Contas advirte do elevado endebedamento da Xunta

Xesús Palmou e Alfonso Rueda © Xunta

O Consello de Contas advertiu do forte crecemento do endebedamento da Xunta durante o debate parlamentario co gallo da presentación do informe de fiscalización do ente. O conselleiro maior en funcións, Xesús Palmou, destacou que o documento alerta deste incremento da débeda, que alcanzou ao peche de 2013 os 9.131 millóns de euros, aínda que asegurou que as consecuencias deste endebedamento serán asumibles sempre que se asente a mellora económica. O problema virá se isto non acontece. 

O PSdeG lembra que a débeda é un "121% máis que cando Feijóo chegou á Xunta"

Ao tempo, toda a oposición censurou este incremento. O portavoz de Facenda do grupo do PSdeG, Juan Carlos González Santín, advertiu que o Goberno galego xa ten superado os 9.000 millóns de euros de débeda en 2014, "un 121% mais que cando Feijóo chegou ao goberno" e alertou de que a débeda pública da Administración autonómica suporá para este ano o 16,3% do PIB, moi preto do límite máximo permitido polo Ministerio de Facenda, do 16,4%.

Ademais, chamou a atención sobre que esta "dramática situación financeira" coincide cun aumento dun 11,82% nos salarios de persoal eventual, que supoñen 12 millóns de euros anuais e xa "duplican a todos os altos cargos do Goberno galego". Mentres, a Xunta -segundo o PSdeG- continúa "precarizando o persoal de sanidade, eliminando 882 funcionarios mentres aumenta o persoal interino e eventual" e deixa sen executar 550 millóns de euros dos investimentos previstos, "retirándolle ás empresas 242 dos 423 millóns de gastos previstos, outros 58 ás ONGs e 56 ás corporacións locais".

Os socialistas cren "incomprensible" que o Goberno siga mantendo 34 entidades "cunha fiscalidade opaca e sen render contas"

González Santín sinalou ademais a crítica do Consello de Contas contra o elevado recurso ás modificacións orzamentarias por parte do Goberno galego, que pasou de alterar 950 millóns en 2013 ata 1.211 en 2014, un 27% mais e que supoñen o 12% do orzamento. Ademais, estas alteracións, dixo, "continúan prexudicando a partidas como I+D, educación ou protección social, xa castigadas pola precariedade imposta por Feijóo".

O responsable socialista considerou “incomprensible” que a Xunta continúe sen atender as recomendacións do Consello de Contas e manteña 34 entidades "cunha fiscalidade opaca, sen render contas diante do ente fiscalizador", e "continúan sen incorporar ás fundacións de investigación dos centros hospitalarios do Sergas", nunha crítica compartida con AGE e o BNG. 

Dositeo Rodríguez dimitirá como membro do Consello de Contas se a xuíza non arquiva a súa causa

Mentres, o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, destacou que o Consello de Contas confirme o incremento en 2013 das partidas destiandas ao gasto social nuns Orzamentos que decaeron no seu conxunto un 4%. Ademais, parabenizou o ente fiscalizador porque traballando “nunhas circunstancias anómalas, con só tres conselleiros, presenta excelentes informes obxectivos, que analizan a situación e fan propostas de mellora”.

Por outra banda, o membro do Consello de Contas e ex conselleiro da Xunta Dositeo Rodríguez, imputado pola súa vinculación no despediemnto do ex director xerente da Fundación Camilo José Cela, anunciou que dimitirá do organismo fiscalizador no caso de que a xuíza uqe investiga o caso de suposta malversación, estafa e apropiación indebida non arquive a causa aberta contar el logo da súa declaración.

Xesús Palmou e Alfonso Rueda © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.