A Valedora carga contra o Concello de Santiago malia considerar máis incumpridora á Xunta

A Valedora, Milagros Otero, entrega o seu informe anual ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices Dominio Público Parlamento de Galicia

Milagros Otero atribúe “moitas queixas” ao problema dos sen teito, pero o seu informe anual atribúelle só dúas, fronte ás 63.000 que recibiu contra a Xunta

Por segundo ano consecutivo, a Valedora do Pobo, Milagros Otero, cargou verbalmente este luns, na presentación do informe anual sobre o seu traballo, contra o Concello de Santiago pola súa lentitude en dar solución á situación de varias persoas sen fogar, malia que esa cuestión só ocupa unha das 908 páxinas do documento e nel son outras as administracións que aparecen como máis entorpecedoras do seu labor. Otero pediu expresamente a Santiago “que garanta os dereitos das persoas sen fogar e faga cumprir as normas municipais en materia de convivencia”, pero cando foi preguntada polas administracións máis reticentes a colaborar, a Valedora rexeitou verbalizar o que aparece no informe, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é, con 12 ameazas de declaración de hostilidade, o departamento ou administración máis incumpridor cos que se enfrontou a súa institución, situación que se vén repetindo na última década.

No cargo desde setembro de 2015, Otero, proposta polo PP co apoio do PSdeG, que a cambio nomeou o seu adxunto, presentou en xuño de 2016 o seu primeiro informe, correspondente ao ano anterior. Naquela comparecencia a propia valedora xa salientara verbalmente o problema de Santiago coas persoas sen teito malia que este non era un dos concellos nos que, segundo o seu informe, a institución atopaba máis reticencias a colaborar, obstáculos que veñen sendo moito máis habituais na Administración autonómica que na local. Este luns, Otero repetiu unha comparecencia similar. Ela mesma salientou na súa comparecencia o problema de Santiago como un dos máis relevantes do ano, do mesmo xeito que tamén a nota de prensa que distribuíu aos xornalistas a institución situaba ese problema como destacado: “A situación de difícil convivencia entre as persoas sen teito e os titulares de negocios no casco histórico de Santiago segue sen resolver [sic]. A valedoría remitiu unha recomendación a principios deste ano ao Concello de Santiago na idea de que garanta os dereitos das persoas sen fogar e faga cumprir as normas municipais en materia de convivencia. Aínda non chegou a resposta”, di.

Das 908 páxinas do informe, o caso de Santiago aparece nunha soa, e como antepenúltimo dos 11 problemas en materia de servizos sociais aos que o documento adica un apartado específico

A Otero preguntóuselle por que destacara o caso de Santiago sobre outros con máis queixas, como a Sanidade, ao que respondeu salientando a suposta repercusión social dun asunto que segundo ela provoca “moitas queixas”. Porén, unha análise do informe permite comprobar que a cuestión das persoas sen teito de Santiago motivou só dúas queixas fronte ao total de preto de 65.000 que recibiu a institución o ano pasado. Das 908 páxinas do documento, ese problema aparece nunha soa, e como antepenúltimo dos 11 problemas en materia de servizos sociais aos que o documento adica un apartado específico, por detrás dos dedicados ás axudas sociais autonómicas e locais ou ás medidas contra os desafiuzamentos e a pobreza enerxética. Non é a primeira vez que a Valedora carga as tintas verbalmente contra o Concello de Santiago pola súa lentitude á hora de atender os sen teito -mesmo con expresións que motivaron queixas dos profesionais que traballan con ese colectivo- malia que a administración local está a impulsar un plan en colaboración con entidades como Cruz Vermella, FEAFES ou Cáritas.

A Consellería de Cultura e Educación vén sendo o departamento ou administración que máis obstaculiza o traballo da Valedora, que evitou verbalizalo

A continuación, Otero foi preguntada expresamente polas administracións que máis entorpecen o seu traballo, pero a Valedora non quixo facer o mesmo con elas que o que fixera co Concello de Santiago e argumentou, amosando o seu malestar coa pregunta que se lle fixera, que o seu traballo non é sinalar senón buscar a cooperación entre administracións. “O meu traballo é que todas as institucións colaboren comigo”, dixo. O informe permite comprobar que a Valedora está lonxe de logralo xa que a institución tivo que advertir ata en 12 ocasións con declarala “hostil” á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en 7 ocasións á Consellería de Economía e Industria. Cultura e Educación vénse destacando na última década como a Administración máis reticente a colaborar co Valedor do Pobo, cun total de 67 ameazas nese período. Do mesmo xeito, no seguinte nivel de entorpecemento ao Valedor, o de que este teña que requirir información por dúas veces a unha administración antes de obtela, Cultura e Educación volve estar á cabeza cun total de 79 casos só no último ano, seguida pola Consellería de Sanidade con 55 casos.

A Valedora recibiu un total de 2.356 queixas distintas en 2016, cifra similar á de anos anteriores, pero disparáronse as de carácter colectivo

Canto ás cifras globais de queixas, o informe da Valedora constata que, fronte ás 40.000 de 2015, das 64.937 recibidas en 2016, o 98,3%, un total de 63.095, correspondéronse con competencias da Xunta. Delas, máis de 50.000 debéronse ao funcionamento da sanidade, a inmensa maioría a través dunha petición colectiva que reclamou que o Hospital Meixoeiro de Vigo permanecese aberto unha vez inaugurado o novo Álvaro Cunqueiro. Outras 11.000 doutra queixa colectiva reclamaron á Xunta que non traslade á Estrada a sede dos servizos de emerxencia que ata o de agora radicaban en Santiago. Deste xeito, ao agrupar as queixas por asuntos comúns, o resultado é que a Valedora recibiu o ano pasado un total de 2.356 queixas distintas, cifra similar ás da última década.

A valedora e o seu adxunto, reunidos co presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.