A Xunta amplía o fiasco da TDT cunha prórroga de dous anos para empresas incumpridoras

O equipo de Popular TV Galicia anuncia o seu peche en 2013 © Popular TV

Case 142 millóns de euros de investimentos e, practicamente, 1.700 postos de traballo. Son as mareantes cifras que manexaban as empresas concesionarias das licenzas de televisión dixital terrestre outorgadas pola Xunta ao longo da pasada década. O Goberno Fraga en funcións, para o ámbito autonómico, e o bipartito de PSdeG e BNG, para o local, repartiron cincuenta licenzas entre 15 empresas e grupos empresariais que, sobre o papel, facían augurar unha caste de primavera de desenvolvemento económico e de creación de postos de traballo no sector televisivo, ademais dun prolífico período de oferta audiovisual no país. Unha década despois daqueles repartos o que florecen son os incumprimentos das ofertas destas empresas que, grazas a unha disposición legal coada pola Xunta nos Orzamentos Xerais para 2015, disporán de dous anos máis para cumprir os seus compromisos antes de teren consecuencias no caso de non o faceren.

Dentro do mare mágnum que supón a coñecida como lei de acompañamento dos Orzamentos, un compendio de disposicións legais que afecta a ámbitos tan diversos como os casinos, os servizos sociais ou o ensino, o Goberno galego inseriu tres artigos dedicados á "comunicación audiovisual" nos que abre a man para estas compañías apoiándose no "cambio de circunstancias" que, xustifica, se "produciu dende o outorgamento" das concesións e a "necesidade de viabilizar e pór en marcha o servizo". Así, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo indica que "os adxudicatarios" das concesións "outorgadas provisionalmente con anterioridade á entrada en vigor" da lei de comunicación audiovisual de 2010 e do decreto 102/2012, isto é, todos, "disporán dun prazo de dous anos" para "materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e acreditar o cumprimento das obrigas" en materias como o investimento ou o emprego.

A Xunta usa os Orzamentos de 2015 para dar dous anos de marxe antes de rescatar as concesións

Nesta liña, durante os primeiros meses de 2015 a Xunta "dirixirase aos titulares das licenzas" para comunicarlles que "actuacións teñen pendentes de realizar". Caso de "non cumprir os compromisos e obrigas indicados" para a posta en marcha das emisións nestes dous anos, a Xunta "iniciará os procedementos de revogación correspondentes, tendentes á extinción das licenzas para a prestación dos servizos de comunicación audiovisual de televisión". Así as cousas, as empresas incumpridoras reterán as súas licenzas, cando menos, dous anos máis.

Un panorama inzado de incumprimentos

Esta prórroga formulada polo Goberno galego chega nun contexto caracterizado polos incumprimentos dos compromisos, especialmente pola banda das grandes empresas que obtiveran as concesións. Así, por exemplo, no ámbito autonómico a única empresa que cumpre algo do comprometido é La Voz de Galicia, que asegura ter un plantel de "máis de 50 traballadores" en V Televisión, canle que emite dende 2010. Así e todo, o compromiso concesional da compañía con sede en Sabón chegaba ata os 148 empregos e os 97 millóns de euros de investimentos. Peor aínda é o caso de Popular TV, a canle da Cadena COPE que se comprometeu a investir en Galicia 2,3 millóns de euros e a manter 40 postos de traballo, pero que pechou en 2013, cando levaba uns catro anos emitindo e mantiña un plantel de 20 persoas.

Unha das dúas autonómicas concedidas xa pechou e a outra emite por baixo dos compromisos adquiridos, das 48 licenzas locais só 8 están a funcionar

No ámbito local o panorama é aínda, se cabe, máis desolador. Das 48 licenzas outorgadas só 8 están en funcionamento (TeleLugo, Santiago TV, Correo TV, Localia Vigo, Telemiño, Canal Rías Baixas, Nós TV e Televinte) e fano, en xeral, en situacións de relativa precariedade e, en moitos casos, por baixo do prometido agás honrosas excepcións, caso por exempo da chantadina Televinte que, segundo datos do Consello da Cultura Galega, en 2010 empregaba 4 persoas malia prometer inicialmente dous empregos.

Fronte a isto, nada se sabe das licenzas que obtiveron, por exemplo, grupos mediáticos como Prisa, propietario da Cadena SER, ou Prensa Ibérica, do que dependen La Opinión de A Coruña ou Faro de Vigo. Algo semellante acontece co grupo La Capital, editor de xornais como El Ideal Gallego. No caso doutras empresas, como a Editorial Compostela (El Correo Gallego), La Región ou El Progreso, as súas emisións estanse a desenvolver pero pasando por alto o comprometido no que atinxe a investimento, emprego e contidos vinculados a cada unha das comarcas nas que dispoñen de licenza para emitir.

O equipo de Popular TV Galicia anuncia o seu peche en 2013 © Popular TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.