A UE terá avións propios para apagar incendios fóra de temporada como os de Galicia e Portugal

O comisario de Xestión de Crises, Christos Stylianides, no Centro de Coordinación de Emerxencias de Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Bruxelas - Enviado especial

“As catástrofes naturais convertéronse na nova normalidade”, dixo hai uns días o presidente da Comisión Europea, Jean-Claud Juncker, ao anunciar a decisión do seu executivo de dotarse de medios propios, á marxe dos que voluntariamente viñan ofrecendo os estados membros, para actuar en calquera gran emerxencia europea. Unha decisión que o departamento europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises, co comisario Christos Stylianides á fronte, vincula tamén coa tendencia a que determinadas catástrofes naturais se produzan fóra das temporadas que ata o de agora viñan sendo habituais co cambio climático como pano de fondo. Os incendios forestais do pasado outubro en Galicia e Portugal, admiten fontes dese departamento, refórzaos na súa decisión de crear unha “reserva de medios propios” dispoñibles en calquera momento, como avións de loita contra o lume.

O comisario de Xestión de Crises pide aos estados implicación co proxecto de crear unha “reserva de medios” para emerxencias, denominada rescEU, que Bruxelas enviaría ao estado que pida axuda

“O noso sistema de resposta en caso de catástrofe acadou os seus límites no seu formato actual, de carácter voluntario”, dicía Stylianides hai uns días, ao anunciar a denominada rescEU. Estes luns o propio comisario informou das liñas mestras do seu proxecto a un grupo de xornalistas galegos e portugueses desprazados a Bruxelas pola Comisión Europea e o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, entidade que fixou na xestión transfronteiriza das emerxencias unha das súas prioridades. Na súa comparecencia ante os medios, no Centro Europeo de Coordinación da Resposta a Emerxencias, Stylianides explicou que esa “reserva europea” de dispositivos de protección civil que proxecta terá capacidade de actuar de xeito inmediato en calquera país que o solicite sen ter que depender de que, como ata o de agora, os estados a título particular ofrezan axuda.

A denominada rescEU sería “unha reserva a nivel europeo de capacidades de protección civil tales como avións de extinción de incendios forestais, bombas de auga especiais, equipos de busca e rescate urbano e hospitais de campaña e equipos médicos de emerxencia”. Porén, malia que a constitución desa forza de intervención en emerxencias sería permanente e obrigatoria no caso da oferta, non sería así no caso da demanda. Isto é, o estado que a precise terá que solicitar a axuda, o que adoitan demorar porque supón unha evidencia das súas incapacidades propias.

O proxecto rescEU, que agora deben validar os estados, suporía o investimento duns 280 millóns de euros ata 2020 para dotarse deses medios de resposta de ámbito europeo

O comisario Stylianides presentou o seu proxecto como “unha rede de seguridade que nos permitiría actuar cando as capacidades estatais non sexan suficientes” de xeito que “ningún estado europeo vai estar só enfrontado a unha crise”. Porén, o comisario insistiu en que o dispositivo rescEU “non reemplaza as responsabilidades locais ou estatais”, que deben ter capacidade para enfrontarse por si mesmos ás emerxencias. Nesa mesma liña, para que o dispositivo rescEU se poña en práctica, a Comisión require da implicación dos estados membros, que deberán validar a súa proposta ao longo dos próximos meses. De saír adiante, implicaría o investimento duns 280 millóns de euros ata 2020 para dotarse deses medios de resposta de ámbito europeo.

A Comisión Europea salienta que as diversas catástrofes naturais acontecidas este ano son un dos motivos para acelerar a creación de rescEU. “Só en 2017, máis de 200 persoas morreron como consecuencia de catástrofes naturais en Europa e máis dun millón de hectáreas de bosque quedaron destruídas”, salienta a Comisión, cunhas cifras nas que Galicia, aínda que só nunha pequena parte, tamén está presente, cos catro falecidos e 50.000 hectáreas queimadas só na vaga de incendios do 15 de outubro. É a propia Comisión a que pon o foco nos incendios, dos que destaca que “só en Portugal, os danos económicos directos dos incendios forestais que se produciron entre xuño e setembro estímanse en preto de 600 millóns de euros, o que representa o 0,34% da renta nacional bruta de Portugal”.

Xunto co dispositivo rescEU, a comisión tamén axudará aos estados membros “a impulsar as súas capacidades nacionais mediante o financiamento dos custos de adaptación, reparación, transporte e funcionamento dos recursos de que dispoñen”

O denominado rescEU suporá por unha banda a creación desa “reserva de equipos de resposta” e, por outra, a axuda da Comisión aos estados membros “a impulsar as súas capacidades nacionais mediante o financiamento dos custos de adaptación, reparación, transporte e funcionamento dos recursos de que dispoñen”. A proposta comunitaria, di a Comisión, “racionalizará e simplificará os procedementos administrativos a fin de reducir o tempo necesario para mobilizar a axuda de salvamento e rescate”.

A Comisión Europea tamén fai balance do feito ata o de agora polo denominado Mecanismo de Protección Civil da UE que agora quere leva máis alá. Segundo os seus datos, nestes tres lustros en funcionamento, o mecanismo comunitario de emerxencias “realizou un seguimento de máis de 400 catástrofes e recibiu máis de 250 peticións de axuda”, o que supón unha media de máis de unha ao mes.

A rede de entidades transfronteirizas da Península tamén reclamou a creación dunha "cooperativa europea" que coordine as emerxencias de España e Portugal

A proposta do dispositivo rescEU que lanza a Comisión Europea vai acompañada, para o caso peninsular, da petición lanzada hai unhas semanas pola Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), que agrupa organismos de toda a Península e da que forman parte cinco entidades con presenza en Galicia, de que España e Portugal creen un ente coordinador das emerxencias “con mando sobre os recursos dos dous países para a loita contra o lume e con capacidade de resposta inmediata”. A idea concretaríase, segundo divulgou o Eixo Atlántico, membro destacado da RIET, na creación dunha “cooperativa europea coparticipada polos gobernos dos dous países, as comunidades autónomas e entidades asimilables de Portugal, os concellos e as redes representativas de cooperación, que xestionarían directamente a prevención e combate contra os incendios”.

Un traballador do Centro de Coordinación de Emerxencias de Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.