A militancia do BNG desbota de vez o achegamento ás mareas

Vista do plenario da Asemblea Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Despexada unha das principais incógnitas da décimo quinta Asemblea Nacional do BNG. A votación das emendas á totalidade e mais dos votos particulares ao relatorio político oficial, o aprobado polo Consello Nacional, deixou claro este domingo que o roteiro electoral do Bloque cara aos comicios galegos deste 2016 non incluirá, como sucedeu en anteriores procesos, a exploración de eventuais alianzas co espazo político das mareas. Así será tras o rexeitamento dos textos que propuñan explorar estas alianzas por en torno ao 70% do plenario da Asemblea Nacional.

Os votos particulares que defendían o achegamento ao espazo de En Marea foron rexeitados por en torno ao 70% dos sufraxios

Aínda que as persoas que impulsaran teses alternativas chegaron a consensuar un texto conxunto, as súas opcións foron votadas finalmente por separado. O voto particular asinado polas deputadas Carme Adán e Tereixa Paz recibiu 476 votos a favor fronte a 890 en contra e 159 abstencións. O impulsado por Alba Nogueira tivo 403 sufraxios a prol, 905 oposicións e 172 abstencións. Pola súa banda, o texto defendido polo colectivo Abrente, do exvoceiro parlamentario Carlos Aymerich, recadou 210 apoios, 910 rexeitamentos e 155 abstencións. Tras a votación, Aymerich anunciou a súa marcha do BNG: "Estamos obrigados a facer nacionalismo noutros lugares", di.

Tras este rexeitamento e a votación das emendas parciais, a asemblea aprobou o texto político impulsado dende a comisión do Consello Nacional por 1.035 votos a favor, 130 en contra e 142 abstencións. Nel sublíñase que "as alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis" pero "encarnan un proxecto diferente" ao do Bloque, ao que lle corresponde a "responsabilidade de formular unha proposta propia, aberta e inclusiva, en chave netamente galega".

Aymerich anunciou a súa marcha do Bloque

Esta aposta estratéxica concretaríase nunha opción electoral semellante ao que foi NÓS-Candidatura Galega nas eleccións xerais do 20-D: "Unha ampla candidatura de orientación nacionalista". Isto, resalta o texto oficial, non exclúe "posíbeis acordos postelectorais que posibiliten un cambio de goberno e a apertura dunha nova etapa política no noso país". Tras a votación o ata agora secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira, subliñou que esta decisión implica que nos comicios galegos "vai haber alternativa nacionalista, sen dependencia de ninguén de fóra".

A Asemblea eliminou a "incompatibilidade" entre a portavocía e a candidatura á Xunta

No segundo treito da Asemblea Nacional da formación frontista producirase tamén a votación do novo Consello Nacional, que inclúe a renovación do liderado. En virtude das emendas rexeitadas e do texto finalmente aprobado, a elección de Ana Pontón como nova portavoz nacional implicará tamén a súa candidatura á Presidencia da Xunta, toda vez que as teses políticas desbotan o mantemento do esquema organizativo que facía "incompatibles" ambas responsabilidades.

Votacións na asemblea do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.