A dirección de En Marea constitúese sen os críticos, que agardan ás auditorías das primarias antes decidir o futuro da formación

Constitución do Consello das Mareas sen os 14 representantes dos críticos © En Marea

Villares garante o seu “apoio sen fisuras” ás mareas locais de cara ás eleccións municipais de maio, que condicionan unha hipotética ruptura que aínda non está na axenda dos órganos que deberan tomar tal decisión en cada un dos socios

En Marea pode acabar rompendo e este sábado non se deu ningún paso en sentido contrario para reparar as súas feridas internas, pero tampouco está tomada a decisión sobre esa hipotética ruptura. O que houbo este sábado, na constitución da nova dirección da formación, o Consello das Mareas, tras as eleccións internas da pasada fin de semana, foi un plante dos 14 representantes aos que nese órgano ten dereito o sector crítico perdedor nesa votación, cuxos resultados non recoñecen. Non participarán nel, din, “mentres” non estean acreditadas as irregularidades que levaron hai un mes a adiar as datas inicialmente previstas de votación, nin se audite de xeito independente o proceso finalmente desenvolvido a pasada fin de semana. Ante esa situación, as declaracións públicas e privadas dos protagonistas da crise evidencian que a proximidade das eleccións municipais do próximo maio condicionará o que poida ser do futuro de En Marea, pendente de que os órganos de decisión das principais formacións que participan nela pasen das declaracións aos feitos.

O Consello das Mareas foi constituído este sábado por só os 21 membros da candidatura de Villares mentres que os 14 dos críticos adían a súa decisión

O que ocorreu este sábado en Santiago, na constitución do Consello das Mareas, foi que dos seus 35 postos só tomaron posesión os 21 membros da candidatura gañadora das eleccións internas da pasada semana, a encabezada por quen xa viña sendo o portavoz da formación, Luís Villares, baixo o lema Coidando a casa, que obtivo o 59% dos votos. A candidatura perdedora, Entre todas, liderada polo ex-deputado David Bruzos e apoiada por Podemos, Esquerda Unida, Anova e as principais mareas locais das cidades, obtivo o 41% dos votos, o que lle daba dereito a ocupar 14 postos, pero este sábado ningún deles acudiu á primeira reunión de constitución do Consello das Mareas celebrada en Santiago.

As eleccións para renovar a dirección de En Marea foron instadas polos críticos co rumbo que levaba Villares e fixadas inicialmente para hai un mes. Pero poucas horas antes de que os inscritos comezasen a votar, a comisión de garantías, na que eran maioritarios os membros afíns á dirección de Villares, paralizou o proceso argumentando intromisións no censo electoral electrónico da formación por parte dalgún membro do comité electoral, no que eran maioritarios os críticos, que rexeitaron esa paralización. Posteriormente fixouse a pasada fin de semana como nova data para as votacións, pero estas realizáronse sen contar cunha auditoría externa independente, así que os críticos censuran que se dean por válidos os seus resultados sen ter aínda as conclusións da auditoría sobre as supostas irregularidades da primeira data e sen auditoría sobre o segundo proceso, polo que decidiron non participar no Consello das Mareas saído del.

A nova dirección encarga unha auditoría das primarias malia considerar que "non é precisa"

Ante esta situación, este sábado, tras a constitución da nova dirección, esta, malia considerar que “non é precisa”, decidiu encargar unha auditoría externa do proceso de votación ao Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia. Nunha comparecencia tras esa primeira reunión do Consello das Mareas, Villares tamén evidenciou que a proximidade das municipais poden temperar a crise interna e asegurou que a formación brindará “apoio sen fisuras” ás mareas locais para eses comicios.

David Bruzos e outros membros da candidatura Entre Todas, nunha comparecencia pública CC-BY-SA Entre todas

A candidatura crítica de Entre todas emitiu un comunicado no que di que “non recoñecerá os resultados mentres que non se realice unha auditoría independente”

Poucos minutos antes desa constitución do Consello das Mareas, a candidatura crítica de Entre todas emitiu un comunicado no que di que “non recoñecerá os resultados mentres que non se realice unha auditoría independente” e emprega expresións como “estado de excepción”, “suspensión dos dereitos fundamentais” ou “dubidosa limpeza democrática”. Porén, a nota insiste no “mentres”, e non avanza unha hipotética ruptura.

Nese bando crítico, as posturas abarcan entre as máis favorables á ruptura definitiva de En Marea existentes en Esquerda Unida, ata as máis comedidas de Anova. Porén, segundo salientan varias fontes consultadas, ningunha das formacións tomou nin sequera a decisión de debater esa posibilidade en futuras reunións dos órganos internos que deberan aprobar tal medida.

Esquerda Unida, a formación máis crítica, foi a primeira en avanzar que "non recoñece" a nova dirección, pero matizando que "continúa traballando" na confluencia

Este venres Esquerda Unida foi a primeira en facer pública a postura máis explícita de entre os críticos avanzando que “non recoñece” a nova dirección de En Marea, pero matizando que “continúa traballando no espazo dunha confluencia que debe construírse a partir de agora en base á fraternidade”. E este sábado a cabeza visible dos críticos, David Bruzos, dicía nunha entrevista en Faro de Vigo que vai ser “complicado” que se manteñan en En Marea pero admitindo que esa decisión será difícil de tomar pola multiplicidade de actores implicados: “A decisión de marchar non é miña, hai moitas sensibilidades diferentes”, di Bruzos, ao tempo que apela a “non ter máis ruído, non máis conflito” durante os meses que quedan ata as eleccións municipais.

Ferreiro, Noriega e Suárez, alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Esa incomodidade pola situación actual a cinco meses das eleccións locais é evidenciada claramente desde as mareas municipais, cuxos alcaldes intentan distanciarse da crise. Este venres o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, un dos críticos que hai uns meses instou a acelerar o proceso para renovar a dirección de En Marea, reiterou a súa intención de centrarse nas municipais, advertindo do “risco evidente de entrar nunha crise de difícil solución” na formación pero salientando que non lle corresponde a el avaliar as posibilidades dunha hipotética escisión. Dous días antes era o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, de Marea Atlántica, quen dicía ver o proceso “desde a distancia” salientando que el ten “a cabeza metida” no seu Concello.

O futuro de En Marea tamén se dirime nos tribunais, tras denuncias cruzadas entre os dous bandos

Ao tempo, o futuro de En Marea tamén se dirime xa nos tribunais, despois de que se presentasen denuncias cruzadas tanto pedindo invalidar o proceso de votación finalmente realizado como que se investigue por vulneración da lei de protección de datos a suposta intrusión previa no censo electoral que desencadeou o actual conflito.

Consello das Mareas

Pola candidatura de Coidando a casa (59% dos votos) foron elixidos: Luís Villares, Ana Seijas, Francisco 'Pancho' Casal, Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez, María Dolores Candedo, Ramón Veras, Elena Cores, Adrián Dios, Carmen González, Xabier Pérez, Mónica Díaz, Víctor Álvarez, Teresa Burgo, Xoán Losada, Ánxeles Faraldo, Xoán Hermida, Lidia Senra, Marcos Besada, Iris Malvido e Javier Arca.

Pola candidatura de Entre todas (41% dos votos) foron elixidos: David Bruzos, Oriana Méndez, Xan Xove, Saínza Ruíz, Iván Rodríguez, Isabel Faraldo, Marcos Cal, Sigrid Campo, René Gamborino, Gladys Afonso, André Seoane, Julia Torregrosa, Borja San Ramón e Loreto Taibo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.