A xuíza arquiva a acusación de acoso e suborno contra Baltar ao non ver acreditados os delitos

Feijóo e Baltar, en Verín © PP Ourense

Fin do caso Baltar, cando menos polo momento. O presidente da Deputación de Ourense, o seu pai e antecesor no cargo e mais o xefe de persoal da institución provincial e alcalde de Monterrei veñen de quedar libres das investigacións -antiga imputación- que pesaban sobre eles polo presunto ofrecemento dun posto de traballo a cambio de sexo a unha muller que tamén deixa de estar investigada. Así o vén de ditaminar a titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense, que arquiva o caso ao non considerar os feitos denunciados como suficientemente acreditados como delitos de suborno, acoso e tráfico de influencias.

Nun auto ditado o pasado luns a xuíza Eva Armesto, á que os Baltar tentaron afastar da instrución tras non lograren a nulidade de todo o proceso, indica que as gravacións telefónicas achegadas pola denunciante ao procedemento amosan que o tamén líder do PP de Ourense "solicita ou cando menos acepta un favor de natureza sexual" para "realizar, no exercicio do seu cargo, unha acción ou omisión" dos "requisitos legalmente establecidos" para "facer o posible por facilitar a obtención dun traballo" sen "cumprir os requisitos legais".

Ao contrario do mantido polos populares tanto en Ourense como dende a súa dirección galega, a instrutora especifica que o feito de que ese posto non se chegase a adxudicar non impide, por si mesmo, que existise ou non delito. No entanto, a xuíza baséase nas testemuñas recabadas no proceso para indicar que "non resulta suficientemente xustificado" que Baltar Blanco "se comunicase de forma algunha" co xefe de persoal ou co asesor xurídico da Deputación para procurar ese posto. Do mesmo xeito, sinala, eses testemuños non permiten tampouco acreditar que José Luis Baltar "dese instrucións" cando aínda era presidente para dar cumprimento á promesa do seu fillo.

A xuíza dá por probado que a muller desenvolveu labores no PP e na Deputación, pero non ve "debidamente xustificada a perpetración dos feitos punibles"

No que respecta á acusación de manter "relacións sexuais pola promesa de axuda laboral", o presunto delito de acoso sexual, a xuíza considera á luz das testemuñas que "non queda suficientemente xustificada" que existise "un dos elementos" substanciais do tipo penal: a existencia dunha relación de "prestación de servizos". Así, di o auto, fica acreditado que a denunciante "realizou labores de interventora" do PP en 2008, ano que a xuíza sitúa como "moito antes de que o investigado conste que ostentase cargo ningún en Ourense". Igualmente, que "se encargou da organización" dun evento electoral. Ese labor político "realízase voluntaria e gratuitamente" e, agrega, "non traballou na sede do partido".

O arquivo baséase nas testemuñas e en que Baltar fillo non tiña formalmente ningún cargo en Ourense cando sucederon os feitos

Así as cousas, conclúe a xuíza, non é quen de "xustificar" que existise esa "prestación de servizos", xa que "as testemuñas negan" que a denunciante "realizase actividades retribuídas" para o PP e, aínda que dá por probado que traballou "no Departamento de Enquisas" da Deputación, ese labor foi desenvolvido "ata o ano 2010, como máximo, segundo a testemuña", e nesa data José Manuel Baltar non era presidente -foi deputado no Parlamento e en xaneiro dese ano substituíu o seu pai no liderado do partido- nin consta "que influíse dalgún xeito" no seu proxenitor.

Sobre estes argumentos a instrutora di atoparse no suposto de "non resultar debidamente xustificada a perpetración dos feitos punibles", polo que "procede" acordar o arquivo provisional do caso. A resolución da xuíza é susceptible de recurso, unha vía á que o partido Democracia Ourensana, acusación no caso, xa anunciou que acudirá.

Feijóo e Manuel Baltar, no congreso de 2010 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.