Gondomar: Gobernar a golpe de Facebook

O barco, na rotonda de Vincios Dominio Público Praza Pública

Coñecida é a crítica que se lles adoita facer aos gobernos que toman decisións "a golpe de enquisas". Nos últimos meses, sen buscar máis aló, Alicia Sánchez Camacho acusou a CiU de facelo; tamén CiudadanosJosé Ignacio Torreblanca acusaron do mesmo a Podemos, apelando ao deostado "populismo"; e en varias ocasións medidas adoptadas polo goberno de Mariano Rajoy, por exemplo a chamada prisión permanente revisableforon sinaladas por responder a un dificilmente contratable estado de ánimo da opinión pública. Porén, máis aló deste goberno a golpe de enquisa está o goberno a golpe de Facebook que semella gañar forza en Gondomar.

Hai ao redor de dez anos unha comparsa de Vincios construíu un pequeno barco viquingo que usou en varios desfiles de entroido. Os veciños conservaron o barco, gardado no local da súa asociación. Na noite de San Xoán, seguindo a tradición de subtraer obxectos para depositalos noutro lugar, alguén colleu o barco e colocouno no centro dunha rotonda, bautizándoo como Alfageme II en referencia ao situado -con polémica- no barrio vigués de Coia hai uns meses. 

Asegura que recibiu 500 peticións para mantelo alí e afirma que valora seriamente instalalo na rotonda de forma definitiva

O suceso puido quedar na broma e na anécdota. Se non fose porque o novo alcalde de Gondomar, o socialista Paco Ferreira, lanzou a través da súa conta de Facebook unha consulta para que os seus seguidores se pronunciaran sobre a conveniencia ou non de manter o barco na súa nova localización. Asegura que recibiu 500 peticións para mantelo alí e afirma que valora seriamente instalalo na rotonda de forma definitiva. De momento, o Concello retirou temporalmente o barco e trasladouno a dependencias municipais; o seu creador, un veciño de Vincios comprometeuse a restauralo sen custe ningún.

"Gondomar estes días sae en tódolos medios de comunicación por algo que nada ten que ver coa corrupción urbanística. Saímos por una iniciativa popular e participativa de todos vós, e por un concello aberto os veciños e un goberno que os escoita"

"Gondomar estes días sae en tódolos medios de comunicación (radio, televisión e prensa escrita) por algo que nada ten que ver coa corrupción urbanística, etc... Alégrame moito como veciño e como alcalde. Saímos por una iniciativa popular e participativa de todos vós, e por un concello aberto os veciños e un goberno que os escoita", destaca Ferreira nunha mensaxe publicada este mesmo domingo.

A decisión final, en calquera caso, será da Xunta de Galicia, de quen depende o vial no que se sitúa a rotonda. O Concello remitiralle ao goberno autonómico unha petición formal, na que se inclúe a demanda de mellora xeral da estética da glorieta, coa instalación de árbores e pedras decorativas.

Imaxe xeral da rotonda co barco Dominio Público Praza Pública
O barco, na rotonda de Vincios Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.