hai que suprimir o voto rogado e botar atrás a reforma electoral que ambos os dous partidos pactaron hai máis de catro anos co goberno Zapatero porque a participación agora da emigración é escasa. Pero enléanse en quen debe tomar a iniciativa para acabar co sistema que desde 2011 vetou a participación da diáspora nos comicios locais e que, basicamente, buscou evitar as continuas fraudes denunciadas no exterior obrigando a solicitar o sufraxio para poder exercelo. 

PP e PSOE discuten agora sobre quen toma a iniciativa para dar marcha atrás nunha lei electoral pactada por ambos hai catro anos

A deputada galega do PSOE Carmela Silva foi quen preguntou este mércores no Congreso ao Goberno cando pensa botar atrás o voto rogado, ese que fixo descender a participación do máis do 30% no Censo de Residentes Ausentes (CERA) nas xerais de 2008 a menos do 5% en 2011 ou, nas autonómicas galegas, do 30,3% de 2009 ao 3,2% de 2012. Queren os socialistas, e tamén o presidente Feijóo tal e como prometeu hai tan só uns meses na Arxentina, que se faga xa de cara ás vindeiras xerais. Porque os dous grandes partidos coinciden en que non o deberan ter feito. "Admitimos o erro daquela modificación electoral", dixo a parlamentaria do PSdeG. "Aí toda a Cámara se equivocou", coincidiu o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz. 

"Non valen evasivas nin subterfuxios; non hai desculpas para non facelo, é a hora da verdade", expresou Silva, que asegura que "case a unanimidade do Congreso está disposta á supresión do voto rogado". "Só depende do Goberno e do grupo do PP", insistiu tras apremar a que a reforma se faga "para as próximas xerais", chegando mesmo a propoñer que o Executivo presente unha iniciativa lexislativa en quince días e que se tramite "por vía urxente e de lectura única" para facilitar o proceso. E foi máis alá aludindo ás promesas de Feijóo e outros dirixentes do PP ante a diáspora á que, segundo dixo, "enganan dicindo que están dispostos á reforma, aínda que en realidade non a queren". 

Carmela Silva (PSOE) pide unha reforma "por vía urxente e en quince días" para acabar co voto rogado xa de cara ás xerais

"Apoiámolos e deben presentar o proxecto de lei", chegou a pedir Carmela Silva, que se topou coa resposta de Fernández Díaz, que tirou balóns fóra para, malia asumir o erro, deixar a iniciativa en mans dos grupos parlamentarios e non do Executivo. Así, lembrou que as reformas electorais fanse por consenso, polo que animou aos partidos a presentar a proposta na Cámara "se realmente hai tanta unanimidade". "Se hai consenso, que se presente", retouna tras lembrarlle que a reforma que rexe actualmente "aprobouse gobernando o PSOE". 

O ministro Fernández Díaz reclama que sexan os grupos os que presenten unha proposta de reforma electoral na Cámara

Mentres, a proposición de lei do Parlamento galego que os dous grandes partidos quixeron usar de punto de apoio para darlle a volta á situación e pórlle fin ao sufraxio rogado vén de cumprir máis dun ano bloqueada na Cámara Baixa. É unha forma que o Congreso ten de impulsar a reforma dun sistema de voto para a emigración implantado polo último goberno de Zapatero logo dun acordo co PP e co apoio de CiU, PNV e BNG. Precisamente, o Bloque asiste agora ao "cambio de criterio e á incoherencia" dos dous grandes partidos. "A nosa postura é a coñecida, a mesma que daquela", lembra a deputada nacionalista Rosana Pérez. 

"Pedimos que o voto dos emigrantes tiña as máximas garantías, as mesmas que os votos dos residentes aquí, independentemente da tradución numérica que en forma de participación se produza", explica a deputada do BNG, que asegura que intentar facer crer que o sistema actual "é unha conculcación de dereitos" non é real. "Se hai moita menos participación, que parece que é o que realmente lles preocupa aos dous grandes partidos, terá que ser o Estado o que poña os medios e facilite o voto, con transparencia e coas máximas garantías", explica quen insiste en aclarar que para nada a súa formación, tal e como se asegura desde algúns colectivos emigrantes, intenta poñer atrancos.

O BNG di que a súa postura non mudou, pide "as máximas garantías" no voto emigrante e critica o "cambio de criterio" de PP e PSOE

"Queremos que voten os emigrantes, coas máximas garantías e a poder ser que voten só os vivos", di en clara alusión ás múltiples irregularidades demostradas e denunciadas durante anos nas eleccións na diáspora, con "sacos de votos chegados desde sedes de partidos" e "papeletas de persoas falecidas", entre outras incidencias. "A sensación é que parece que só entre a emigración galega se daban esas deficiencias, cando non é certo; noutros territorios tamén se deron, aínda que fose nunha proporción menor", insiste Rosana Pérez, que insiste en que "mellorar a participación da diáspora non é cuestión de volver atrás, senón de ofrecer garantías e medios". Ademais, ten claro que, cando menos no caso da socialista Carmela Silva, "o coñecemento das irregularidades que se cometeron durante décadas é dabondo". 

O Bloque insiste en que aumentar a participación depende de que o Estado "poña os medios e facilite o voto" e non de "volver atrás"

O caso é que a necesidade de solicitar o voto cambiou a práctica habitual levada a cabo por milleiros de emigrantes ou descendentes de galegos (e españois) inscritos no CERA desde hai décadas, que lanzaron duras críticas ao novo sistema. É unha situación que nada ten que ver co caso da maioría de emigrantes novos e recentes que por mor da crise abandonaron España. Neste caso, son residentes temporais os que denunciaron xa as dificultades para poder votar nos comicios municipais, vetados para os integrantes do CERA, logo de apuntárense como transeúntes nos consulados e non ter recibido a documentación necesaria.

Rosana Pérez (BNG), no Congreso CC-BY-SA BNG
Carmela Silva, deputada galega no Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.