Informáticos 'de garda' para o Consello da Xunta

Reunión do Consello da Xunta, en San Caetano © Ana Varela

Un dos primeiros cambios estéticos que derivou do retorno do PPdeG ao Goberno foi a mudanza no lugar de celebración do Consello da Xunta, a reunión semanal do presidente e os conselleiros. O gabinete de Feijóo abandonou a sala de San Caetano onde presidiran xuntanzas Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño para trasladarse ao Pazo de Raxoi, en plena Praza do Obradoiro, unha das tres sedes da Presidencia que adoita empregarse para actos oficiais e protocolarios de especial relevancia. Ese espazo acolleu as reunións do Consello ata finais de 2009, nomeadamente ata o penúltimo día do ano, no que o Executivo lle deu o primeiro visto e prace ao denominado decreto do plurilingüismo. Ante a aprobación da norma que reduce a presenza do galego nas aulas a plataforma Queremos Galego convocara unha mobilización de protesta no Obradoiro, diante de Raxoi, e a Xunta anunciou por sorpresa que o Consello se ía celebrar a unha hora e nun lugar inéditos, pasadas as sete da tarde e na "sala nova do Consello" ou, o que é o mesmo, nas instalacións reformadas polo Goberno bipartito que o PP converteu en símbolo da "tendencia ao luxo" e do "sibaritismo" de socialistas e nacionalistas e que as mensaxes de campaña electoral dos conservadores converteron en parte do "sultanato" de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. 

A sala do Consello foi presentada polo PP como mostra da "tendencia ao luxo" de PSdeG e BNG

Máis de dous anos despois da estrea esa sala non só é empregada cada semana por Feijóo e o resto de membros do Goberno, senón que é obxecto dunha atención especial derivada dos equipamentos tecnolóxicos cos que conta, instalados por orde da Consellería de Presidencia en tempos do socialista José Luis Méndez Romeu. Este tratamento preferente é posible comprobalo nun contrato que vén de comezar a tramitar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), o ente que substituíu en 2011 a antiga Secretaria Xeral de Innovación e Modernización. Como axencia encargada de todas as accións da Xunta en materia de tecnoloxía a Amtega disponse a contratar por ata 206.500 euros -que poderían chegar a 525.000 euros, en caso de prórrogas ou outras modificacións- o "servizo de soporte técnico para o mantemento de hardware e software dos equipos audiovisuais e de microinformática da rede Cemit", isto é, dos 98 Centros de Inclusión Tecnolóxica que a Xunta ten en 92 concellos. Pero ademais do equipamento informático e audiovisual dos Cemit a empresa adxudicataria terá que prestarlle unha atención especial á sala na que se celebra o Consello da Xunta se quere facerse coa adxudicación.


A Amtega propón incluír como "mellora" do contrato o "apoio in situ" dun técnico durante a reunión semanal do Goberno

Así, no apartado que o prego de condicións do contrato dedica á "descrición dos traballos a realizar" indícase que un dos labores será a "configuración avanzada e xestión de sistemas audiovisuais e multimedia" dos Cemit pero, "como mellora", as empresas poden incluír esa mesma atención para a sala de consellos que, especifica, contan con "plataforma de teleformación Moodle" ou "sistemas de videoconferencia", entre outros, "sendo responsabilidade do adxudicatario o seu correcto funcionamento". Pero non é esta a única "mellora" que os empresarios están convidados a ofertar. Para ter máis posibilidades de lograr o substancioso contrato suxíreselles ofrecer o "apoio in situ na sala de Consellos por un técnico de soporte especializado durante a realización das reunións oficiais semanais así como calquera tipo de evento que se realice en dita sala". Así as cousas, un dos cando menos catro técnicos dos que terá que dispoñer a empresa deberá estar cada xoves pola mañá en San Caetano para asistir o presidente e os conselleiros no manexo dos ordenadores adosados á mesa da sala, da pantalla na que poden reproducir contidos dun computador ou no emprego dos dispositivos AMX -que permiten, por exemplo, manexar unha pantalla ou as luces a distancia-.

A preferencia que ten a sala de Consellos neste contrato obsérvase tamén na prioridade que teñen as posibles avarías nun abondoso equipo tecnolóxico que, non obstante, non evita ata o momento que presidente e conselleiros empreguen abondoso material impreso. Segundo o prego de condicións técnicas do contrato, estes equipos son considerados de "criticidade alta", como tamén o son os "asignados ás persoas responsables" dos Cemit. Igualmente, o peso específico da asistencia ás reunións do Goberno é posible tirala do prego de condicións administrativas, concretamente no apartado no que se detallan os criterios que seguirá a adxudicación. "Aos licitadores que oferten como mellora horas adicionais para o servizo de soporte técnico presencial especializado na Sala de Consellos da Xunta de Galicia valoraraselles esta mellora, até un máximo de 600 horas". Concretamente, a valoración será a resultante de multiplicar por vinte puntos o resultado de dividir entre 600 o número de horas ofertadas.

Feijóo, con material impreso dun Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.