Besteiro pide "cabeza fría" ao PSdeG

Besteiro durante o Comité Nacional © Javier Losada

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro rendeu contas diante dos militantes socialistas no Comité Nacional celebrado en Santiago. Besteiro prometeu "total transparencia" e as "aclaracións que sexan precisas" tras a súa imputación o pasado tres de xullo polos delitos de tráfico de influenzas, suborno, prevaricación e contra a ordenación do territorio. Asemande, Besteiro subliñou o seu "compromiso de ser coherente poñendo ao proxecto socialista por riba de todo se así chegara a ser necesario".

O socialista presentouse como unha "persoa honrada que non ten nada que ocultar" e asegurou no comité que a súa imputación non vai ser unha eiva para os obxectivos do PSdeG. "O proxecto colectivo do partido socialista para acadar o cambio en Galicia ten que estar por riba de todas as cousas, tamén de situacións persoais", sentenciou.

"O proxecto colectivo do partido socialista para acadar o cambio en Galicia ten que estar por riba de todas as cousas, tamén de situacións persoais"

Besteiro fixo referencia aos "momentos difíciles" que supuxeron os últimos acontecementos para o PSOE, tanto a súa imputación como a inesperada perda da Deputación de Lugo e subliñou que nos próximos meses poden sucederse "situacións complexas", e matizou que "neses momentos o partido debe mostrarse forte e unido". O obxectivo, recalcou, debe ser "derrotar á dereita e alcanza o Goberno de Galicia". O líder dos socialistas non desaproveitou a oportunidade para mandar unha mensaxe aos críticos internos que non ven con bos ollos que continúe no cargo tras a imputación . "Non podemos caer nos erros doutros tempos", sentenciou e recalcou que "cómpre ter a cabeza fría e non poñer freo ao que estamos construíndo".

"Cómpre ter a cabeza fría e non poñer freo ao que estamos construíndo"

O secretario xeral fixo un aceno ao ex alcalde de Lugo, López Orozco, ao afirmar que, algúns cargos socialistas, a pesares de ser "imputados nun proceso xudicial foron logo elixidos pola cidadanía e posteriormente exonerados de toda sospeita pero quedaron danados na súa honra e imaxe pública".

Avaliación electoral e críticas ao PP

Sobre as pasadas eleccións municipais, Besteiro dixo que había motivo para a celebración pero tamén para a autocrítica. Porén, a súa mensaxe foi positiva ao falar dunha "dereita que se derrubou como nunca en Galicia e dun PSdeG que continúa a gañar espazo". O socialista quixo "deixar moi claro" que a súa é "a única forza do Parlamento galego que recupera porcentaxe de voto de xeito ininterrompido dende as autonómicas de 2012". No lado contrario, Besteiro destacou o "grave prexuízo" que supuxo a perda da Deputación de Lugo. Besteiro salientou que é unha prioridade a "recuperación da institución máis pronto que tarde para volver plasmar o voto que expresaron os cidadáns, cos mellores resultados dos socialistas na provincia de Lugo".

"O PSdeG é a única forza do Parlamento galego que recupera porcentaxe de voto de xeito ininterrompido dende as autonómicas de 2012"

Noutra orde de cousas afeoulle ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo que "non espera que nada bo lle pase aos galegos, tan só agarda que algo malo lle ocorra ao secretario xeral do PSdeG". Ao fío disto engadiu que o "proxecto colectivo dos socialistas pesa moito máis" que as ganas que ten o PP de que "á oposición lle aparezan atrancos no camiño".  

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.