PP e PSOE recuperan forza, ao tempo que se desincha Ciudadanos

Asignación de escanos na edición de xullo de O Mirante © O Mirante

A edición de xullo de O Mirante, o panorama electoral elaborado polo sociólogo Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego presenta poucos cambios con respecto a de xuño. PP e PSOE recuperan apoios, mantendo o ascenso sostido que veñen experiementando nos últimos tres meses, e que fai que superen -en conxunto- o 50%, un nivel que perdera en novembro pasado trala acumulación de casos de corrupción á volta do pasado verán. Podemos estáncase no 19% e nos setenta escanos, descendo moi lixeiramente nesta nova entrega (dúas décimas). As súas estimacións seguen sendo as máis diverxentes de entre todas as forzas políticas, e iso, sumado á súa condición de terceira forza con maior dependencia dos restos no reparto da Lei d’Hondt, provoca que os escanos esperados se movan nun intervalo moi amplo, arredor en todo caso deses 70 escanos. Quen si perde forza dunha maneira máis evidente é Ciudadanos, que só nun mes se deixa dous puntos e máis de dez escanos, ficando nun 12% e en 27 posibles deputados. No último mes o ascenso do PP lle permitiría acadar entre 115 e 123 escanos, a 60 dunha hipotética maioría absoluta para a que non tería máis aliado posible que o PSOE, que se consolida por riba dos 100 escanos (98 – 102).

Dada a correlación de forzas a unión de PP e PSOE mantén potencialmente unha maioría absoluta, pero desde o mes pasado ábrese a posibilidade, de momento máis improbable que probable, pero posible en calquera caso, dunha hipotética maioría absoluta entre PSOE e Podemos. Unha terceira posibilidade de maioría a dúas bandas, PP e Ciudadanos, nunca se materializou nos números e está cada vez máis lonxe.  

Entre as forzas minoritarias IU prosegue o seu descenso camiño da marxinalidade, penalizado polo sistema electoral español. Mantén dous únicos escanos coneguidos por ICV-EUiA en Catalunya e que dependen da súa participación nas novas fórmulas electorais ao estilo de Barcelona en Comú. UPyD confirma este mes a súa desaparición definitiva do escenario político estatal.

No bando nacionalista as enquisas destes últimos 30 días foron en xeral favorables para o PNV e Compromís, e desfavorables para o resto. Só Geroa Bai e EH Bildu conserva inalterada a posición de xuño. O BNG perde unhas centésimas (do 0,64% ao 0,61%) e podería ver en perigo o seu segundo escano en Madrid.

Asignación de escanos na edición de xullo de O Mirante © O Mirante

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.