A xuíza San José imputa a Orozco por prevaricación baseándose nas declaracións de Dorribo

Xosé López Orozco, alcalde de Lugo © Concello de Lugo

As declaracións xudiciais do presunto líder da trama Campeón, Jorge Dorribo, ante os xulgados de Lugo o 8 de agosto e o 13 de decembro de 2011. Estas semellan ser as motivacións que levan á xuíza instrutora do caso, Estela San José, a citar ao alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, a declarar como imputado por suposta prevaricación o vindeiro día 23 no marco da investigación á suposta rede corrupta. O rexedor lugués, que se declara sorprendido pola noticia, ten xa presentada en Madrid unha demanda por inxurias e calumnias polas acusacións de Dorribo, reiteradas polo empresario ante o Tribunal Supremo. O propio Orozco confirmou este luns que fora citado por Estela San José nunha comparecencia ante os medios na que explica non saber se a imputación é "polas antigüidades -Dorribo foi copropietario dunha empresa dedicada ás mesmas-" ou polas "licenzas que se outorgaron" dende o Concello a Laboratorios Nupel. En todo caso, coida que é "unha boa oportunidade" para "explicarlle á xuíza que as licenzas cumpriron todos os requisitos", por ser "un acto regrado".

Pero, que acusacións lanzou Dorribo contra o alcalde lugués? Esencialmente, unha, segundo a cal Orozco tería favorecido a Nupel no ámbito urbanístico a cambio de patrocinios para o Concello. Segundo consta no sumario do caso, ao que tivo acceso Praza Pública, a primeira mención ao actual presidente do PSdeG chega o 8 de agosto do pasado ano. Atendendo á acta da declaración voluntaria á que se someteu o suposto líder da trama, Dorribo "quere falar tamén do Concello de Lugo". Explica que "se comprometeu a patrocinar o Arde Lucus", a festa de recreación romana que celebra a cidade no mes de xuño. "O alcalde chamouno para ver se podían colaborar, que andaban mal de cartos", sinala a acta, na que tamén se recolle que Dorribo explica "que pagou o primeiro ano máis de 40.000 euros e o segundo, máis de 30.000".

Sempre segundo a versión de Dorribo, tería patrocinado a festa porque as catro naves de Nupel "ocupan o 100% da parcela" e por iso non se podían comunicar entre si "segundo a lei urbanística" se nón se "retranqueaban". O empresario detalloulle á xuíza que "facer esa obra era tirar as catro naves e era moita pasta, polo que era máis doado patrocinar" e así "o Concello aplicáballes a lei de 2001, onde aínda non existía o do retranqueo". Neste contexto, o propietario de Nupel asegura que el mesmo "llo explicou ao alcalde e este lle dixo que non se preocupase, que xa se miraría" e "á semana seguinte a súa arquitecta, Gloria, foi falar co de Urbanismo e lle dixo que xa estaba arranxado".

Dorribo asegurou que patrocinou as festas do Arde Lucus a cambio de poder realizar obras na súa nave, Orozco xa o denunciou por inxurias e calumnias

Nunha segunda declaración, o 13 de decembro de 2011, Dorribo reitera as acusacións. Relata que a arquitecta municipal "lles dixo que ía ser difícil que lles permitisen a comunicación interior" das naves e "que coincide nun evento co alcalde e llo comenta, que lle dixo ao alcalde que non lle fixese tirar as naves e o alcalde lle dixo que non se preocupase, que a arquitecta falará con alguén e xa está". "Segundo Dorribo, "foi Gloria, non sabe canto tempo despois, e lle dixo que xa estaba arranxado porque lles puxeran unha lei anterior que si permitía salvar o problema". Se ben a lei urbanística á que alude na súa declaración transcende os termos municipais, os argumentos do empresario terían sido que pensaban en "marchar á Coruña" co negocio "pero que eles facía o Arde Lucus e outras cousas" e por iso o Concello os axudou, asegura.

Os abondosos patrocinios de Nupel en Lugo

Con independencia das súas motivacións, Nupel converteuse na década pasada nunha prolífica patrocinadora na cidade de Lugo, feito do que se gababa na súa propia memoria de actividades. Incorporada ao sumario, no apartado dedicado á responsabilidade social corporativa, a compañía aseguraba non poder "esquecer á cidade onde naceu e medrou como empresa" e por iso "participa e coopera de forma activa cos diferentes concellos, deputacións (sic), organizacións benéficas, institutos e colexios". Ademais, sinala a memoria, a colaboración esténdese a "eventos lúdicos, sociais e culturais da cidade, como o Arde Lucus, festa de ambientación romana que xa se converteu nunha referencia".

En apenas tres anos, Nupel gastou máis de 2 millóns en patrocinios e publicidade en Lugo, dos que se gababa na presentación da empresa

A consulta do propio sumario permite coñecer que, nunha época na que os logotipos de Nupel agromaban abondosamente por Lugo, o seu gasto en publicidade e patrocinios non era menor. Non en van, segundo o informe dos administradores concursais da empresa, datado en xaneiro de 2012, nos seus tres últimos anos de actividade dedicou 2,1 millóns de euros a "publicidade, propaganda e relacións públicas". Nese período, a administración concursal calcula que as achegas ao Arde Lucus foron de 41.260,80 euros. Non obstante, o propio Concello, ao ser consultado pola xuíza, detalla que a empresa colaborou coa festa romana nas súas edicións de 2007, 2009 e 2010, cunhas achegas en concepto de patrocinio de 53.000, 28.000 e 32.480 euros máis IVE. A única "contraprestación" incluída no convenio foi a inclusión do logotipo de Nupel na publicidade da festa.

Segundo a documentación oficial do consistorio lugués, tamén incluída no sumario, a relación publicitaria con Nupel só inclúe un convenio máis, asinado no ano 2010 por 12.000 euros para a "organización e realización" dos actos e actividades do programa Lugo 10, co que o Concello conmemorou o décimo aniversario da declaración da Muralla como patrimonio da humanidade. Neste caso, a "contraprestación" foi tamén a inclusión dos logotipos na publicidade e a concesión do "título de embaixador da Muralla Romana" e un "agasallo institucional", que recibiu Dorribo no acto público que recolle a imaxe que acompaña esta información, xunto coa compañía Begano, que tamén patrocinou o evento.

Orozco e Dorribo, na formalización do patrocinio do programa 'Lugo 10' © Concello de Lugo
Patrocinios recollidos no informe da administración concursal © Sumario da Operación 'Campeón'

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.