A oposición en Outeiro de Rei leva á Valedora a negativa do alcalde a convocar os plenos ordinarios

Casa do Concello de Outeiro de Rei CC-BY-SA HombreDHojalata

É a terceira vez nesta lexislatura que o rexedor impide a realización do pleno

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao (PP) negouse a convocar o pleno municipal ordinario correspondente ao mes de outubro, a pesar das numerosas reclamacións presentadas neste senso polos tres grupos da oposición, BNG, FLI (Foro Lugo Independente) e PSdeG-PSOE. As tres formacións veñen de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo denunciando que é a terceira vez nesta lexislatura que o rexedor impide a realización do pleno. Sinalan que esta actitude "vulnera de forma grave" os dereitos dos edís e da propia cidadanía.

O Pleno de Organización do concello de Outeiro de Rei regulou no ano 2015 a necesaria convocatoria de seis plenos ordinarios cada ano, o derradeiro xoves de cada mes par. Con todo, o alcalde negouse a convocar os plenos de setembro do 2016 (correspondente ao mes de agosto), abril do 2017 e, agora, de outubro de 2018. Os grupos denunciantes manifestan a necesidade de existencia destes plenos, sinalando que "de non celebrarse, estase a impedir que os grupos da oposición poidan presentar propostas políticas ou fiscalizar as accións do goberno municipal, xa que só nos plenos ordinarios se poden presentar este tipo de iniciativas".

"Estase a impedir que os grupos da oposición poidan presentar propostas políticas ou fiscalizar as accións do goberno municipal, xa que só nos plenos ordinarios se poden presentar este tipo de iniciativas"

Esta situación agrávase, engaden, se se ten en conta que só hai a posibilidade de celebrar seis plenos ordinarios ao ano, podendo presentar só dúas moción, dous rogos e dúas preguntas por pleno, co que a eliminación dalgún destes plenos significa un duro recorte das posibilidades de traballo das que dispón a oposición. Lembranse, así mesmo, que "isto non se pode facer nos extraordinarios, pois nestes a orde do día é pechada e é ditada polo Alcalde ao seu antollo".

Para o BNG, FLI e PSOE, con esta actitude o Alcalde "persegue que a oposición non poida facer o traballo que a cidadanía lle encargou cos seus votos". Xosé Ferreiro, Malena Ron e Luísa Lombao, voceiro e voceiras de BNG, FLI e PSOE respectivamente afirman que "de non convocarse de forma urxente este pleno ordinario, dende a oposición de Outeiro de Rei non se descarta ningunha posibilidade de actuación, incluída a de convocar un pleno extraordinario que teña como orde do día as propostas que a oposición ía levar a este pleno ordinario”.

Outras localidades gobernadas polo Partido Popular, como Abadín, O Saviñao ou San Amaro tamén estiveron varios meses sen plenos municipais

Son varios os concellos galegos nos que está a producirse esta mesma situación, pola non celebración de plenos ordinarios, en ocasións por períodos aínda máis longos. Foi o caso, por exemplo, de Abadín, onde a comezos de ano o PSdeG denunciou que o alcalde levaba 10 meses sen convocar plenos. A resposta do PP foi, simplemente que o rexedor fora moi votado. Tamén O Saviñao estivo varios meses sen convocar plenos municipais e o mesmo sucedeu máis recentemente en San Amaro. Todas estas localidades están gobernadas polo Partido Popular.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.