"O BNG propón unha candidatura non só para os nacionalistas, senón nacional"

Vence, con Goretti Sanmartín en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Novos xestos cara a unha eventual confluencia en Galicia cara ás eleccións xerais. Despois da aposta por unha candidatura "de amplo espectro" aprobada no Consello Nacional do BNG, tras o defendido por Anova ou CxG nos últimos días e nun marco de múltiplas conversas e contactos a diversos niveis, este luns foi o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, quen considerou favorable o clima para unha posible unidade. A formación frontista, explica Vence, defende unha candidatura "nacional" galega, o cal non implica que teña que estar restrinxida a persoas ou organizacións nacionalistas.

A preguntas da prensa o o portavoz do Bloque abondou en que a análise que a organización parte da base de que a vindeira lexislatura estatal será "transcendental" e por iso Galicia debería poder ter "unha representación propia e soberania no Congreso, para defender os intereses inmediatos e estratéxicos" do país. Por iso, di, o que o BNG propón é "unha candidatura nacional galega non só para as forzas nacionalistas e non só para os nacionalistas, senón unha candidatura nacional, para defender os intereses de Galiza como nación".

Vence coida que as "resolucións" de Anova "camiñan cara a unha confluencia coa proposta do BNG dunha candidatura nacional galega de unidade"

Neste contexto, explica, "todas as forzas políticas, persoas e cidadanía" que asuman estes principios poderían ter cabida, e por este motivo ve "espazo para o encontro", tamén con Anova. Ao seu xuízo, as "resolucións" adoptadas pola formación que encabeza Xosé Manuel Beiras "camiñan cara a unha confluencia coa proposta do BNG dunha candidatura nacional galega de unidade". "Se non é así, terían que explicar cales son as diferenzas", engade Vence.

No caso de que esa "candidautra nacional e non necesariamente nacionalista" chegase a frutificar, engade o líder do Bloque, "os nacionalistas seríamos, obviamente, o motor, cun programa de contido nacional forte para defender Galiza como nación". Con estes alicerces, di, o BNG segue "diposto a falar con todos", "non só as forzas políticas organizadas", para tecer "unha candidatura con capacidade para englobar a toda a cidadanía galega que se sente nacionalista, que ten espírito nacionalista ou mesmo que non se recoñece como nacionalista, pero que equere ter unha gran candidatura para ter un gran resultado e un grupo parlamentario propio en Madrid que defenda Galiza con forza".

Vence, con Goretti Sanmartín en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.