A oposición galega pon deberes ao novo goberno de Sánchez

Comparecencia dos cinco deputados de En Marea © En Marea

Aos poucos minutos da confirmación de Pedro Sánchez como novo presidente do Goberno central, a oposición en Galicia púxolle xa deberes. En Marea, BNG, pero tamén PSdeG, sinalaron unha serie de prioridades ao futuro Executivo socialista, moitas deles coincidentes. A un tempo, as cámaras e micrófonos xiraron tamén cara ao país, pero na figura de Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta aparece como unha das posibles alternativas a Mariano Rajoy á fronte do PP estatal. Preguntado pola cuestión, aclarou que está "a disposición de Galicia e do partido". "Pero de Galicia", engadiu. 

Feijóo di estar "a disposición de Galicia e do partido" pero aclara que desexa "cumprir co seu mandato" á fronte da Xunta

Feijóo apelou ao comité executivo do PP do vindeiro martes para "escoitar" a Rajoy e ver que é "mellor" para "ter unha alternativa a un goberno", o de Sánchez, que considera "absolutamete inviable". "Quédanme dous anos de mandato e o meu compromiso é cumprir coas miñas obrigas como presidente da Xunta. Espero e desexo cumprir o meu mandato e o meu compromiso", reiterou quen cre que Pedro Sánchez "non podía empezar peor". "Quería chegar a ser presidente a calquera prezo, ocorra o que ocorra e deixe no camiño a quen deixe", sentenciou. 

Desde o Congreso, pola súa banda, a deputada galega Pilar Cancela apostou por un goberno socialista que "vai levar madurez e normalización á política, como está a facer o noso veciño Portugal". Para a parlamentaria, unha das mulleres incluídas no núcleo forte arredor do novo presidente de España, "os españois demostraron que non queren maiorías absolutas", pero si "acordos entre partidos e en moitas cuestións". "Esta é a normalidade democrática que queremos trasladar aos cidadáns", engadiu, antes de rexeitar calquera hipótese sobre a posibilidade de que entre no Executivo nalgún cargo.  

Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG, confía en que con Sánchez haxa "unha concepción do Estado máis plural"

No seu propio partido, Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz no Parlamento galego, cre que a investidura de Pedro Sánchez "abre un novo ciclo político". Así, aposta por que o novo Executivo aposte por "unha axenda de rexeneración democrática" que inclúa "a redución da fenda social e o recoñecemento da diversidade territorial de España". Para o que fora candidato á presidencia da Xunta, é clave que o PSOE achegue "unha concepción do Estado máis plural". 

Tamén na Cámara galega, o voceiro de En Marea, Luís Villares, amosou a súa ledicia por unha mudanza que supón "unha grande oportunidade" para "recuperar dereitos fundamentais e liberades públicas" e citou a derrogación da Lei mordaza ou das reformas laborais como algunhas das claves, ademais de "recuperar o gasto público suficiente en pensións, educación ou sanidade para poder prestar con dignidade estes servizos". 

Villares (En Marea) reclama a Sánchez o "traspaso da AP-9 ou das competencias en seguridade viaria" e pide que "os dereitos nacionais de Galicia sexan respectados"

Respecto a Galicia, Villares lembroulle a Sánchez que o país "ten dereito a recuperar unha serie de competencias e dereitos que lle foron negados" e lembrou a titularidade da AP-9, o ferrocarril, as competencias en seguridade viaira ou un sistema de financiamento "xusto". Ao tempo, optou por derrogar "unha Lomce que desgaleguizou o sistema educativo galego". En declaracións á Radio Galega, o voceiro de En Marea reclamou desta nova época unha aposta pola "plurinacionalidade" e instou a que "os dereitos nacionais de Galicia sexan respectados". 

Ana Pontón, pola súa banda, insistiu tamén nesa "axenda galega" para Sánchez. Malia non ser o PSOE unha alternativa "que entusiasme", a portavoz do BNG cre que era "necesario un cambio e unha resposta democrática" ao PP. A partir de aí, optou tamén pola "eliminación" de leis como a Lomce ou a Lei mordaza e instou a acabar coa "estafa das peaxes, botar abaixo a prórroga de ENCE ou instaurar unha tarifa eléctrica galega". Alén disto, lamentou tamén que "Galiza estivese desaparecida de todo este debate" e sinalou a Feijóo por "encarnar a submisión fronte a Rajoy". 

Pontón (BNG) márcalle unha "axenda galega" ao novo goberno e  pide "rematar coaestafa das peaxes, botar abaixo a prórroga de ENCE ou instaurar unha tarifa eléctrica galega"

Respecto da presenza de Galicia, En Marea destacou que cumpriu "cun dos compromisos" polo que os seus cinco deputados foron elixidos. "Chegamos ás institucións para botar o PP e traer as demandas de Galicia ás Cortes", insistiu o voceiro no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que agarda que Sánchez "saiba afrontar os retos que temos como país no plano democrático, social e plurinacional" e que "teña en conta as demandas de Galicia". Preguntado Villares pola non mención por parte de Pablo Iglesias de Galicia como nación, cando si o fixo con Euskadi e Catalunya, foi definido por Villares como "un lapsus". 

Nesta xornada, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG e un dos grandes apoios de Sánchez na loita polo liderado no PSOE, presenciou en directo a votación da moción de censura no Congreso e trasladou ao novo presidente do Gobeno central o seu "apoio" para "abrir unha nova etapa". Ademais, subliñou que a deste venres é “unha xornada histórica” e celebra que “unha ampla maioría” do Congreso optase pola “rexeneración”.

No ámbito municipal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou como“espantoso” o legado político de Mariano Rajoy, "tanto para Galicia como para Pontevedra, á que condenou a soportar á empresa altamente contaminante, Ence, 60 anos máis". Ademais, o rexedor nacionalista asegurou que a moción de censura era "inevitable". 

Os alcaldes Ferreiro, Lores ou Suárez celebra a marcha de Rajoy tras un legado negativo para as súas cidades

Desde A Coruña, o seu alcalde, Xulio Ferreiro, cre "unha boa nova" a "caída" de Mariano Rajoy porque "cae un partido corrupto e un presidente que non confiaba na Coruña" e porque "se abre un tempo de oportunidade e de enorme responsabilidade". Para o rexedor da Marea Atlántica, o xa ex-presidente español sumou "dous anos perdidos e de desprezo para a cidade, tanto nos orzamentos como nas súas políticas". 

Pola súa banda, Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, considera que a marcha de Rajoy "pode beneiciar moito a unha cidade con gran dependencia do Estado". "Hai cuestións pendentes como o convenio con Defensa, o ferrocarril, a muralla... Agora se abren un novo escenario que penso, pode ser moi positivo na urbe nun ciclo novo de rexeneración política", dixo. 

Ana Pontón, en rolda de prensa © BNG
Gonzalo Caballero, xunto a Pedro Sánchez no Congreso © PSdeG
Luís Villares, en rolda de prensa © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.