O BNG lanza os "concellos en rede por Galiza" como mostra da "alternativa ao PP"

Vence e os responsables municipais, este xoves en Compostela CC-BY-NC-SA BNG

"Amosar que hai unha alternativa ás políticas antisociais e antigalegas do PP". Esta é, en verbas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, unha das intencións coas que nace 'Concellos en rede por Galiza', unha "estrutura estable de colaboración entre os concellos" nos que o Bloque forma parte do goberno e encabezadas polos seus 30 alcaldes e alcaldesas que se marcan o obxectivo de "compartir iniciativas de éxito e transformación que permitan construír país dende os municipios".

A formación nacionalista xunto este venres en Compostela unha vintena de dirixentes municipais que definiron un "decálogo" de prioridades a desenvolver e compartir nunha rede que "se reunirá, cando menos, cada seis meses" e da que formarán parte "os responsables municipais dos 42 concellos nos que gobernará o Bloque en solitario ou en coalición". Entre esas prioridades, indican, figura a declaración destes municipios como "concellos libres de desafiuzamentos" con medidas en dúas frontes: "dispoñer dunha bolsa de vivenda pública para darlle unha opción ás familias mentres se negocia coas entidades" financeiras e "facer unha fronte municipal común para promover un cambio na lexislación" hipotecaria.

O decálogo da "rede" inclúe medidas en materia de desafiuzamentos ou loita contra a violencia machista

Ademais das medidas en materia de vivenda e de loita contra a pobreza o BNG sitúa tamén como prioridade nestes municipios as actuacións "contra a lacra da violencia machista" e, no ámibto da xestión, "que practiquen a tolerancia cero contra a corrupción". O "decálogo" complétase con iniciativas no ámbito da cultura e da lingua ou a defensa "do dereito de Galiza a decidir" como "prioridade política". Asemade, afirman, o Bloque procurará dende os concellos "promover unha sociedade crítica, democrática e participativa en todos os ámbitos da vida municipal".

Reequilibrio territorial

'Mini', alcalde de Boimorto, apela a unha "rebelión seria e tranquila" contra o despoboamento rural

Dado o carácter vilego dun bo número destes municipios, os "concellos en rede" poñen tamén no albo das súas políticas o "reequilibrio territorial e a busca de alternativas ante o despoboamento da Galiza rural, sen a que o país perdería unha parte da súa identidade". Nesta liña, un dos rexedores presentes no acto, Xosé Luís Rivas, Mini, incide en que, dende Boimorto, o despoboamento rural fai imprescindible o inicio dunha "rebelión seria e tranquila, pero firme, dende os concellos do rural". En caso contrario, asegura, en quince anos  "a despoboación do interior" será unha realidade.

Todo isto, indica a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, desenvolverase nun contexto no que a veciñanza de cada concello será "a protagonista". "Estamos nas institucións para defender os intereses de todas e todos" e por iso, asegura, nesta "nova etapa" os consistorios serán "transparentes e dialogantes" e neles, "o benestar social será a prioridade, porque queremos estar ao lado das persoas". Estes obxectivos, agrega Vence, serán desenvolvidos con maior intensidade grazas á "representación municipal incrementada" do Bloque.

Os trinta alcaldes e alcaldesas do BNG CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.