A Fiscalía pide imputar a Caballero e Louzán pola 'Operación Patos'

Abel Caballero e María José Bravo, no salón da construción de Vigo © Xunta

Día a día imos coñecendo máis detalles sobre a Operación Patos, que investiga un amplo conxunto de irregularidades, presuntos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias cometidos na concesión de contratos públicos por parte de distintas administracións en Vigo e a súa área metropolitana. Os supostos amaños de contratos investigados, ao longo de nove anos, suman máis de 40 millóns de euros. Agora, a Fiscalía pide a imputación de preto de 50 políticos, técnicos e empresarios, entre eles Abel Caballero, Rafael Louzán ou María José Bravo Bosch. 

Os supostos amaños de contratos investigados, ao longo de nove anos, suman máis de 40 millóns de euros

A meirande parte dos concursos tramitábanse polo procedemento urxente e sen publicidade. Desta forma, evitábase a libre concorrencia doutras empresas para realizar as obras. A lista de adxudicacións baixo sospeita non está pechada. A xuíza encargada do caso, Carmen García, segue investigando posibles delitos en obras e contratos públicos dos últimos anos na cidade olívica. Novos nomes e novos casos que se engaden agora aos 15 posibles implicados e implicadas, políticos, funcionarios e técnicos, que xa en febreiro de 2014 foron sinalados pola maxistrada como posibles imputados e imputadas, á espera de analizar as súas accións pasadas. O Ministerio Público xa pediu imputar case 50 políticos, técnicos e empresarios e que causa se divida en pezas separadas, polo que debería habar inhibicións en favor dos xulgados de Ponteareas, Compostela, Ourense e Pontevedra.

Entre os posibles implicados, a Fiscalía de Vigo pediu á xuíza a imputación do alcalde de Vigo, Abel Cabellero, así como do ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafel Louzán, ou a delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, ademais doutros cargos políticos tanto do Executivo galego como do Concello vigués, entre eles a concelleira Isaura Abelairas

A Fiscalía de Vigo pediu imputar a Caballero, Louzán ou María José Bravo, entre outros cargos políticos

No caso do ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, nos documentos da investigación recóllese que tería recibido, entre outros agasallos, un reloxo Tudor Heritage, de 2.500 euros. Estaría implicado en supostas irregularidades nos contratos de tres campos de fútbol e noutros de abastecemento e saneamento en diferentes concellos, así como doutras moitas como pavimentación ou arranxos. 

En canto a Caballero, segundo a UDEF sería o destinatario doutro reloxo Montblanc, neste caso valorado en 1.750 euros, así como dunha pluma un ano antes, en 2009. En calquera caso, o nome do alcalde de Vigo aparece nunha listaxe dun ordenador dunha empresa implicada na trama xunto a outro moitos nomes. Iso non significa que el ou o resto de implicados tivesen aceptado os agasallos, pero iso será o que terán que explicar todos eles. 

As peticións de imputación serían oito en relación coa investigación da Delegación da Xunta en Vigo, once pola causa da Deputación de Pontevedra, cinco polo Concello de Vigo, tres pola Autoridade Portuaria de Vigo, 18 polo Concello de Nigrán e nove polos agasallos. Entre eles, destacan tamén estes nomes:

Enrique Alonso Pais. Antigo traballador de Barreras e líder veciñal, foi contratado hai unha década pola empresa Cespa, especializada en servizos de limpeza e xestión de zonas verdes. Afiliado ao PP, chegou a ocupar o cargo de xerente do servizo municipal de parques e xardíns de Vigo, construíndo estreitas relacións con políticos tanto do PP coma do PSOE, e obtendo deste xeito un gran número de contratos con distintas administracións para as súas empresas, comezando pola construtora Eiriña. Entre elas, moitas obras de humanización das rúas de Vigo. 

A lista de adxudicacións baixo sospeita non está pechada, o mesmo que a de imputados e imputadas. Esta semana coñeceremos novos nomes, entre eles un bo número de políticos

Jaime Alvariñas Villanueva, número dous de Eiriña, está imputado, ao igual que Alonso Pais. En maio do pasdo ano Eiriña mudou o seu nome polo de Stradia Infraestructuras.

Alfonso Clemente e Juan Ramón Alonso García. Directivo e apoderado de Cespa, respectivamente. Nos rexistros practicados o pasado ano apareceron indicios que apuntaban a presuntas influencias practicadas sobre políticos e técnicos de concellos da área de Vigo.

Ángel Rivas. Concelleiro vigués, do que se investiga a súa estreita relación persoal con Enrique Alonso Pais.

José Álvarez Valverde. Concelleiro do PP en Nigrán. Era, polo de agora, o único político imputado na causa, acusado de presuntos delitos de tráfico de influencias, prevaricación e suborno. Dimitiu en febreiro de 2014.

María José Bravo Bosch. Delegada da Xunta en Vigo e responsable do Consorcio Casco Vello. Nas escoitas telefónicas realizadas a Enrique Alonso Pais, este alude en varias ocasións á boa relación que manteñen e a que en varias ocasións tería acudido a ela para solventar 'obstáculos' en adxudicacións. Bravo Bosch negou ter concedido contraton ningún ás empresas de Alonso Pais.

José Manuel Figueroa. Ex vicepresidente da Deputación de Pontevedra e antigo líder do PP en Vigo. É un dos moitos cargos políticos sinalados pola aceptación de agasallos por parte da trama investigada. Neste caso, un reloxo Heuer Carrera de 2.675 euros. Figueroa era un dos moitos nomes que se cría que esta semana se poderían incorporar á lista de imputados. Así foi. 

Por outra banda, Marea de Vigo xa anunciou que se persoará como acusación particular na Operación Patos para poder acceder así a todos os expedientes de contratación investigados. Ademais, o BNG local "esixe" a PSOE e PP que "expliquen a súa ligazón coa trama" e lembran que todas estas informacións e peticións de imputacións "poñen ao goberno muniicpal de Caballero baixo sospeita". 

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata
Unha vista de Vigo © Ecoar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.