O texto de Castelao que Feijóo usou contra as mareas condena usar "tópicos da historia" para "construír o futuro"

Discurso de Feijóo na entrega das medallas © Xunta

O pasado 28 de xuño, como en anteriores edicións do evento, o presidente da Xunta aproveitou a entrega das Medallas Castelao para lanzar críticas en clave partidaria, nesta ocasión contra os alcaldes das mareas e a súa decisión de non participar en actos relixiosos. "Non é casual que ao pai do galeguismo que dá nome a este galardón, lle debamos unha das definicións máis fermosas da tradición. 'A tradición é a eternidade', di Castelao", proclamou Alberto Núñez Feijóo. O fragmento lido polo xefe do Executivo está tirado dun texto moito máis longo que vai xusto na dirección contraria da indicada por Feijóo e que condena, precisamente, apoiarse nos "tópicos da historia" para "construír a Galiza do futuro".

A reflexión do histórico escritor e político nacionalista pertence ao primeiro libro da súa obra Sempre en Galiza, escrito durante a Guerra Civil. Cunha linguaxe propia do seu tempo, incorporando relatos míticos ás análises políticas, Castelao considera que "os feitos pasados non poden roubarnos o pensamento e acción para construír a Galiza do futuro". "Temos que refugar, inclusive, a nosa propia vellez", agrega, despois de subliñar que "eu renego da hestoria de Galiza, porque o pasado sóio nos deixou desilusións de vida e nin tan siquera sabemos cál foi o seu mellor propósito". El, indicaba, tiña confianza na "soberanía natural de Galiza", porque o país fora quen de manter a súa "eisistencia diferenciada" malia unha morea de "erros e miserias históricas".

"Os feitos pasados non poden roubarnos o pensamento e acción para construír a Galiza do futuro", di o texto de Castelao

"Claro está que renego do pasado, porque o feito diferencial de Galiza xa supera, na conciencia e na vontade política dos galegos de hoxe, a tódolos feitos rexistrados na súa historia", aseguraba, antes de preguntarse "que importan" algúns dos relatos históricos máis senlleiros. Así, por exemplo, pregúntase "que importa que no século da eclosión barroca déramos eruditos e pensadores como Feixoo e Sarmiento, e que no século das luces déramos mulleres como Concepción Arenal e Rosalía de Castro", se nese tempo "perdemos o derradeiro vestixio das nosas liberdades" por motivos políticos.

Na mesma liña, Castelao intérnase tamén no eido no que o presidente empregou as súas palabras, o relixioso: "que importa que a invención do corpo do Apóstolo Sant-Iago fose unha maniobra estratéxica de Carlomagno para enquistar a invasión árabe (...) As angurias vitaes de Galiza, cando era o cume místico de Europa, no intre da súa eclosión cultural, foron a morrer, como leucocitos, no enconado flemón que padecía Hespaña", di. Igualmente, cuestiona "que importa que nos camiños abertos por Compostela frorecese a grande arte medieval do Oucidente" se "por gañar para Compostela a primacía eclesiástica da Hespaña, o Arcebispo Xelmírez (...) consinteu a desintegración do territorio galego".

"A tradición é a eternidade e revélase no idioma, no esprito, na cultura, na arte, no xeito de vivir e de pensar"

É neste contexto no que Castelao enmarca a cita referida por Feijóo. "Hai algo que xa eisistía en permancia, e que os galegos debemos respetar: a verdadeira e auténtica tradición de Galiza". Iso, advirte, non é "afincarse nos tópicos da hestoria", senón "na enerxía étnica que vive nos limos da concencia nacional de Galiza". "Porque a verdadeira tradición non emana do nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo". "A tradición -continúa- é a eternidade" e "revélase no idioma, no esprito, na cultura, na arte, no xeito de vivir e de pensar, no sentido trascendente da vida e da morte, no afán de universalidade e de particularidade, no amor á xustiza e ás boas formas de convivencia, na identificación amorosa coa terra, na espranza dun mundo mellor, na predisposición á poesía...".

"A tradición é todo aquelo que endexamais nos traicionará", conclúe o texto, e por iso a Guerra Civil que se vivía naqueles anos era, ao xuízo de Castelao, "unha loita antre a tradición e a hestoria". "Eles", en referencia aos franquistas, "representan a hestoria; nós a tradición". "Pero é que os galegos temos unha tradición propia e inconfundible, moi difrente á do resto de Hespaña", remata.

Feijóo e Rueda, coas persoas galardoadas coas Medallas Castelao © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.