O PP e o tránsfuga do PSOE consuman a moción de censura en Boimorto

Xosé Luís Rivas, Mini, nunha actuación d'A Quenlla CC-BY-SA ENDL A Xunqueira

Os cinco concelleiros do PP en Boimorto, xunto co edil do grupo mixto que se presentou ás eleccións na lista do PSOE, José Balado Casal, promoveron este luns a moción de censura contra o alcalde nacionalista da localidade, Xosé Luís Rivas, Mini, argumentando que o Concello vive unha situación de "inestabilidade" menos de dous meses despois da investidura do novo rexedor

O PP e o tránsfuga do PSOE xustifican a moción de censura na "inestabilidade" menos de dous meses despois da investidura do novo alcalde

Nin cen días pasaron e o grupo do PP, coa axuda dun tránsfuga socialista, presentou un escrito no rexistro municipal no que se propón "a moción de censura ao alcanzar o PP a maioría dos votos con cinco concelleiros e aproximadamente un 445 dos votos, que distan do 19% obtido polo BNG". Nos pasados comicios do 24M, o Partido Popular obtivo en Boimorto 687 votos, sumando o 44,35% dos sufraxios e 5 edís fronte aos 538 votos do PSdeG e 4 edís e os 297 do Bloque, con 2 representantes. Un acordo entre socialistas e nacionalistas, que sumaban o 54% dos votos, deu a alcaldía a Xosé Luís Rivas, que ofreceu virar o rumbo de pouco "entendemento" dos últimos anos cara a un goberno "transparente" e "xeneroso". A aventura durou menos de dous meses.

Será o vindeiro día 14 ao mediodía cando se vote a moción, logo de que oas asinantes cumprisen co procedemento ao presentar o documento ante a secretaría municipal e non por rexistro, como fixeran hai uns días. 

Rivas vincula esta moción ás "altas esferas" do PPdeG e máis concretamente ás figuras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do vicepresidente, Alfonso Rueda.  Chega a asegurar que hai un "tufo mafioso" nunha manobra que cre "unha fraude electoral". Por iso, insiste en que o caso do edil socialista que apoia agora os populares é "transfuguismo", malia que desde a dereita insisten en lembrar que nunca chegou a estar no grupo socialista, senón que pasou directamente ao grupo mixto, o que asenta aínda máis as sospeitas dunha operación que o rexedor xa esperaba. 

Xosé Luís Rivas (BNG) vincula a moción de censura ás "altas esferas" do PP, concretamente Feijóo e Rueda

Ademais, Rivas reclama que se pronuncie o PSdeG ante a actitude dunha persoa que se presentou ás eleccións polo seu partido. Ademais, cre que o PP debe aclarar se "xoga á democracia ou non", xa que dentro desta formación cre que hai xente "que de democracia non fai nada". "En Boimorto volve haber medo a falar", asegura Mini, que non descarta que Balado fose un "tapado" do PP. 

Nunha comparecencia pública estiveron presentes os membros do antigo equipo de goberno, os dous edís do BNG e os tres do PSOE. Ana Ledo, candidata socialista, amosou a súa "total repulsa" ao proceder de Balado e sospeitan dunha "contraprestación", xa que lembran que o edil non adscrito levou a cabo unha intensa campaña electoral co seu partido. 

Ademais, desde o BNG xa se denunciara que se trata dunha "manobra política promovida por Feijóo" que se empezou a fraguar ao día seguinte da elección de alcalde, polo que a formación nacionalista avaliaría todas as posibilidades legais, e lembra que a propia xecretaría do Concello de Boimorto ten solicitado unha consulta á Xunta Electoral Central para que ditamine sobre a legalidade desta moción, que o BNG considera "vulnera a normativa vixente en materia de transfuguismo". Rivas xa anunciou que a formación presentará un recurso electoral. 

O rexedor nacionalista pide ao PSdeG que se pronuncie ante a actitude dun concelleiro que se presentou nas súas listas

O BNG subliñou que o Concello de Boimorto conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros anuais para sufragar servizos como o centro de día, residencia de maiores, biblioteca, escola infantil, transporte interparroquial gratuíto e advirte que a privatización destes servizos pode ser a razón de fondo da moción de censura que promove o PP.

Xosé Luís Rivas, Mini, nunha actuación d'A Quenlla CC-BY-SA ENDL A Xunqueira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.