Feijóo gaba o Rei e implora pola unidade de España na ofrenda ao Apóstolo

Feijóo, durante a ofrenda ao Apóstolo © Xunta

Feijóo aproveitou o seu discurso como delegado rexio na ofrenda ao Apóstolo para defender a "tradición" e lanzar -sen citalo- reproches ao alcalde de Compostela, Martiño Noriega, por rexeitar acudir ao acto e asumir un papel que el mesmo levou a cabo. "Nunca renunciaría a representar a miña terra no Día de Galicia, e moito menos a poder facelo nun dos seus símbolos máis indiscutíbeis", asegurou o presidente da Xunta, que empregou tamén a súa intervención para defender a unidade de España baixo a monarquía e reinado de Felipe VI. 

"Nunca renunciaría a representar a miña terra no Día de Galicia", dixo Feijóo en clara alusión a Martiño Noriega

"O protagonismo corresponde ao pobo español, inspirado por un Rei, don Juan Carlos I, que soubo interpretar o latexo do seu país. O Rei Felipe VI, cuxa representación ostento, encarna unha tradición que se axeita aos novos tempos para exercer neles o seu liderado e que responde á Monarquía constitucional votada polo pobo en 1978", asegurou Feijóo, que en primeira persoa do plural apostou por "seguir xuntos". 

"Xuntos queremos seguir para non perder unha identidade secular, e afrontar mellor as dificultades. A España de hoxe é de todos os que traballaron e traballan nela e por ela. Pertence aos nosos devanceiros e aos que veñan despois de nós. Por iso, o reto é que esta realidade viva se manteña plural, como punto de encontro dos pobos que a compoñen", advertiu Feijóo, tras definir Galicia como "un deses pobos", de "personalidade aberta, xenerosa e tolerante que lle permite estar no mundo e que o mundo estea nela".

O presidente da Xunta enxalzou as figuras de Juan Carlos I e de Felipe VI e pediu "non perder a identidade secular" de España

Feijóo pediu ao Apóstolo protección para españois e galegos e tamén para o rei Felipe VI, "como garante da España dos pobos, das linguas, das autonomías e da democracia constitucional que nos une".  Ademais, o presidente da Xunta insistiu en facer alusións aos novos tempos políticos, asegurando -como xa fixera noutras ocasións- que "o cambio que non se apoia na tradición é un cambio sen memoria, condenado a cometer erros do pasado", aínda que advertiu tamén que "a tradición queu non acepta o cambio, perece". 

Por último, Feijóo tamén pediu protección ao Apóstolo, "dunha maneira moi especial", para as 79 persoas "que hai dous anos deixaron a súa vida no accidente de Angrois, así como para as familias que aínda os choran e para os feridos que aínda están sobrepoñéndose ás súas secuelas". "A mesma Galicia que tratou de auxilialos cunha actitude exemplar aquel día nunca os esquecerá", rematou. 

Feijóo, durante a ofrenda ao Apóstolo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.