A oposición en Galicia pide "consecuencias políticas" para Rajoy e o PP tras a sentenza da Gürtel

Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón CC-BY-SA Praza Pública

"Consecuencias políticas". Iso é o que reclama a oposición parlamentaria en Galicia logo de coñecerse a sentenza do caso Gürtel, que condena o PP e da que se tiran graves penas de cárceres para os líderes da trama corrupta creada arredor da formación conservadora. Con diferentes matices, tanto En Marea como PSdeG e BNG cren que nada pode quedar igual logo do grave ditame xudicial.

Villares (En Marea) cre que "non se pode aceptar in un segundo máis" que o PP "siga á fronte do Goberno do Estado"

Desde En Marea, o seu portavoz, Luís Villares, considera que "non se pode aceptar in un segundo máis que un partido que acaba de ser condenado por corrupción, como forma institucional de estar na vida política siga nin un segundo máis a fronte do Goberno do Estado”. Por iso, aclara o seu apoio e o da súa formación a unha moción de censura que poida “desprazar do goberno aos que fixeron do servizo público unha rapiña privada para favorecer intereses particulares, prexudicar o interese xeral, recortar dereitos e causar sufrimento á poboación e vivir de costas á xente”. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cre que a senteza supón "unha labazada terrible a un PP que se está acrecentando como un partido caracterizado pola corrupción". Sen aludir á moción de censura, o líder dos socialistas galegos cre que a resolución amosa "con claridade o nivel de corrupción do Partido Popular, converteéndoo nunha formación á marxe do que é unha democracia avanzada nos niveis de exemplaridade de cumprimento das normas".

Caballero (PSdeG) considera a sentenza "unha labazada terrible ao PP" e pide a Rajoy "que non siga de costas" á corrupción

Para Caballero, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, "non pode seguir de costas, obviando o nivel de corrupción que está inundando o partido que lidera". "Fronte a esa liña temos que reclamar exemplaridade e maior limpeza dos cargos públicos", destacou.

Desde o BNG, ademais, a súa voceira, Ana Pontón, reclamou a dimisión de Rajoy como "máximo responsable dun PP condenado por corrupción" e cre que o ditame debe traducirse en "consecuencias políticas" tras demostrarse que ese partido e empresas de Francisco Correa "montaron un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional". 

O BNG pide a dimisión de Rajoy e reclamará a comparecencia de Feijóo para que responda sobre a "trama galega" da Gürtel

"É un feito sen precedentes e da máxima gravidade, polo que hoxe mesmo tería que dimitir a dirección do PP, empezando polo seu  presidente, M. Raxoi, pois non é verosímil que os máximos responsábeis do PP a nivel estatal non fosen corresponsábeis por acción ou omisión do acontecido", engadiu. Ademais, a formación nacionalista avanzou que pedirá a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que responda sobre a "trama galega" e considera que "é preciso coñecer as ramificacións e implicacións galegas desta corrupción sistémica do PP da que o ex-secretario de Organización do PPdG, Pablo Crespo, foi un elemento clave".

Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.