A corrupción cústalle 90.000 millóns de euros anuais ao Estado

Pablo Crespo, declarando no xuízo da Gürtel CC-BY-SA Praza Pública

O custo da corrupción en España elévase aos 90.000 millóns anuais, case o 8% do seu Produto Interior Bruto (PIB). Esa é a cifra que se tira dun informe difundido este venres polo grupo dos Verdes / Alianza Libre Europea (ALE) e que coloca o Estado español como o sexto con máis perdas por prácticas corruptas na Unión Europea en termos absolutas e un dos primeiros en termos relativos. 

España é o sexto Estado da UE con máis perdas por prácticas corruptas en termos absolutos

O estudo do grupo do que forma parte o BNG baséase sobre todo en datos da Comisión Europea e de Eurostat destaca que a corrupción supón un custo á UE de 904.000 millóns de euros anuais, unha perda para os 28 Estados membros que inclúe os efectos indirectos destas práticas, como a redución dos ingresos públicos debido á fraude fiscal. 

“Os Estados, e en concreto o español, non poden seguir mirando cara a outro lado, e desde o BNG instamos a que a Comisión Europea revise as prácticas dos Estados membros contra a corrupción”, destaca a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen considera “vergoñenta” o custo da corrupción en España. 

A corrupción supón un custo de 904.000 millóns de euros anuais á Unión Europea

A parlamentaria galega lembra que xa en 2017 a propia Comisión alertara do impacto sistémico da corrupción na economía, que é considerada como xeneralizada polo 95% da cidadanía. “Que sexa un problema europeo do que ningún país se libra non significa que no Estado español non se produza unha situación tremendamente preocupante, xa que presenta unhas cifras tremendamente altas que lastran a recuperación económica e o investimento en servizos públicos”, advirte. 

As perdas en corrupción en España supoñen dúas veces máis que os cartos investidos en educación

Segundo o informe, os cartos públicos que leva consigo a corrupción no Estado é catro veces máis que o orzamento anual destinado aos subsidios por desemprego (uns 19.600 millóns de euros) e dúas veces máis que os cartos investidos en educación (43.000 millóns). Ademais, o estudo destaca que de repartirse todo ese trasvasamento ilegal de fondos públicos entre a cidadanía, cada unha das persoas recibiría case 2.000 euros máis ao ano. 

Ana Miranda xa presentou unha batería de emendas ao informe sobre as investigacións levadas a cabo pola Oficina Europea Anti-Fraude (OLAF) co obxectivo de que os fondos europeos sexan controlados de forma máis rápida e transparente. A eurodeutada defende a posta en marcha de “medidas concretas”, entre as que destacan  o incremento do financiamento das actividades de loita contra a corrupción, o reforzo da Fiscalía Europea, así como a intensificación da cooperación entre a OLAF e o Fiscal Europeo mediante o aumento das reunións periódicas para tratar as investigacións en curso e identificar tendencias  posibles vencellos entre casos diferentes.

Ana Miranda presentou unha batería de medidas para que os fondos europeos sexan controlados de forma máis rápida e transparente

Ademais, entre propostas presentadas polo Bloque tamén figura a necesidade de garantir a máxima protección para denunciantes, periodistas e ONG que investigan os casos de corrupción.

O informe destaca que "cada vez máis" os titulares en toda Europa "están cheos de escándalos de corrupción" que afectan "políticos de todo o espectro". E lembra que "os casos recentes de corrupción importante derrocaron o goberno de Rajoy de centro-dereita en España". 

"Os casos recentes de corrupción derrocaron o goberno de Rajoy de centro-dereita en España", destaca o informe

No conxunto da UE, Malta lidera a clasificación, con 725.000 millóns de euros anuais perdidos a cuasa da corrupció, o que representa o 8,65% do seu PIB. En segundo posto sitúase Luxemburgo, con 687.000 millones (2 % do PIB), seguido de Italia, con 237.000 millóns (13 % do PIB), Francia, con 120.000 millones (6 % do PIB), e Alemaña, con 104.000 millóns (4 % do PIB).

En termos relativos, Holanda . é o país no que menos perdas se sofren por corrupción, xa que representan tan só o 0,76% do seu PIB (4.400 millóns de euros anuais)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.