O PP frea a última hora a elección do novo senador galego

Convocatoria do pleno ordinario, coa referencia ao extraordinario CC-BY-SA Praza Pública

"A Mesa e Xunta de Portavoces decidiron convocar pleno específico para a elección do senador en representación autonómica". O voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, anunciaba deste xeito o pasado día 15 que o seu partido activara o procedemento regulamentario para substituír no Senado a José Manuel Romay Beccaría, recentemente designado presidente do Consello de Estado. Puy lembraba que, conforme a esa decisión e atendendo ás normas vixentes, lles correspondía aos conservadores realizar unha proposta de substituto ou substituta e así se o faría. "O prazo remata o vernes [o pasado día 18] e antes do venres o Grupo Popular lles comunicará" quen é a persoa designada, informaba aos xornalistas. Pero o proceso freouse en seco e o pleno específico, previsto para este martes, non se celebrará.

Á luz do concreto anuncio de Puy era de agardar que antes do remate da pasada semana o PP concretase quen ocuparía un posto para o que soaran múltiples nomes cun común denominador, o de procederen dan provincia da Coruña. Así, nas quinielas estivo o alcalde da Coruña e presidente dos populares na provincia, Carlos Negreira, a quen tras autodescartarse se lle atribúe un importante influxo na decisión final. Descartado Negreira circulou o nome dalgún rexedor coruñés máis, tamén o do ex presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, e mesmo o do ex deputado Javier Escribano, se ben neste último caso máis por vontade do interesado que pola do partido. Pero o baile de nomes continuará máis do previsto, dado que o venres chegou e pasou e os populares non tramitaron ante o Rexistro do Parlamento candidatura ningunha.

Puy nega a existencia dun "conflito interno" e Caride esixe unha reunión urxente para aclarar o "incumprimento do acordo" da Xunta de Portavoces

Así as cousas, antes do pleno ordinario deste martes non se celebrará o pleno específico que estaba previsto e a anulación xa disparou interpretacións que varían en función da latitude política da que veñan. Para a oposición o acontecido é síntoma dun "conflito interno" do PP ou, interpretan ironicamente, da "falta de banco" polo importante número de altos cargos que a formación conservadora acumula nos últimos tempos. Pero segundo Puy non hai conflito ningún. "Non teño coñecemento en absoluto de que haxa candidatos alternativos ou presións de ningún tipo por parte de ningún presidente ou afiliado do PP", argumentou este luns. "Simplemente foi complexo facelo nos últimos días a consecuencia de que todos tivemos axenda institucional". Foron "circunstancias varias", abonda o parlamentario, as que impediron abordar unha cuestión que, en calquera caso, non é "urxentísima" e que, polo tanto, pode "quedar para un pleno a celebrar en xuño".

Pero as explicacións non convencen nas filas do PSdeG que, ademais de instar o PP a "solucionar os seus problemas", esixe unha aclaración oficial. A través dun escrito dirixido á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, a voceira adxunta dos socialistas na Cámara, María José Caride, esixiu neste mesmo luns "a reunión urxente da Xunta de Portavoces" para coñecer o acontecido que, din, nón é outra cousa que "un incumprimento dos acordos" dese mesmo órgano parlamentario, que o pasado día 15 "acordou a celebración dun pleno específico para a designación de senador". "Tanto é así", subliñan, que a propia orde do día do pleno ordinario, que se preveu celebrar xusto a continuación, especifica que a sesión comezaría "ao remate da sesión específica", isto é, ao concluír a designación do senador ou senadora.

Puy, voceiro popular, en rolda de prensa © PPdeG
María José Caride, vicevoceira socialista CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.