O BNG insta a iniciar "xa" o diálogo para acadar unha candidatura unitaria ás xerais

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA BNG

A exitosa marcha unitaria polo Día Nacional do pasado 25 de Xullo, que uniu a cidadanía e a formacións como BNG, Anova, CxG, EU ou Cerna -ademais de diversos colectivos sociais, sindicais e culturais- foi vista por todos os partidos como o "primeiro paso" para unha posible candidatura cidadá galega que xunte nacionalistas e esquerda rupturista do país de cara ás eleccións xerais. 

Ás voces que xa aquel día falaron dun "chanzo" histórico para a confluencia únense agora a das formacións que instan xa a iniciar as conversas nunha negociación que colleu impulso pero que tampouco será doada. Así, o Bloque chama a iniciar "xa" o diálogo para "conformar unha candidatura galega de unidade recollendo o mandato expresado pola cidadanía o 25X". 

O Bloque chama a iniciar "xa" o diálogo para "conformar unha candidatura galega de unidade recollendo o mandato expresado pola cidadanía o 25X"

Así o asegurou o seu voceiro nacional, Xavier Vence, que cre que a marcha "foi un clamor chamando á unidade das forzas nacionalistas e das forzas galegas para poder defender mellor este país” e que considera que "as divisións debilítannos e encamíñannos á insignificancia, mentres que unión multiplica as nosas forzas". 

“Queremos empezar a traballar xa con todas as forzas políticas, con todos os colectivos sociais e cívicos para conformar esa candidatura nacional de unidade canto antes, e convidamos a todo mundo a que asuma este mesmo compromiso de diálogo inmediato, sabendo que hai tempo pero non demasiado para facer un traballo de diálogo social amplo que permita que esa candidatura de unidade sexa realmente representativa. Pensamos que o diálogo debe empezar no día de hoxe entre todos e todas os que queremos que Galiza teña unha gran representación no Congreso”, explicou Vence.

Vence aposta por traballar desde xa para esa "candidatura unitara de amplo espectro"

Ademais, o portavoz nacional do Bloque deixou claro que o BNG “colle con ilusión” a mensaxe do 25X, que considera “un mandato que debemos coller todas as forzas políticas en Galiza e poñernos xa a traballar para sumar, para unir, para conseguir unha gran candidatura unitaria para as eleccións xerais”. A formación nacionalista insta a traballar "desde hoxe" para esa "candidatura unitaria de amplo espectro" que se marcaría como obxectivo "defender Galiza ante o Estado central e derrotar o PP". Unha intención que sería compartida por toda aquela cidadanía "que aposta por dar voz soberana a Galiza no Congreso para defender as conquistas sociais, os servizos públicos, os nosos sectores produtivos e unha economía capaz de xerar emprego e dar futuro á xente moza no país".

O Bloque insiste en que “desde xa” vai “poñer en común e dialogar con todas as forzas políticas, con todos os colectivos sociais e cívicos, coas plataformas que defenden a diferentes sectores para conformar esa gran candidatura nacional galega e unitaria”, avanzou Vence, quen confía en que “todos e todas esteamos á altura das circunstancias".

Anova aposta pola confluencia pero diferencia entre a manifestación e a confluencia e CxG e EU animan a unha gran lista unitaria

Anova, pola súa banda, tamén amosou a través de Xosé Manuel Beiras o mesmo día da manifestación o momento "histórico" que supuxo a marcha unitaria, aínda que hoxe o seu deputado Antón Sánchez quixo "diferenciar" entre o que foi a exitosa mobilización cidadá e o proceso de confluencia. Compromiso por Galicia, pola súa banda, avoga tamén por unha lista unitaria "de adscrición individual", mentres que EU mantén a súa aposta por unha Marea Galega. Podemos, pola súa banda, non pecha a porta pero as súas bases aprobaron o modelo de alianzas proposto pola dirección e que prioriza a súa marca para as xerais, algo que non semella aceptar ninguha das forzas que apoiou a marcha do pasado sábado. 

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG CC-BY-SA BNG
A Praza da Quintana, durante a manifestación CC-BY-NC-SA GZFoto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.