A xuíza investiga se un ex asesor do PP en Santiago actuou de 'conseguidor' en contratos da Xunta

Espadas, con dirixentes de empresas investigadas no caso, fotografado na Praza do Obradoiro Dominio Público Vixilancia Aduaneira

A inabarcable operación Pokémon reaparece por enésima vez. E de novo, en vésperas electorais. A xuíza Pilar de Lara vén de autorizar a Vixilancia Aduaneira para investigar a fondo os datos fiscais e adxudicacións de varios empresarios e da construtora Unika, compañía con sede en Santiago cuxos responsables, non obstante, non están investigados no caso. A instrutora tenta aclarar se, como apunta un informe do propio servizo de Aduanas -empregado por De Lara como policía xudicial- datado no pasado 10 de maio, o que fora xefe de gabinete de Gerardo Conde Roa como alcalde do PP no Concello de Santiago, Ángel Espadas, imputado no caso, empregou as súas influencias para que esta empresa lograse contratos da Xunta e doutras Administracións públicas.

A devandita orde da xuíza concrétase nun auto ditado pasado luns ao que tivo acceso Praza.gal, no que se incorpora como anexo un informe de cincuenta páxinas no que Aduanas detalla diversos seguimentos e escoitas telefónicas ao que fora home forte do goberno de Conde Roa. As gravacións e presuntas influencias descritas desta volta prodúcense, sempre segundo os investigadores, a partir de abril de 2012, xusto cando Conde Roa se viu obrigado a dimitir a causa da fraude fiscal na súa propia construtora, pola que foi condenado.

"Xa sabíamos", din os investigadores, que Espadas "realizara presuntamente tráfico de influencias" para varias empresas "ata abril de 2012". Cando a dimisión de Conde Roa forza a súa saída do Concello, detallan, Aquagest amosa a "intención de contratar a Espadas como 'abrelatas', indicando que van utilizalo para facilitarlles a obtención de contratos". "Para que isto non pareza descarado -debullan- utilizan unha estrataxema que xa realizaron con outras persoas, que é que o contrate outra empresa, á que Aquagest lle pagará os emolumentos e comisóns que leve Espadas. "Esta empresa é Unika", di o informe. Na súa declaración como imputado ante a xuíza Espadas espadas dixo "crer" que Aquagest non chegar a pagar unha parte do seu salario en Unika, "pero no se lo puedo asegurar, porque no lo sé".

As empresas contrataron a Espadas "como abrelatas" para "facilitar a obtención de contratos públicos" grazas aos seus contactos políticos, segundo a investigación

Así, entre conversas nas que se refiren a quen protestan polos recortes como "burros" e "paletos" os responsables de Aquagest comentan que contratar alguén ben relacionado co obxectivo de que realice "un traballo político comercial para abrir portas" é "o pan noso de cada día". O 27 de de abril de 2012, once días despois da dimisión de Conde Roa, Espadas comenta nunha das conversas intervidas que xa está "todo arranxado". Unika pagaríalle "3.100 euros máis comisións, que era o que cobraba no Concello". Habería, sinala Aduanas, "comisións dos dous lados", en referencia a Aquagest e Unika, "máis coche e teléfono".

Contactos con Alfonso Rueda e Agustín Hernández

Unha vez contratados comezan os contactos, o traballo de "abrelatas". Nesta liña, o 14 de maio Espadas dille a un dos empresarios sobre os que agora indaga De Lara, Francisco Sánchez, que ao día seguinte ten "unha cita con [Alfonso] Rueda". Unha vez celebrado o encontro, o ex asesor do PP compostelán dá conta dos resultados. "Espadas di que estivo pola mañá con Alfonso e que non hai ningún problema, que pidan unha cita coa súa secretaria na Consellería". Non obstante, apunta, o número dous de Alberto Núñez Feijóo "recomendoulle que fose discreto, sobre todo de cara á prensa", e ve "ben" que se incorpore a Unika, "unha empresa nova que traballou moi pouco aquí".

Vixilancia Aduaneira detecta, a través das escoitas telefónicas, senllas xuntanzas cos daquela conselleiros de Presidencia e Infraestruturas

Ángel Espadas tamén comenta co seu pai o encontro con Rueda noutra conversa tamén gravada polos investigadores. "Dille que foi ver a Alfonso Rueda e que moi ben", recolle o informe. O pai, pola súa banda, "pregúntalle se falou con Agustín Hernández", na altura conselleiro de Infraestruturas e dous anos despois, alcalde de Santiago. "Espadas dille que si, que falou con el".

Os contactos con Hernández regresan ao informe un chisco despois. A partir das chamadas telefónicas Vixilancia Aduaneira sabe dunha xuntanza entre o ex 'man dereita' de Conde Roa e o conselleiro o 16 de xullo do mesmo ano. "Estiveron falando de cuestións políticas e despois el", o conselleiro e despois alcalde compostelán, "preguntoulle en que podería botarlle unha man". "Espadas -resume Aduanas- comenta que todos os temas que falaron os tocaron, especialmente Sogama, [a rotonda de] Sabón e Vilamarín".

Goberno central e Concellos

Aduanas cita xestións de Espadas con Tragsa e con varios concellos do PP

A Xunta non é a única Administración de cuxa actuación en relación con Espadas recea Pilar de Lara. Non en van, Aduanas tamén lle atribúe a Espadas manobras ante entidades como a empresa pública Tragsa en relación coas obras da segunda fase do Parador de Muxía, adxudicadas a Unika en 2014. Tamén dubida da adxudicación á empresa, no mesmo ano, das reformas interiores no Hostal dos Reis Católicos e menciona, asemade, as xestións de Espadas para que Unika realizase as obras das instalacións da empresa privada Urovesa en Valga, operación da que Conde Roa "lle pedira unha porcentaxe".

Nas diversas conversas invertidas Vixilancia Aduaneira detecta, do mesmo xeito, movementos de Espadas para lograr contratos a distintos niveis. Dende un "concurso grande" do Goberno do España en colaboración cunha filial da construtora OHL, o cal sería "jodidísimo" pola súa dimensión, ata contactos a menor escala con concellos na altura gobernados polo PP, tales como A Coruña -nas conversas figuran referencias a uns "papeliños" entregados a Carlos Negreira-, Marín ou Ribeira, entre outros.

Á luz deste informe De Lara reclámalle a Vixilancia Aduaneira que "amplíe" a devandita información "e identifique todas as adxudicacións" ás que se reifren as conversas intervidas. Esa información, especifica, debe aclarar "quen foron os adxudicatarios finais" e "se as presuntas influencias chegaron a termo".

Imaxe de Espadas tomada por Aduanas durante un dos seus seguimentos nas xuntanzas con empresarios CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.