O 'Encontro Cidadán por unha Marea Galega' lanza o seu manifesto cos 100 primeiros apoios

Persoas impulsoras do Encontro, na carballeira de Santa Susana, en Compostela CC-BY-SA Marea.gal

"O cambio político en Galicia e no Estado é posible". É unha das ideas das que parte o manifesto do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, o colectivo que dende mediados do pasado xuño vén traballando nunha proposta a prol da conformación de candidaturas unitarias tanto para as eleccións xerais deste ano como para as galegas de 2016. Coa intención de que "as persoas e os movementos sociais teñan incuestionable protagonismo" este movemento vén de facer público o seu manifesto xunto ás 100 primeiras sinaturas como mostra de "simbólico" apoio e abre a porta a recibir as adhesións de todas as persoas que o desexen.

Este "encontro cidadán", cuxos impulsores mantiveron unha primeira xuntanza física o 19 de xuño na compostelá carballeira de Santa Susana, ven as eleccións municipais do pasado maio e as europeas de 2014 como mostra da posibilidade de cambio político "sempre que se dean dúas condicións": "empoderamento e liderado da cidadanía" e "confluencia das organizacións políticas, novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas ni tutelalas", senón "antepoñendo o ben común aos intereses dos partidos". "Estas dúas dimensións -afirman- están presentes nas candidaturas de base asemblearia que emerxeron dos movementos cívicos de Nunca Máis, Non á Guerra e o 15M até hoxe".

O Encontro propón a conformación de "candidaturas de unidade popular" para as eleccións xerais en galegas que "terán en Galicia un ámbito de decisión propio"

"Cando estas condicións se acadaron, logrouse o éxito electoral" e "cando non, frustráronse as arelas de cambio de moita xente", aseguran. Por todo isto, explican, propoñen o impulso de "senllas candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e as autonómicas" que "terán en Galicia un ámbito de decisión propio". No caso das xerais, esa candidatura unitaria tería a intención, "xunto con outras candidaturas, de contribuír á realización dun novo pacto constituínte respectuoso co dereito a decidir da cidadanía e dos pobos que integramos o Estado español".

A elección das candidaturas realizaríase "mediante primarias abertas á cidadanía con censo e inscrición rogada"

De lograrse a conformación dunha Marea Galega con esta fórmula, indican, a candidatura galega "formará ou, de ser o caso, apoiará un grupo parlamentario galego nas Cortes que garanta a representación e defensa dos intereses da cidadanía galega" e tería tamén o compromiso de "apoiar un goberno alternativo de unidade popular no Estado". Tanto ese grupo parlamentario como o que se formase no Parlamento de Galicia tras as eleccións autonómicas responderían "perante as asembleas e outros organismos delas emanados" e a súa configuración decidiríase "mediante un proceso de elección de primarias abertas á cidadanía, con censo e inscrición rogada".

As persoas que lanzan o manifesto ábreno xa ao "maior número posible de adhesións"

"Como Marea, vogamos a xeito de remeiros, avanzando cara a adiante pero sen esquecer os desacertos que nos trouxeron" a unha situación de "aborrecemento fronte á vella política" que se reflectiu, diagnostican, nas eleeccións municipais. "Entedemos de que é hora de que os protagonistas dese pasado, as forzas con estruturas e dinámicas partidarias, abran o pasod da primeira liña á xente da rúa e conflúan na Marea sen tutelala nin apropiarse do seu discurso para beneficio do partido", conclúen, co obxectivo de "acadar o maior número posible de adhesións ao manifesto" para lanzar definitivamente o proceso.

Persoas impulsoras do Encontro, na carballeira de Santa Susana, en Compostela CC-BY-SA Marea.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.