A autovía Santiago-Lugo, cuxo primeiro treito abriu en 1999, non estará rematada ata polo menos 2022

Pastor, Rajoy e Feijóo na inauguración en outubro de 2015 do treito Guntín-Palas da A-54 © Ana Varela

A autovía Santiago-Lugo (A-54) non estará rematada na súa totalidade ata polo menos 2022, dúas décadas e media despois da posta en servizo do seu primeiro treito,  que conecta co aeroporto de Lavacolla. O último treito pendente da infraestrutura, o único no que aínda non comezaron as obras, uns 16 quilómetros entre Melide e Arzúa, vén de ser contratado a través dun concurso que foi inicialmente anulado e logo repetido para que nel o aforro primase cun 70% sobre as características técnicas, valoradas só cun 30%. Se o prezo de partida eran 157,6 millóns, a obra foi adxudicada á unión temporal de empresas (UTE) formada por Construcciones Sánchez Domínguez Sando e Copisa Constructora Pirenaica por 88,6 millóns. Fomento oculta o prazo de execución deste último treito (a licitación, que pode ser rebaixada, foi por 60 meses, o que o levaría a 2023) pero xa os prazos do penúltimo, entre Palas e Melide, impiden que estea en servizo ata 2022.

Fomento vén de adxudicar os 16 quilómetros pendentes entre Melide e Arzúa tras anular un concurso previo e primar o aforro sobre as características técnicas, o que rebaixou o custo de 157 a 88 millóns

A autovía Santiago-Lugo vén sendo empregada como promesa de futuro nunca concretada polos sucesivos gobernos centrais. O seu primeiro treito, que serve de enlace entre Santiago e o aeroporto de Lavacolla, púxose en servizo en 1999, pero houbo que agardar ata marzo de 2015 para que os vehículos circulasen polos seguintes treitos, no outro extremo da autovía, entre o seu remate no seu enlace coa A-6 en Nadela e Guntín. En outubro daquel ano inaugurouse, coa presenza do presidente Mariano Rajoy, o que ata o momento é o último treito posto en servizo, entre Guntín e Palas de Rei. Coas obras entre Lavacolla e Arzúa xa iniciadas pero con sucesivos paróns, naquel acto anunciouse que os dous últimos treitos pendentes da infraestrutura, entre Palas e Melide e entre esta última vila e Arzúa, iniciarían as súas obras en 2016. Pero non foi así.

O penúltimo treito, Palas-Melide, non estará rematado ata finais de 2021 e o seu custo foi rebaixado de 121 a 70 millóns

Os dous treitos centrais da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, viron demorarse e cambiar os seus trazados por condicionantes ambientais impostos polo seu paso polo espazo protexido da serra do Careón. Pero unha vez aprobado o trazado definitivo, a licitación das obras aínda seguiría a rexistrar problemas. Os dous treitos saíron a concurso a finais de 2015, pero uns meses despois Fomento decidía anular eses procedementos e convocar novas licitacións nas que os criterios económicos pesasen un 70% do total fronte ao 30% dos criterios técnicos.

Con eses novos criterios, o treito Palas-Melide licitado por 121 millóns de euros foi adxudicado a Acciona por 70 millóns. As obras comezaron o pasado verán, coa presenza do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e teñen un prazo de execución de 51 meses, polo que non estarán rematadas ata finais de 2021.

Fomento oculta se o prazo de execución finalmente contratado para o treito Melide-Arzúa rebaixa ou non os 60 meses propostos na licitación que impedirían que estea en servizo ata 2023

No caso de Melide-Arzúa, mentres que no anuncio no BOE da formalización do seu contrato publicado o pasado 3 de xaneiro aparece a rebaixa de 157 a 88 millóns entre o importe de licitación e o de adxudicacións, nada se di do prazo de execución, que na licitación estaba fixado nun máximo de 60 meses, isto é, cinco anos que levarían a súa apertura ata 2023 pero que pode ser rebaixado na oferta que realice a construtora gañadora. Porén, ao contrario que noutras adxudicacións, o Ministerio de Fomento nin emitiu unha nota de prensa publicitándoa nin indicou o prazo de execución finalmente contratado nin no BOE, nin no Diario Oficial da UE, nin na web de contratos do Estado. Este diario preguntou hai días directamente a Fomento polo prazo de execución finalmente adxudicado pero aínda non obtivo resposta.

Situación de cada treito da A-54 Santiago-Lugo, co Melide-Arzúa á fin adxudicado Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.