Somos Nós ofrécese como "escenario de encontro" para unha candidatura na que Galicia "sexa a protagonista"

Anxo Quintana, este domingo na asemblea de Somos Nós © Somos Nós

Somos Nós celebrou este domingo en Compostela a súa primeira asemblea xeral, na que aprobou os seus estatutos, un plan de traballo para 2015 e designou a súa primeira xunta directiva. A plataforma aprobou tamén unha declaración política arredor das eleccións xerais do outono, centrada na necesidade de construír "unha candidatura na que Galicia sexa protagonista" e na que Somos Nós se ofrece como "punto de encontro".

En declaracións aos medios, recollidas por Europa Press, Anxo Quintana afirmou que nos vindeiros días a plataforma iniciará contactos con persoas e organizacións con este obxectivo. Quintana, en calquera caso, descartouse como candidato a liderar esa posible candidatura e apostou por buscar eses liderados "na canteira".

Na declaración política difundida hai uns días Somos Nós destacaba a importancia de que "Galicia exista politicamente no novo parlamento de Estado cunha representación propia, forte e decisiva. Unha representación propia de Galicia, pero non pechada á interlocución e acordo con outras representacións do Estado para  poder construír, entre todas, maiorías parlamentarias a favor dos intereses da maioría social".

"É tarefa de todos e todas construír a unidade que faga posible os nosos soños e as nosas expectativas. Ninguén pode ter o patrimonio exclusivo da unidade, ninguén ten que quedar excluído dela. É a unidade de todos e todas os que queren que Galicia exista. É a unidade da xente, non só dos partidos. A unidade que faga posible que Galicia sexa protagonista, e non só espectadora, do novo tempo que se abre", salientaba.

Este domingo Quintana subliñou que "na vindeira lexislatura no ámbito estatal vanse decidir cousas moi importantes e Galicia non pode estar ausente neste proceso nin tampoco aspirar a estar unicamente como espectadora". Seguindo ese argumento, Somos Nós destaca na súa declaración que "a representación propia de Galicia en Madrid hoxe non é unha proposta nacionalista. É unha necesidade de País e como tal debemos enfrontala". E ofrécese como "un escenario de encontro para axudar a construír esa unidade", engandindo que non será "nin o único nin o máis importante", pero en todo caso "un dos que serán necesarios".

Un momento da asemblea da plataforma © Somos Nós
Anxo Quintana, este domingo na asemblea de Somos Nós © Somos Nós

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.