0 Gardados para despois

Os eurodeputados galegos, entre os máis activos do Estado no primeiro ano de lexislatura

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 1 de xullo cumpriuse o primeiro ano da nova lexislatura europea. Tras unhas eleccións europeas que acapararon moitos máis focos mediáticos do habitual polo seu resultado, coa significativa baixada de PP e PSOE e a emerxencia de novas forzas como Podemos, a actividade da Eurocámara foi caendo, como adoito, nun segundo plano. No entanto, a actividade da persoas elixidas para ocuparen os escanos de Bruxelas e Estrasburgo foi evolucionado, aínda que de xeito desigual. Neste primeiro ano, igual que na anterior lexislatura, a práctica totalidade dos representantes de orixe galega figuran entre os máis activos.

Segundo os datos da propia Eurocámara -actualizados para a elaboración desta información con data do pasado 23 de xuño- o eurodeputado elixido polo Estado español que desenvolveu un maior número de actividades parlamentarias foi o galego José Blanco, referente do PSdeG nas eleccións de 2014. O exministro de Fomento realizou ata a data de referencia algo máis de 600 actividades parlamentarias, a maioría delas intervencións en pleno -máis de 300- e preguntas á Comisión, unhas 250.

José Blanco é o eurodeputado elixido polo Estado español con máis actividade no primeiro ano de lexislatura

O segundo eurodeputado do Estado con maior actividade é tamén de orixe galega, aínda que na campaña das europeas non realizou campaña no país. Trátase de Javier Couso, de Esquerda Unida, que tras substituír a Willy Meyer oito días despois do inicio da lexislatura desenvolveu máis de 530 actividades, entre as que destacan 305 intervencións en sesións plenarias e 195 preguntas. Nos primeiros postos atópase tamén a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, que con 453 actividades -328 delas intervencións en pleno e 91 preguntas- figura tamén entre os 19 eurodeputados que dobran a media da actividade dos 54 eurodeputados elixidos polo Estado español.

Xusto na banda contraria á de Blanco, Couso ou Senra, a dos eurodeputados e eurodeputadas que nin sequera chegan á metade da media de actividade, figura o outro eurodeputado galego, o popular Francisco Millán Mon. O que foi referente do PPdeG durante a campaña das europeas desenvolveu neste primeiro período 66 actividades parlamentarias, das que 20 foron intervencións plenarias e 25, preguntas. A actividade de Millán Mon, non obstante, atópase na media do seu grupo, o Popular. 

Accións de BNG e CxG

Ana Miranda, con mariñeiros do xeito no pleno da Eurocámara en Bruxelas

Durante este primeiro ano a representación galega no pleno do Parlamento Europeo trasladou á Eurocámara múltiples asuntos referentes a Galicia que, non obstante, tamén estiveron presentes a través doutros eurodeputados. Así, por exemplo, o representante de EH-Bildu, Josu Juaristi, tramitou as iniciativas formuladas por Ana Miranda, a representante do BNG na Eurocámara que tomará posesión como deputada na segunda metade da lexislatura. Juaristi foi o encargado, por exemplo, de impulsar formalmente as reivindicacións do sector da pesca do xeito xestionadas por Miranda. Do mesmo xeito, nos últimos meses Juaristi formulou preguntas a respecto de Galicia impulsadas polo Bloque sobre temas como a fin das cotas lácteas, o tráfico marítimo, a construción dun pantalán ilegal en Sanxenxo, o sector naval ou a xestión de fondos europeos na provincia de Pontevedra, entre outros.

Izaskun Bilbao, do PNV, realiza actividades parlamentarias impulsadas dende CxG

Outra eurodeputada vasca, Izaskun Bilbao (PNV), tramitou tamén neste primeiro ano iniciativas con temática galega, no seu caso impulsadas por Compromiso por Galicia, que concorreu aos comicios de 2014 coa formación jeltzale. Bilbao xa formulou, por exemplo, iniciativas sobre a etiquetaxe dos produtos pesqueiros ou sobre o apoio europeo ao eixo atlántico de alta velocidade. Asemade, tamén se interesou ante as autoridades comunitarias pola exclusión da Rede Galega contra a Pobreza na xestión de fondos comunitarios ou pola permanencia de simboloxía franquista en Vigo, ademais doutras cuestións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.