A marea que trouxo de volta a Feijóo

Notas oficiais da Xunta durante a crise do Prestige CC-BY-SA Praza Pública

O 17 de xaneiro de 2003 un terremoto sacudía a política galega, axitada dende tres meses antes pola catástrofe do Prestige e a xestión que dela estaban a realización os gobernos central e galego. Nese serán coñecíase que Xosé Cuiña, conselleiro dende 1990, abandonaba a carteira de Política Territorial. O cesamento no cargo do que fora considerado durante moitos anos como sucesor natural de Manuel Fraga foi presentada como unha dimisión pero interpretada como unha destitución xestada nos seus enfrontamentos coa cúpula estatal do PP e, en última instancia, provocada pola saída á luz de que unha compañía da súa familia lle subministraba materiais á empresa pontevedresa Peycar, que á súa vez fornecía á pública Tragsa de materiais para a limpeza do chapapote do petroleiro.

A inminente lectura da sentenza sobre sobre o naufraxio, este mércores, devolve á actualidade uns días que se revelaron cruciais para o futuro político do país, toda vez que erosionaron aínda máis o PP no Goberno e supuxeron o retorno a Galicia de Alberto Núñez Feijóo. A saída de Cuiña, que defendeu en todo momento que non cometera "irregularidade nin ilegalidade" ningunha, precipitou a remodelación do Goberno que Fraga preparaba para relevar a Corina Porro e Manuela López Besteiro, a quen ía situar como cabezas de cartel municipal en Vigo e Lugo, respectivamente. Lonxe de ser un axuste técnico, o novo gabinete do patrón da dereita española era sensiblemente máis agradable e cómodo para a cúpula do PP de José María Aznar e Mariano Rajoy. 

O novo gabinete de Fraga foi máis agradable para a dirección estatal do PP

Apenas tres días despois tomaban posesión en San Caetano os novos conselleiros: María José Cimadevila en Asuntos Sociais, Pilar Rojo en Familia, José Manuel Barreiro en Medio Ambiente e Alberto Núñez Feijóo en Política Territorial, este último sen a presenza do seu antecesor. Rojo, de contrastada afinidade con Rajoy, e Feijóo, discípulo político de José Manuel Romay Beccaría, botábanlle simbolicamente o ferrollo aos que na madrileña rúa de Génova se consideraban devaneos galeguistas do PPdeG. O novo titular de Política Territorial chegaba directamente do gabinete Aznar, onde presidía Correos baixo as ordes de Francisco Álvarez-Cascos, ministro de Fomento e, polo tanto, responsable de boa parte das decisións políticas ligadas ao Prestige.

Valedor do 'Plan Galicia'

A toma de posesión de Feijóo produciuse tan só catro días antes de que o propio Aznar, que lle dera o visto e prace á remodelación do gabinete Fraga, desembarcase na Coruña para celebrar na casa do Concello unha xuntanza do Consello de Ministros co alcalde, Francisco Vázquez, como anfitrión. Aquela controvertida reunión supuxo un antes e un despois na crise do Prestige. O Goberno central tentaba facerse co control da situación política, partidaria e mediaticamente e, mentres milleiros de persoas esixían dimisións e responsabilidades nas inmediacións de María Pita, Aznar anunciaba unha suposta chuvia de millóns en investimentos empaquetadas baixo o alcume de Plan Galicia, un "compromiso persoal" de Aznar. Fraga, que xa se presentaba como "vítima" da catástrofe, ía pasando a un segundo plano.

Feijóo tomou posesión catro días antes da aprobación do 'Plan Galicia' na Coruña

Aquel plan, que sementou o país e as páxinas dos xornais de anuncios de investimentos, tiña nas obras un dos seus piares fundamentais e, polo tanto, ao conselleiro de Política Territorial como un dos seus protagonistas. "O Plan Galicia desata a envexa de moitas comunidades", aseguraba o conselleiro Feijóo, quen defendía que aquel proxecto ía ser o pulo definitivo para, por exemplo, a conexión de Galicia con Madrid mediante o AVE "no horizonte do ano 2010" ou o inicio das obras da liña de alta velocidade do Cantábrico, que chegaría ata Bilbao. 

"O Plan Galicia desata envexas noutras autonomías", defendía o novo conselleiro

Nos meses seguintes a web da Xunta inauguraba unha sección de novas, inédita ata o momento, centrada no Prestige e, sobre todo, nas obras do devandito plan. Ese espazo recollía en agosto as verbas de Feijóo defendendo o proxecto de Aznar fronte ás "críticas electoralistas" de PSdeG e BNG. Tratábase, defendía, dun plan "transparente" e como proba ofrecía as súas respostas no Parlamento e tamén "as cntinuas referencias que, a través dos medios de comunicación, se realizan sobre as actuacións" en materia de "portos, infraestruturas viarias, ferroviarias e de solo industrial". No mes de agosto Feijóo amosábase convencido de que "o pobo galego ten superada psicoloxicamente a catástrofe do Prestige" e estaba "farto de que se protestase sen ofrecer solucións".

Nesta mesma liña, o final de 2003 e os comezos de 2004 foron intensos para Feijóo, que percorría as comarcas de Galicia anunciando investimentos asociados ao plan en cuestión. En setembro Fraga anunciaba a que sería a súa derradeira remodelación de Goberno e creaba dúas vicepresidencias, a primeira para Feijóo e a segunda, para Barreiro. Na primavera de 2005 o fundador do PP adiantaba as eleccións e situábao como cabeza de lista por Pontevedra. O 19 de xuño PSdeG e BNG desbancaban os conservadores e en xaneiro de 2006, apenas catro ano despois do Prestige, Feijóo facíase coa presidencia do partido co 96% dos votos. Polo camiño da carreira sucesora ficara, entre outros, Cuiña.

Fraga e membros do seu Goberno, con Feijóo en primeiro termo © Parlamento de Galicia
Protesta na Coruña durante o Consello de Ministros do Plan Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.