A xuízo catro ex-cargos da Xunta e do PP xunto ao principal imputado do caso Campeón

Dorribo, Monjero e Cobián (esquerda) e Varela, tras a súa xuntanza en Santiago © Sumario da Operación 'Campeón'

O primeiro dos casos de corrupción que marcaron o paso da vida política galega na última media década encamíñase cara ao xuízo. O titular do xulgado de instrución número tres de Lugo vén de decretar a apertura de xuízo oral na operación Campeón, a presunta rede corrupta creada en torno ao empresario lucense Jorge Dorribo que chegou a salpicar, no momento do seu estourido, hai cinco anos, ao que daquela era todo o arco parlamentario de Galicia. Agora Dorribo enfróntase á petición de ata 24 anos de cárcere que formulara a Fiscalía en 2014 e xunto a el terán que sentar no banco varios excargos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Xunta, e mais o antigo deputado do PP Pablo Cobián, que dimitiu tras ser imputado e para quen o fiscal pedira nove anos de cadea.

Créditos públicos apoiados en facturas falsas e co ex-deputado como intermediario, falsidade, subornos, branqueo ou delitos contables salferiron unha prolongada investigación que toca de cheo a quen fora director do Igape, Joaquín Varela, detido ao inicio do proceso. Xunto a el será xulgado tamén o ex-subdirector de información do ente público, Carlos Silva, e mais a responsable de Financiamento da entidade, Cristina Quintela. Varela, Silva e Quintela terán que responder de cadanseus dous presuntos delitos contra a Facenda Pública, os mesmos que se lle imputan a Cobián, acusado ademais de tráfico de influencias, segundo o auto ditado o pasado día 10 ao que tivo acceso Praza.gal.

A Xunta acusa a Dorribo e os seus colaboradores, como a Fiscalía, pero deixa fóra os antigos directivos do Igape e ao ex-deputado do PP

A lista de supostos delitos cometidos por Dorribo é máis ampla. A Fiscalía acúsao de ata oito en diferentes modalidades:  deliquir contra a Facenda pública e de cometer falsidade en documento mercantil, suborno, branqueo de capitais, delito contable e insolvencia punible. Na sua calidade de acusación particular a Xunta impútalle ademais a falsificación de certificados. O resto das persoas acusadas polo Ministerio Público e a Administración autonómica son responsables ou empregados da empresa de Dorribo e doutras coas que traballaba, caso da construtora Proitec.

A acusación da Xunta esténdese a nove das trece persoas ás que acusa o Ministerio Público, toda vez que deixa fóra os antigos responsables do Igape e a quen fora deputado polo PP e candidato á alcaldía de Oleiros. Cínguese, polo tanto, a Dorribo e os seus colaboradores. A Axencia Tributaria, pola súa banda, acusa só a Dorribo.

Os acusados teñen que depositar 3,9 millóns de fianza solidaria e Dorribo, 621.000 euros a maiores

Ademais da petición de cadea Dorribo terá que afrontar, antes do propio procedemento, o depósito dunha fianza de 621.610 euros para asegurar que abonará as indemnizacións ás que poida ser condenado. Do mesmo xeito, Dorribo e nove persoas acusadas máis, entre elas o ex-director do Igape e o ex-deputado do PP, terán que depositar unha finanza de 3,9 millóns de euros de forma "conxunta e solidaria" para "aseguraren as responsabilidades pecuniarias" que poidan ter que afrontar se son condenados. Se non realizan o pagamento, advirte o auto, seranlles embargados bens por un importe equivalente.

Cinco anos de procedemento

O caso chegou a salpicar ás tres forzas que daquela formaban o Parlamento galego por mor das acusacións do principal imputado

O caso Campeón estourou en maio de 2011, pouco despois das eleccións municipais daquel ano, e fíxoo cun rexistro policial na sede do Igape e nas instalacións de laboratorios Nupel ordenado pola xuíza Estela San José, agora destinada en Huelva, quen no outono de 2014 xa deixara concluída a instrución, antes do seu traslado. Durante os seguintes meses a investigación estendeuse ata implicar unha corentena de persoas, entre elas destacados políticos de PP, PSdeG e BNG, esencialmente por mor das declaracións de Dorribo.

Así, o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o ex-ministro de Fomento, José Blanco, estiveron imputados ao acusalos o presunto líder da trama de recibiren cartos da súa man a cambio de xestións políticas. No entanto, o caso contra Orozco foi arquivado no verán de 2012 e o de Blanco tivo o mesmo destino no Tribunal Supremo, pola súa condición de aforado. No que atinxe ao ex-conselleiro do BNG Fernando Blanco, San José ditaminara a apertura dunha peza separada tras examinar un informe no que Facenda indicaba que non existían probas de que Dorribo lle pagase cantidade ningunha. A competencia para xulgar o caso é agora, segundo se estipula no auto do xuíz, da Audiencia Provincial de Lugo.

Jorge Dorribo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.