A UE eríxese (outra vez) como a esperanza real para o saneamento das rías galegas

A delegación galega convidada por Miranda ao debate sobre as rías, na Eurocámara © Delmi Álvarez

As institucións comunitarias e a presión da Eurocámara volven erguerse como as mellores opcións para conseguir o saneamento real das rías galegas. Despois de que o pasado luns a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo reabrise o expediente de 2013 pola falta de datos “fiables” da Comisión e do Estado sobre a súa aplicación tras as denuncias dos colectivos galegos en Bruxelas, o camiño volve apuntar a UE.

Miranda anuncia que tramitará a achega ao comisario de Medio Ambiente de informes sobre os prazos do dragado da ría do Burgo ou verteduras á ría de VIgo, entre outras eivas xa advertidas en 2013

Ana Miranda, eurodeputada do BNG e impulsora das demandas sobre as rías, anunciou este martes na Eurocámara que solicitará xa unha entrevista co comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vella, para que os peticionarios galegos -Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo e a confraría de pescadores da Coruña- acheguen máis e novos datos sobre as insuficientes medidas levadas a cabo polo Estado e a Xunta. Serán informes que advertirán da insuficiencia de fondos e prazos asumibles para o dragado da Ría do Burgo, dos problemas de separación de pluviais e fecais ou de vertidos na de Vigo e, en definitiva, das eivas que as medidas contra a contaminación das zonas que se esixían no informe de 2013 e que non foron aplicadas.

“Será todo o vinculante que eles queiran”, advertiu Miranda sobre o informe que se presentará, e puxo o exemplo da Comisión de Transportes e a súa implicación no caso do Alvia para explicar a relevancia de achegar as denuncias aos órganos de goberno da UE. “Preferimos rías saneadas e limpas a multas”, engadiu.

Rolda de prensa da delegación galega na Eurocámara tras a reapertura do expediente sobre as rías © Delmi Álvarez

A Comisión de Peticións reprochou o luns á Comisión Europea e ao Estado español a inexistencia de datos “fiables” e mesmo de avances serios na problemática das rías e decidiu reabrir o expediente pechado. Neste martes, na rolda de prensa ofrecida en Bruxelas, Miranda reiterou o éxito desta decisión malia os intentos de PP e PSOE por pechalo ao considerar suficientes os avances pese a recoñecer a necesidade de melloras.

Os voceiros da confraría coruñesa e da plataforma viguesa ven "un insulto" que "eurodeputados galegos neguen as denuncias" que son "evidentes con só botar unha ollada"

Ante esa actitude, tanto o voceiro da plataforma viguesa como o da confraría coruñesa criticaron o que consideraron un “insulto”: que “eurodeputados galegos neguen as denuncias e datos” achegados. Así se expresou Serxio Regueira, do colectivo da Ría de Vigo, que se amosou indignado coas palabras do socialista José Blanco ou do popular Millán Mon o pasado luns e advertiu de que eles tamén teñen “técnicos” que acreditan a grave situación.

No mesmo sentido se expresou Felipe Canosa, presidente da confraría coruñesa, que insistiu na dispoñibilidade dos afectados en “amosarlles” aos eurodeputados a verdadeira situación das rías, ao igual que dixo Regueira. “De día, á noite ou cando queiran”, lembraron.

Son, segundo din, problemas “evidentes só con botar unha ollada”, malia as melloras aplicadas nos últimos cinco anos e que seguen a ser escasas. A Ría do Burgo perdeu preto de 1.800 mariscadores desde os anos 90 e na de Vigo, pese ao importante investimento na nova depuradora, segue a haber “verteduras nos mesmos lugares de hai dez anos”, así como problemas coa depuración.

Vista da ría de Vigo Dominio Público Praza Pública

Todos consideran que cinco anos eran máis que suficientes para conseguir os obxectivos marcados pola Eurocámara. Tamén o BNG. Representantes locais dos concellos afectados anunciaron iniciativas para manter a batalla polo saneamento das rías, desde Avia Veira e Francisco Jorquera, do Bloque da Coruña, até Tono Chouciño, concelleiro en Culleredo, e Xabier Pérez Igrexas, candidato en Vigo da formación nacionalista, que presentará iniciativas en municipios e no Parlamento galego para apremar a Xunta e Estado a facer efectivo de vez ese saneamento.

A delegación galega amosou a súa esperanza de que, desta volta si, a presión comunitaria logre avances no saneamento das rías

Veira, ademais, destacou que “só cando os peticionarios e o BNG premen o botón da UE o Estado se move”, mentres que Chouciño avisou da importancia de non que non fose pechado o expediente para “poder saber como se van cumprir os compromisos de 2013”.

Na rolda de prensa, uns e outros amosaron a esperanza de que, desta vez si, a presión da Eurocámara e mesmo da propia Comisión, que terá que recabar tamén do Estado os avances reais contra a contaminación, consiga o saneamento integral das rías galegas, xa non nestes dous casos, senón tamén noutros como os da de Viveiro ou de Cee, como lembrou Miranda. A eurodeputada galega, ademais, lamentou a ausencia da TVG na comparecencia celebrada este martes en Bruxelas para informar dun tema que considera de elevada importancia para o país. “Hoxe non é venres, pero… Defende a Galega”, rematou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.