A xuíza De Lara imputa nove empresas do grupo Véndex por cinco delitos na trama Pokémon

Envíos de cartos de Véndex, fotografados polos investigadores © Vixilancia Aduaneira / Sumario do caso

No outono de 2015 a xuíza que instrúe o caso Pokémon, Pilar de Lara, deu o primeiro paso para adelgazar a complexa investigación: ditaminou trasladar a parte do caso que atinxe a suposta corrupción ligada ás empresas do grupo Véndex, presunta cerna da trama, á Audiencia Nacional. Mentres aumentaban os receos nos ámbitos político e xudicial pola formación de 'macrocausas' a Audiencia de Lugo avalaba tamén unha decisión que case ano e medio despois aínda non se fixo efectiva -o pasado xaneiro De Lara argumentou nunha providencia que a responsabilidade de facelo era do secretario xudicial, informou El Progreso- e, neste intervalo, a maxistrada continuou a instrución. O resultado das súas dilixencias vén de tornar nunha nova decisión que non é menor: a imputación de ata dez empresas do grupo Véndex por ata media decena de delitos de presunta corrupción en Galicia e Catalunya.

Segundo un auto ditado por De Lara o pasado día 13, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a xuíza vén de concluír que as empresas do grupo Véndex, lideradas polo seu administrador Gervasio Rolando, actuaron como "unha auténtica organización que responde a unha estrutura xerarquizada e a unha mesma política empresarial, consistente na obtención de concursos" públicos "de forma presuntamente ilícita en connivencia con autoridades e funcionarios". Esa connivencia, segundo cre a xuíza baseándose nas pescudas de Vigilancia Aduanera -o corpo que emprega como policía xudicial- estaría baseada en "entrega de cartos, agasallos, contratación de enchufados e prestación de favores".

A xuíza atribúe ao administrador do grupo "rendas ocultas non declaradas" de 3,7 millóns de euros

"Non cabe dúbida", di De Lara no seu auto, de que "os delitos se cometeron en proveito" das empresas do grupo por parte dos seus dirixentes a comezar polo seu administrador principal, a quen atribúe un "incremento patrimonial ou rendas ocultas non declaradas" que ascenden, segundo "os distintos informes periciais", a uns 3,7 millóns de euros acumulados entre os anos 2009 e 2012. Rolando acusa a xuíza, "constituíu ese fondo de diñeiro en efectivo opaco do que dispuxo segundo o seu libre albedrío, para o seu beneficio propio", xa sexa "particular", con "sobresoldos non declarados" ou da propia empresa. Entre as finalidades dos cartos negros que, segundo a xuíza manexaron as empresas de Véndex, estarían tamén os presuntos pagamentos a "políticos e funcionarios", así como "o financiamento de partidos políticos e pagos en B a empregados do grupo e colaboradores".

Así as cousas, a maxistrada da Pokémon cita para o vindeiro 4 de abril nos xulgados lucenses os representantes legais dunha decena de empresas do grupo en calidade de imputadas "por delitos de tráfico de influencias, suborno, falsidade documental, delitos fiscais e branqueamento de capitais". Trátase das empresas Grupo Europeo de Servicios DOAL, Procedimiento de Aseo Urbano, Servicios y Materiales, Central de Administración y Análisis Financieros, Servicios SEMAT, SINTRASA, ECONAR, Serveis Generals per Municipis e mais a matriz do grupo, a propia Véndex. Todas elas contrataron con Administracións públicas galegas e catalás, fundamentalmente no ámbito municipal.

As empresas terán que responder o 4 de abril por presuntos delitos de tráfico de influencias, suborno, falsidade, delito fiscal e branqueamento de capitais

Estas empresas terán que responder, no que atinxe a Galicia, por contratacións e actuacións que De Lara considera irregulares en ata unha ducia de concellos durante case unha década e ata o pasado mandato municipal (2011-2015), no que estourou a operación. O maior volume de contratos dos que a xuíza sospeita concéntranse na Coruña, Santiago, Ourense e Lugo. No consistorio coruñés pon o foco en adxudicacións do goberno de Carlos Negreira como o mantemento do Aquarium, os servizos complementarios do centro Ágora e do IMCE ou suposta facturación irregular ligada ao Trofeo Teresa Herrera, ademais do que considera unha "adxudicación e facturación ilícita" do servizo da ORA. En Santiago fíxase na xestión dunha escola infantil, na conserxería de varias instalacións municipais e no guindastre.

En Lugo os contratos dos que sospeita a xuíza son a ORA, a información turística e servizos en centros deportivos e en Ourense considera que existiron irregularidades na ORA e a limpeza de instalacións municipais. Aínda que cun menor volume, tamén cita no seu auto aos concellos de Marín, Boqueixón, Verín, Ferrol, O Carballiño, Ordes, Sada e Arteixo. Todos os casos refírense a anteriores mandatos municipais.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.