A Xunta admite que o persoal médico do centro de menores que privatiza en Ourense traballe como autónomo

Detalle dun dos cuartos do centro de Montealegre antes das últimas obras © Imaxes facilitadas pola Xunta aos contratistas

Seis anos despois do que fora presentado como un peche duns oito meses do centro de menores de Montealegre, en Ourense, para realizar "obras de remodelación e acondicionamento", a Consellería de Política Social disponse a reabrilo. Vaino facer, como vén informando Praza.gal, mediante unha fórmula de xestión privada ata o ano 2020 financiada con ata 3,2 millóns de euros que chega despois de que saísen das arcas públicas uns 2 millóns en reformas do complexo. Tras deixar o centro sen persoal público -mediante despedimentos e traslados- a empresa ou entidade que obteña o contrato achegará tamén un novo plantel. Nel inclúese persoal médico para o que a Xunta admite unha fórmula dificilmente encaixable se Montealegre continuase baixo xestión pública: que traballe como autónomo.

O prego de condicións da privatización, en marcha dende finais de febreiro, sinala que este centro, especializado en menores de 12 a 17 con "graves problemas de conduta" baixo "garda ou tutela da Xunta" por orde xudicial, terá que contar cun cadro de persoal mínimo formado por case unha corentena de profesionais. Neste cadro de persoal figuran os postos de dirección e subdirección, 17 de educación dos que tres poden ser tamén de "coordinación do equipo educativo" ou dous postos de psicoloxía clínica especializada.

Xunto a eles figuran outros postos con menos estabilidade. Entre eles o prego de condicións inclúe "un médico, a media xornada, ou profesional autónomo que preste o servizo" e agrega outro posto de psiquiatría e outro de enfermaría en idénticas condicións. O prego non fixa un número de horas de dispoñibilidade no caso de que a empresa adxudicataria opte por persoal autónomo e tampouco achega detalles sobre a súa remuneración. Os "profesionais autónomos" son tamén unha opción que Política Social nas áreas de mantemento, limpeza, cociña e lavandería, eidos nos que tamén permite que a adxudicataria subcontrate o servizo a "empresas externas".

O persoal médico, de psiquiatría e de enfermaría poderá ser autónomo e os servizos de mantemento, limpeza, cociña ou lavandaría, subcontratado a "empresas externas"

Esta fórmula de xestión xa foi obxecto de rexeitamento por parte do persoal de Política Social na provincia de Ourense -representado polos sindicatos CCOO, CIG, CSIF, UGT e SUMA- e tamén pola banda do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. No caso deste colectivo profesional a alerta céntrase nas dezasete prazas de persoal educativo. O propio prego, salienta o CEESG, só pide que a entidade adxudicataria se dote de persoal "en posesión dunha titulación universitaria media, superior ou de grao en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social". Esta "descrición", sinala o colexio, deixa claro que "a titulación necesaria e adecuada" é a de Educación Social, creada nos anos 90 en Galicia precisamente para atender estes labores. Non esixila pon "en xogo os intereses laborais" do sector, pero tamén a "calidade do servizo socioeducativo" que reciben os menores, polo que están "estudar" a posibilidade de "emprender accións legais" contra a contratación.

O PP rexeita no Parlamento manter a xestión pública

Noela Blanco (PSdeG) e Marta Rodríguez (PP) / Parlamento de Galicia

O inicio do proceso para privatizar a xestión de Montealegre cadrou co debate, o pasado xoves, dunha iniciativa do PSdeG no Parlamento encamiñada a reclamar que o centro permanecese como "centro de xestión pública con persoal público", resumiu a deputada Noela Blanco. A privatización, afirma, traerá consigo "un incremento de custo" para a Administración, ao tempo, "menor control" da Xunta sobre "un dos elos máis febles da cidadanía", como son os menores con problemas de conduta. Aínda por riba, critica, "deixan fóra a Educación Social" das esixencias do persoal.

O PSdeG reclamou co apoio de En Marea e BNG que o centro permaneza "con xestión pública e persoal público"

A iniciativa do PSdeG recibiu o apoio do BNG, que a través de Montse Prado subliñou que Montealegre "ten que ser de xestión pública", e tamén de En Marea, cuxa deputada Paula Vázquez Verao cualifica este proceso de "infamia e engano". Os recursos públicos, sinala Vázquez Verao, non poden dedicarse a "facer negocio nun eido tan sensible" e menos aínda tras máis de media década de peche do centro.

Os populares reducen a "frivolidades" as acusacións da oposición e resalta que o centro vai atender "patoloxías de saúde mental", aínda que o prego de condicións exclué estes casos

As intervencións da banda esquerda foron retrucadas dende o PP pola deputada Marta Rodríguez Arias, que as reduce a meras "frivolidades" sen "un mínimo de seriedade". Montealegre non se privatiza, mantén, porque "o que existe é unha contratación pública por parte dunha entidade do terceiro sector" á que se lle encomendará reabrir o complexo como "un novo centro" que "dea resposta a menores con trastornos de conduta e necesidades terapéuticas". Alí, asegura, atenderanse "situacións derivadas de patoloxías de saúde mental". No entanto, no prego de condicións indícase explicitamente que "non poderán ser ingresados" os "menores que presenten enfermidades ou transtornos mentais que requiran tratamentos específicos en servizos de saúde mental", así como tampouco menores con "discapacidade grave ou profunda".

Para Rodríguez Arias as acusacións da oposición enmárcanse nunha "cantinela absurda" sobre privatizacións que "non hai quen crea". "Por desgraza, tiñamos razón", retrucou Noela Blanco, quen ademais advirte de portais de busca de emprego en internet xa están a ofertar, mesmo antes de que o servizo estea adxudicado, postos de traballo neste centro de menores para postos como a cociña ou o servizo educativo.

Interior do centro antes das últimas obras Dominio Público Imaxes facilitadas pola Xunta aos contratistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.