A nova dirección do Bloque comeza a camiñar coa mirada posta en Beiras e Aymerich

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

“Comprométome a poñer voz a un discurso no que todos vos poidades recoñecer”. Acabado de elixir como candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera resumía deste xeito a súa vontade ante a Asemblea Nacional da formación nacionalista, na que 2338 militantes lle outorgaron a súa confianza, fronte aos 2043 que preferiron a Carlos Aymerich como cabeza de cartel. Minutos antes de pronunciar estas palabras, a Asemblea tamén decidira que Guillerme Vázquez continuase como portavoz nacional (2.123 votos) e non fose substituído por Xosé Manuel Beiras (1.823 apoios).

O discurso do xa aspirante ao Goberno gaego puña fin a unha cita asemblearia que moitos definiran como “histórica” ou “definitiva” e sobre a que planeaba a sombra da ruptura, se cadra con máis intensidade ca nunca. Jorquera, Beiras e outros moitos dirixentes recoñeceran máis ou menos abertamente a posibilidade dunha creba se a cita celebrada no compostelán mercado gandeiro de Amio non lograba suturar feridas entre as correntes, aglutinadas esencialmente en dous polos: a Alternativa pola Unidade -plataforma auspiciada pola Unión do Povo Galego- e a alianza de Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, unidos baixo a denominación Un novo proxecto común, refundación e rexeneración. En liza estaba tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS), que obtivo 248 na votación ao Consello Nacional e que apoiou á ApU na elección do candidato á presidencia.

As tres visións

O interrogante que quedou despois da xuntanza dos nacionalistas, "a máis numerosa" da historia da organización, e se agora hai "só un BNG", como afirmou Vázquez, ou se o Bloque fica "partido en dous", en verbas de Beiras. Ambas interpretacións chegaban despois de dous días de intenso debate -o sábado sobre as teses políticas, o domingo sobre a composición dos órganos directivos- nas que se palpou a tensión. Malia a celebrarse a porta pechada, as redes sociais e as lenes paredes do mercado gandeiro fixeron porosos uns debates nos que houbo confrontación de ideas, pero tamén aplausos, asubíos e reproches. 

Isto acontecía, por exemplo, nos discursos previos á elección do portavoz nacional, os últimos que as tres correntes lle puideron dirixir á militancia e que pola súa brevidade -dez minutos cada un ben poden ser escolleitos como síntese do acontecido. O primeiro en subir o atril foi un dos referentes do MGS, Rafa Vilar. Ante un auditorio relativamente tensionado, recoñecía o "contributo histórico" de Beiras á fronte nacionalista, pero censuraba o "contraste" do "desgaste social" que, na súa opinión, lle causou o veterano político ao Bloque nos últimos anos.

Beiras: "Viva o BNG de 1982 posto ao día"

Xusto despois tomaba a palabra o propio Beiras. Fiel ao seu estilo malia a atoparse incómodo nos dez minutos asignados pronunciou un discurso que, segundo a quen se lle preguntase, foi "histórico" ou "persoalista", "certeiro" ou "esaxerado". O que fora referente social dos nacionalistas recolleu a luva e reivindicouse: a crítica non pode ser "afogada" e cómpre "restablecer o respecto recíproco" no seo da fronte, insistiu. "Non aspiro a outra cousa, non teño futuro político", proclamou. "Viva o nacionalismo galego e viva o BNG de 1982 posto ao día", concluíu.

Entre os aplausos dos seus e algúns apupos remataba Beiras e comezaba Guillerme Vázquez resumía a súa aposta: "un BNG unido, plural pero unido", con "rigor" e no que prime a "asunción das decisións colectivas". "Estou orgulloso de ser do BNG", remarcou o que sería reelixido líder nacionalista apenas dúas horas despois.

Guillerme aposta por un BNG "plural pero unido"

A ritual sesión de clausura, de novo con maioría de aplausos e tamén algún asubío -para os contrarios de dentro, pero os de algúns tamén para o convidado de Unió Democrática de Catalunya- daba paso a un BNG no que, de novo segundo a quen se lle pregunte, "todo segue igual" ou no que as cousas están un chisco máis claro. En calquera caso, sobre a mesa quedan interrogantes, algúns dos cales comezarán a ser resoltos nas vindeiras semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.